28/12/11

UN NOVO RECOÑECEMENTO PARA TERESA MOURE

Fotógrafa: Paula Gómez del Valle
Sorprendémonos ao ler o seu currículo inzadiño de premios ás súas obras de narrativa e ensaio. 

Falounos das súas vivencias, sensacións e emocións cando lle comunicaban un premio. 

Pois ben, un novo premio chega hoxe para Teresa Moure: o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio á obra titulada Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións.
PARABÉNS, TERESA!

21/12/11

MEMORIA PARTILLADA COA ESCRITORA TERESA MOURE

A primeira sorpresa da xeira: sentármonos para conversar en familia





Aínda que tamén houbo tempo para conversas "privadas"
E mais para un monte de dedicatorias únicas e senlleiras
GRAZAS A TERESA MOURE POLA SÚA PALABRA-VISIÓN DO MUNDO!

20/12/11

ENCONTRO CON TERESA MOURE


Despois do noso encontro coa escritora Teresa Moure, agora ficamos coa lembranza da súa visita, das palabras e reflexións que partillou connosco ao redor do oficio da escrita. Tamén ficamos coa imaxe gráfica e coa nova xornalística que espallou por toda a comarca a nosa actividade.
http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2011/12/20/0003_201112C20C12991.htm

19/12/11

PREZADO APALPADOR / PREZADOS REIS MAGOS


Desde a Lingua de Alcaián presentámosvos este enlace ao CPI VIcente Otero Valcárcel (Carral) onde nos ofrecen suxestións ben variadas de agasallos para escribir nas nosas cartas. 
http://www.edu.xunta.es/centros/cpivicenteotero/galeria/thumbnails.php?album=27&page=1&sort=pa
Claro que... non esquezades que primeiro hai que presentar a "carta de comportamento" anual e se cadra non todo o que se pide chega... 
Así que, mooooooooita sorte!

18/12/11

APAGHA A TELE!

Lembrades as últimas reflexións que xurdiron na aula ao redor do tempo de dedicación á lectura e á televisión? 
Agora imos continuar escoitando outras opinións a ritmo de rap do grupo Dios Ke Te Crew.

17/12/11

MÁIS LELA

E agora velaí unha outra versión musical do mesma tema ben diferente nas voces do grupo Astarot.

Cal vos prestou máis?

LELA

Hai uns días escoitabamos unha moza serbia a cantar "Lela". Imos escoitar agora dúas versións ben diferentes desta peza tan coñecida tomada d´Os vellos non deben de namorarse, a obra de teatro de Castelao.
Velaí vai a primeira na voz de Dulce Pontes e na música de Carlos Núñez.

13/12/11

UN NOVO MUNDO LITERARIO AO NOSO ALCANCE

Non hai nada mellor que poder ler unha obra literaria na súa lingua orixinal, mais cando non se coñece esa lingua de orixe é unha fortuna podermos chegar a ela desde o importantísimo traballo da tradución. 
Reparade nesta grata sorpresa que hoxe nos ofrece o xornal El País, desde a súa edición galega: 
 http://www.elpais.com/articulo/Galicia/poeta/polaca/Szymborska/primera/vez/gallego/elpepuespgal/20111213elpgal_11/Tes

Wislawa Szymborska, poeta polaca, Premio Nobel de Literatura en 1996

08/12/11

O GALEGO NA TELEVISIÓN SERBIA!

Quen dixo que o galego non é universal?
Aínda hai quen non saiba que a historia do pobo galego se construíu ao redor do mundo?
Como explicarmos que unha moza serbia cante  no programa "Ja imam talenat" da televisión serbia dúas cancións galegas tan sonoramente coñecidas como "Lela", de Castelao e mais "Negra sombra" de Rosalía de Castro?
Que vos parece? Estamos de moda no mundo ou non?
Ollade o vídeo, con especial atención a partir do minuto 4 e veredes como este noso blog é unha auténtica caixa de sorpresas...

04/12/11

PERDER A VIDA E PERDER A LINGUA?

É ben sabido que o galego, a nosa lingua oficial e propia, está ausente en moitos usos ocupados (case)exclusivamente polo castelán. Parámonos a pensar algunha vez en cal é a lingua das lápidas?
Lápida da tumba de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo
Reparemos neste artigo do xornal El País e logo observemos ao noso redor, na nosa parroquia. Que acontece?

01/12/11

CON QUE CARA PINTA DECEMBRO O REFRANEIRO?

Mudamos de mes e inauguramos a recompilación de refráns propios do tempo con estes exemplos:


O Courel lugués nevado

Nadal mollado e xaneiro ben xeado.
O día de Santa Lucía mingua a noite e medra o día

Agardamos xa polas vosas propostas para o noso refraneiro particular! E lembrade que moitas veces, como acontece nos exemplos anteriores, o nome do mes pode estar agochado noutras referencias cronolóxicas... así que xa vos vexo investigando... 

30/11/11

UNHA IMAXE PARA REFLEXIONAR.

De volta hoxe da primeira reunión do club de lectura, altamente satisfactoria, lembrei esta viñeta que me parece que ben merece unha reflexión. Adiántoa por aquí e traballarémola na aula como modelo para a elaboración do noso próximo texto argumentativo.

28/11/11

EN GALEGO, SEN PREXUíZOS

Esta fin de semana tiven a oportunidade de participar nas III Xornadas Educación e Linguas e, ademais de aprender contidos moi interesantes, puiden coñecer a tres persoas que son auténticos modelos para a sociedade: Xurxo Souto, Xavier Gómez Noya e Jorge Mira. 

Por que? Que teñen en común? 

Son galegos con traxectorias profesionais brillantes, recoñecidas internacionalmente, pioneiros nas súas áreas de traballo e que... ollo ao piollo!!! entenden que o galego é un idioma útil, de presente, con futuro e con dereito a vivir en igualdade, como outro idioma calquera do mundo. Razóns fundamentais para eles non o abandonaren nunca!

Déixovos aquí este enlace a unha ben interesante gravación ao ferrolán, campión do mundo de triatlón, Javier Gómez Noya: http://eufalo.tv/video/en-ferrol-falase-javier/

E vós que pensades?

E AGORA QUE!

Rosa Aneiros recibindo o Premio Xerais pola obra Sol de inverno e o Premio Fundación Caixa Galicia por Ás de bolboreta
Cando iniciamos as lecturas de A xeira das árbores e mais Ás de bolboreta comentamos que ían ser experiencias lectoras moi diferentes ás vividas nos cursos anteriores. Agora que rematamos a súa lectura, que impresión vos deixan? Foron realmente diferentes? Que vos achegaron?

18/11/11

A LITERATURA E A MOCIDADE


Esta fin de semana toca mudar o ritmo das aulas. No canto de ser docente, convírtome en alumna e escoito as opinións de escritores e escritoras, profesoras e profesores de todo o país, a respecto de como necesitamos transmitir e inculcar o gusto pola literatura e pola lectura ao noso alumnado.

Hoxe ocórrese prestarvos este pequeno poema do ceense Miro Villar que nos presenta o seu mar máis persoal. É verdade iso que contan por aí de que non gustades da literatura?

No mar medran froiteiras e as mans do mariñeiro,
mans de ferro, con fendas salgadas do traballo,
collen xurelos de ollos cegos e escamas tona
de prata, que relocen en cestos de esperanza;
mentres o home interroga xa o día de mañá.

17/11/11

O GALEGO ANDA NA NUBE DO TEU MÓBIL


Novas de última hora!

Quen dixo que aínda non sabía conxugar os verbos?

CONXUGALEGO pode ser unha axuda (non apta para centro escolar ;-))

https://market.android.com/details?id=es.sonxurxo.android.conxugalego

A MIÑA DESCUBERTA CAMIÑO DE PONTEVEDRA

A experiencia partillada convosco camiño de Pontevedra foi para min moi gratificante, incluso coa música que seleccionastes para a viaxe de ida e volta en autobús (vale, non toda a música tampouco...).

Agradézovos que me descubrísedes esta canción brasileira, xa que a música deste enorme país é moito do meu agrado. Alegroume, asemade, oírvola cantar; velaí a proba auténtica de que entre galego e brasileiro son máis as semellanzas do que as diferenzas.

16/11/11

EU ATENDEND´O MEU AMIGO...


Sedia-m’ eu na ermida de San Simión. Meendinho

Sedia-m’ eu na ermida de San Simión
e cercaron-mi-as ondas que grandes son.
Eu atendend’ o meu amigu’! E verrá?

Estando na ermida, ant’ o altar,
cercaron-mi-as ondas grandes do mar.
Eu atenden[d’o meu amigu’! E verrá?]

E cercaron-mi-as ondas que grandes son:
non ei [i] barqueiro nen remador.
Eu [atendend’o meu amigu’! E verrá?]

E cercaron-mi-as ondas do alto mar:
non ei [i] barqueiro nen sei remar.
Eu aten[dend’o meu amigu’! E verrá?]

Non ei i barqueiro nen remador:
morrerei [eu], fremosa, no mar maior.
Eu aten[dend’o meu amigu’! E verrá?]

Non ei [i] barqueiro nen sei remar:
morrerei eu, fremosa, no alto mar.
Eu [atendend’o meu amigu’! E verrá?]









































































UN MUNDO CHEO DE CANTIGAS GALEGO-PORTUGUESAS MEDIEVAIS

A petición de Álvaro Mol, velaquí vos deixo o novo portal web que o sabe todo da nosa riquísima literatura galega medieval

Viaxade por el, a través deste enlace, e xa iredes contando...

http://www.cantigas.fcsh.unl.pt

A ilustración da dereita pertence ao Pergamiño Vindel, cuxo facsímil puidemos ver nas aulas de 3º . Que cantigas podemos ler nel? Cantas? De que trobador?

15/11/11

ÚLTIMA PROBA FOTOGRÁFICA!

E que vos suxire este placa dunha das últimas rúas que visitamos?
Por que dous nomes para unha mesma rúa? 
Cal é a razón dese segundo nome?

14/11/11

TERCEIRA PROBA FOTOGRÁFICA PONTEVEDRESA

As dúas probas anteriores foron superadas, así que agora chegamos á terceira. Unha nova paradiña... onde? con quen? por que?
Que nos contades desta imaxe?

11/11/11

NOVA DESCUBERTA POR PONTEVEDRA

Superada a primeira proba fotográfica, tócalle turno á segunda. A ver que vos lembra este monumento en pedra!

Quen é? Onde estaba? Quen foi o seu escultor?

A proba comeza xa!

10/11/11

E DESPOIS DA VIAXE A PONTEVEDRA...

... seguro que temos moitas impresións que partillar, así que xa sabedes que este é o noso muro para pintalas, expresalas, grafitealas...

Cal é a vosa valoración da aula que onte trasladamos á fermosa cidade de Pontevedra, a "boa vila" que dicía o Padre Sarmiento? Que vos sorprendeu? Se tivésedes que escoller un momento da xornada, cal sería?

Nos próximos días, irei deixando por aquí algunha fotografía con truco... Por que? Porque agardo a que, entre tod@s @s que andades por aí asexando no blog, algúen descubra a que momento e lugar da xornada pertence. Imos poñer a proba a vosa atención! Velaí vai a primeira!

06/11/11

A LINGUA SABE A PAN


Menudo lipdub prepararon os alumnos e alumnas do CPI Virxe da Saleta de Cea (Ourense) .
Que non sabedes o que é un lipdub? Velaquí a resposta!

Neste enlace poderedes escoitala e aprendela ao mesmo tempo. Quen se está animando xa?
http://soundcloud.com/ticscea/a-lingua-sabe-a-pan

Por Cea a lingua sábelles a pan. E por Coristanco, a que sabe?

VISITA Á CIDADE DE PONTEVEDRA

Monumento a Castelao e Pontevedra
Xa sabedes que este próximo mércores 9 de novembro viaxaremos cara a Pontevedra para revivir os pasos de Castelao nesta cidade. Será unha mañá ben completa, mirade o plan de viaxe:

9:00 Saída desde o centro
11:00-12:30 Roteiro urbano guiado á procura de Castelao
12:30-13:00 Descanso
13:00-13:45 Visita á exposición sobre Historia da Lingua de Xan Leira na Biblioteca Municipal
16:00 Saída desde o centro para a casa no transporte escolar

Moi importante para lembrar:
* Ollo á climatoloxía! Cando vai frío ou chove, abrigos, chuvasqueiros, botas e paraugas son imprescindíbeis!
* Máxima puntualidade ao longo de toda a viaxe
* Atención e respecto para co guía que nos explicará as peculiaridades do roteiro e tamén na estadía na biblioteca.
* Fai falta repoñer ao longo da xornada os depósitos, así que todo o mundo coa súa merendiña!
* Como a cabeza non o garda todo (nin falta que fai!), caderno e bolígrafo de reporteir@s en man.
* NON VOS ESQUEZADES DE PASALO BEN APRENDENDO!

03/11/11

II DÍA DA CIENCIA EN GALEGO



O venres 4 de novembro celébrase o II Día da Ciencia en Galego, sobranceando as figuras de dúas mulleres científicas ben singulares: a física franco-polonesa Marie Curie e a matemática coruñesa María Josefa Wonenburger. Dúas mulleres precursoras no ámbito da ciencia e, sobre todo, pioneiras canto á súa formación e traballo realizado no mundo da docencia universitaria e mais no da investigación.

Dádevos un paseo pola entrada principal e descubriredes unha información ben interesante que prepararon as profesoras dos departamentos de matemáticas, bioloxía e xeoloxía, lingua galega e mais do equipo de normalización lingüística.

Que vos parece?

31/10/11

UN MES... CANTOS REFRÁNS?

Inauguramos o mes de novembro cunha nova sección que nos vai axudar a descubrir ou (re)aprender refráns galegos vinculados a cada mes. Xa sabedes que a sabedoría popular sempre manda, así que toca ir preguntándolle ao mundo, á xente que nos rodea que é quen máis sabe (case) sempre...

Todos os refráns que averigüedes vinculados co mes de novembro, rexistrádeos como un comentario a esta entrada e ireinos subindo á sección que xa podedes ver na marxe dereita do blog.


A que estades esperando? O mes, digo... o tempo voa!

E DE MAIOR QUERO SER... (2ª PARTE)

Neste artigo da revista dixital Tempos Novos poden residir algunhas claves que nos axuden a entender o tema central da obra de teatro que vimos a pasada semana. Que vos parece?
http://temposdixital.com/td/sociedade/10/a-sociedade-ponlle-a-mascara-da-igualdade-o-machismo-e-o-sexismo/

OS DOUS DE SEMPRE, CASTELAO


II
UN RAPAZ QUE SERÍA QUEN DE MANXAR A SEU PAI POLAS PERNAS
A tía Ádega, chea de alifaces, non reparaba en sacalo da boca para mandarllo ós meniños de Farruco: un sobriño casado fóra da vila.
A probe vella mantíñase de peixes pequenos, dos peixes que mercan as señoras gordas para botarllos ó gato, e todo por aforrar para os fillos de Farruco.
En días sinalados a tía Ádega mandáballe[s] ós sobriños un caixón cheo de cousas de comer, e quedábase cavilando no contentamento dos rapaces. A caixa sempre contiña lambetadas de mérito: chourizos, anacos de pernil, roscas de ovo, cachos de tarta, melindres, zucre...
Farruco ben merescía as axudas da tía Ádega porque vivía feito un azacán; ¡el, que fora o mozo máis enfonchado da vila, por quen toleaban as mozas de máis porqué!
Casárase Farruco1 e axiña comezaran a choverlle nenos do ceo. O mozo, denantes algareiro e parrandista, trocárase nun limón estruchado polo traballo e as cavilacións. Os nenos eran fazuleiros e bonitos, como anxelotiños de retablo barroco; pero compría moito pan para tantos peteiros abertos.
A rolada dos nenos de Farruco enchía de rechouchíos o abrente do día, e o probe pai tiña que erguerse co corpo magoado polo traballo da véspera. Os rapaces non paraban de piar. Eles comían, comían, e as súas cariñas ledas e bonitas sempre amostraban o degoiro de comer. O probe Farruco chegou a decatarse de que as andorgas dos nenos endexamais se fartarían, e adicouse a traballar sen acougo, resiñado coa súa cativa sorte.
Cando chegaba o caixón da tía Ádega, os rapaces bailaban ó seu redor e non saían da casa antramentras o caixón non se baldeirase nos seus bandulliños. Cando non había ningún rapaz de Farruco na rúa, era sinal de que chegara o caixón da tía Ádega.

Eu quero contarvos un sucedido que amostra os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o probe pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recebir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañán, e achegouse a el Pedro, o fillo máis vello, que o despertou das súas cavilacións.
—¿De onde veu o meniño, papai?
E Farruco respondeulle, por decir algo:
—Mandouno a tía Ádega no caixón das lambetadas.

E Pedro, dispois dun anaco de meditación, volveu a perguntar, cos seus ollos de acibeche, brilantes de ledicia:
—¿E cando o comemos?
Os dous de sempre, Castelao

RENOVADO O LIBRO DA SEMANA



O mes de outubro vai tocando a fin e a noite de samaín dará paso a novembro. Xa sabedes que o pobo creou un refrán moi atinado para el:
Bendito mes, que empeza en Santos e acaba en Santo Andrés!
Nesta derradeira xornada de outubro, coincidente con comezo de semana, non nos esquecemos de renovar a sección "O libro da semana". Retrincos cédelle o testemuño á novela Os dous de sempre. Lectura altisimamente recomendada!

29/10/11

LEONARD COHEN, MÚSICA E POESÍA

Leonard Cohen acaba de recibir o Premio Príncipe de Asturias das Letras. Orixinal poeta e músico, xunguidos nunha única voz inconfundíbel, ben merece que o descubramos nesta Lingua de Alcaián dun xeito tamén especial. Como vai ser? Atentos!

Partindo da nosa lingua propia, imos descubrir a nova da concesión do premio en portugués, desde a RTP, a compañía de radio e televisión portuguesa. Clicade neste enlace e escoitade con atención. Se hai que repetir audición, non pasa nada!
http://www.rtp.pt/noticias/?t=Leonard-Cohen-vence-Premio-Principe-das-Asturias.rtp&headline=20&visual=9&article=447670&tm=4

E agora, xa podemos escoitar unha das súas cancións máis coñecidas e, ao tempo, seguir a letra en inglés.

Quen lle ten medo ao trilingüismo? Nós, desde logo que non! Quen dixo medo!

O ENCANTO DE XAVIÑA

Bergantiños é terra fértil en patrimonio oral. No inicio deste blog descubrimos a lenda da Lagoa de Alcaián e unha alumna lembrou que ela descoñecía esta, mais si sabía a do encanto de Xaviña. Paseando pola magnífica web www.galiciaencantada.com, atopeina. Velaquí vola deixo, para @s de Xaviña e para os das outras parroquias... Que non se me cele ninguén...


A braña de Xaviña está en Santo Tomás de Xaviña, preto da ponte de Reigoso, concello de Coristanco (A Coruña).
Aquí foi onde se lle apareceu a un rapaz que andaba coas vacas unha lagartixa que lle falou:
—Quen me queira desencantar, tres biquiños me ha de dar.
Aquela aparición repetiuse varios días e a lagarta sempre lle dicía o mesmo. O rapaz tomou medo e dixo na casa que non quería ir coas vacas para a braña; entón o irmán máis vello, vese que máis valente, ofreceuse para ir el no seu canto.
Cando chegou, pasoulle o mesmo. Presentouse a lagartixa e díxolle:
—Quen me queira desencantar, tres biquiños me ha de dar.
Pero, xa ora, ó mozo dáballe noxo bicar o becho no fociño, así que lle puxo un pé enriba da cabeza e deulle o bico no rabo.
Disque, nada máis bicala, sentiu unha sensación moi suave e, sen decatarse, deulle outro bico na cabeza.
Para a súa sorpresa a lagarta transformouse de inmediato nunha fermosa moza. Pero aínda quedaba outro sobresalto; a moza resultou ser unha irmá de seu que desaparecera había xa uns anos.

QUE SABEMOS DO SAMAÍN?

Seguro que xa andades argallando que facer para celebrar o tránsito do 31 de outubro ao 1 de novembro... 
A noite das cabazas, das pantasmas, dos medos, das sombras, do (re)encontro do mundo dos defuntos co mundo dos vivos... 
Que sabemos realmente da noite do Samaín? Celebrábano os nosos antergos como facemos hoxe nós? E os nosos pais e nais? E os nosos avós e avoas? A ver que contades de novo!


27/10/11

SABENDO MÁIS DE TERESA MOURE

Continuamos avanzando na lectura d´A xeira das árbores, en 3º, e cada vez semella que lle tomamos máis gusto á vida de Clara, a súa personaxe central.
Hai uns días escoitamos á propia autora, Teresa Moure, falarnos de que foi o que a motivou para escribir. É hora de irmos sabendo algo máis dela, non vos parece? Mais neste caso, imos cambiar as regras do xogo. Eu fago as preguntas e a ver quen é o/a primeiro/primeira en conseguir anotar as respostas completas...

1. Ten publicada algunha outra novela Teresa Moure?
2. E algún poemario?
3. E algunha obra de teatro?
4. Tense representado nos escenarios algunha obra da súa autoría?
5. Coñeces algún título que se corresponda co xénero ensaístico?
6. Gañou algún premio?
7. Algunha obra súa está traducida?

O tempo comeza XA!

E DE MAIOR QUERO SER...

Hoxe asistimos ao noso primeiro encontro co teatro deste curso. Mesmo a chuvia nos acompañou! 
E de maior quero ser..., da compañía coruñesa Caramuxo Teatro, abriunos os ollos sobre a necesidade de romper cos moldes tradicionais que pretenden convencernos de que existen hábitos, accións, deberes, profesións, etc., que veñen predeterminados para as mulleres pola súa simple condición de mulleres. 



E vós que pensades? Que reflexión ou valoración facedes do que vimos hoxe? Só é puro teatro?

25/10/11

UN REPASIÑO POLA ANÁLISE SINTÁCTICA

Aínda que nada resulta novo xa, cómpre ter ben clariño o procedemento que debemos seguir para unha boa análise sintáctica oracional.
Déixovos aquí novamente un repasiño rápido que fixemos hoxe na clase de 4º para retomarmos na aula esta parte da programación nos próximos días. 
http://www.slideshare.net/Manulourenzo/as-funcins-sintcticas-473467


Oportunidade única para refrescardes ideas e ir collendo carreira!

FELIZ CUMPRESEMANA!

Superada a primeira semana de vida, a nosa Lingua de Alcaián superou as 400 visitas!!!!


Parabéns a todas e a todos os que por aquí nos reencontramos día a día!

O INVESTIGADOR JORGE MIRA, PREMIADO NOVAMENTE

Seguro que aínda lembrades con nitidez a visita e a conferencia que o científico e profesor da USC, e veciño de Baio (Zas), impartiu na pasada Semana Cultural no noso centro. Estes días volve estar de actualidade por ser novemente premiado por un dos seus traballos de investigación.
Déixovos a nova desde a alegría e o orgullo para coa próspera carreira de Jorge Mira.
http://www.quepasanacosta.com/?p=10376

24/10/11

FREDDIE MERCURY

Hoxe xurdiu, en 3º ESO, na lectura que abre a Unidade 2, o nome do eterno galán do cinema norteamericano Rock Hudson, nas décadas dos 50 e 60, e mais o do magnífico vocalista do grupo QUEEN, Freddie Mercury. E a conto de que? Que terán en común os dous coa protagonista da lectura Futuro imperfecto? Pois que os dous faleceron a causa da SIDA, mentres que Xulia Alonso, a autora da obra citada, é unha sobrevivente desa doenza. Coido que a sesión de hoxe non foi intranscendente...
Rubén Darío lembrou unha canción magnificamente interpretada por Freddie Mercury: We are the champions! Eu déixovos outra para ampliar coñecemento musical. 


Non esquezades nunca o lema: Don´t stop me now

23/10/11

XA ÍA TOCANDO ALGO DE MÚSICA...

Así que xa vos deixo o "Salitre" de Xabier Díaz, acompañado pola voz de Guadi Galego e mais polo guitarrista Guillerme Fernández. Seguro que algunhas / algúns dos que andades por aí aínda lembrades as palabras de Xabier Díaz cando nos falaba da importancia da comarca de Bergatiños en sabedoría tradicional musical. Va que si?
Claro! Xa sabemos que existe moita máis música que a que programa "Los 40 principales"...

POÑER EN VALOR A ESCOLA

Nestes tempos en que parece que non toda a sociedade concorda coa importancia da escola para o presente e o futuro dun pobo...
Nestes tempos en que parece que todo o mundo entende da realidade da escola e dos escolares...
Nestes tempos en que algúns se empeñan en fala por falar da educación...


Propóñovos que reflexionemos sobre este pensamento que deixou escrito Concepción Arenal (1820-1893), esta ferrolá que conseguiu converterse na primeira muller que acudiu á Universidade e completar os estudos de Dereito, iso si, disfrazada de home. Por que sería?

21/10/11

A XEIRA DAS ÁRBORES

O próximo luns manteremos nas aulas de 3º a primeira conversa ao redor da lectura do comezo d´A xeira das árbores, escrita por Teresa Moure. Esta novela prenderá a nosa atención nesta primeira avaliación. Veremos o que dá de si o seu argumento, os seus personaxes...!


Polo de pronto, imos comezar a saber algo da súa autora. Velaí:
http://www.aelg.org/Centrodoc/ShowMediaLibraryVideo.do?id=1201

20/10/11

LINGUA DE REIS. LINGUA DO POBO (2ª PARTE)

Como o prometido é débeda, velaquí vos deixo a segunda parte do vídeo da historia da lingua e da literatura galega. Quen será o primeiro alumno ou alumna que responda correctamente estas cuestións:
1. Que personaxe histórico centra este capítulo?
2. A que estamento social pertencía?
3. En que século viviu?
4. Que papel desempeña no proceso de recuperación da lingua e da literatura galega que agora se inicia despois dos Séculos Escuros?
5. Como pensaba que tiña que ser o modelo educativo?

A ollar con atención... a pensar con xeitiño e a responder... xa!

19/10/11

LENDA DA LAGOA DE ALCAIÁN

Como nos mellores programas radiofónicos, imos atender unha petición ben interesante que nos fixo chegar "Anónimo" na primeira entrada. E que vén sido isto de Alcaián? Éche un invento noso ou unha realidade encantada? Foi? É?
A ver se por aquí descubrimos algo!!!
http://galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=159&n=alcai%E1n

16/10/11

AS IRMANDADES DA FALA

Andamos a voltas, en 3º e 4º ESO, coas diferentes etapas literarias da lingua e da literatura galega. É moi importante comprendermos que a nosa historia é un longo camiño que o pobo que nos precedeu foi tecendo non exento de dificultades.

Lembrade que cada etapa é explicada, como nas nosas vidas, en función de acontecementos anteriores. Nada é casual. Todo está xustificado por un contexto político, económico e social que foi modelando a lingua e a literatura de noso.

Reparade nesta serie de tres vídeos que irán aparecendo por esta xaneliña nos próximos días. Ás mozas e mozos de 4º serviranvos de repaso e aos de 3º de avance e introdución nesta peculiar máquina do tempo que nos ha transportar ao longo deste curso.





15/10/11

VOLVER A CASTELAO

Durante este 2011 lembramos a Castelao 125 anos despois do seu nacemento en Rianxo. Que mellor xeito de rememorar o autor que lendo a súa obra, non si? E tamén ollándoa, porque xa sabemos das múltiples habilidades de Castelao como narrador, dramaturgo, ensaísta político, humorista gráfico, debuxante, caricaturista...

Reparade neste debuxo de Castelao do seu Álbum Nós (1931) e pensade se ten relación con algún relato lido na aula. Que vos parece?

SAÚDO DE BENVIDA

Arrancamos esta viaxe virtual que nos irá achegando, de maneira complementaria, a todo o traballo que realizaremos nas aulas durante o curso 2011-2012
Lembrade que a vosa (co)participación neste proxecto innovador é fundamental para podermos construír desde aquí un foro de reflexión e comunicación que nos axude a aprender máis e mellor. 
Mais, sobre todo, non esquezades que serán fundamentais os vosos comentarios, a vosa capacidade de resposta, así como o seguimento periódico da información que por aquí vaia xurdindo. 
Ah! E as vosas propostas tamén, claro!

DESPEDIDA