27/04/13

CORRELINGUA 2013



Xa está aquí unha nova edición do CORRELINGUA.

Poñémonos mans á obra en Coristanco?

Imos lendo a ver que nos conta este ano o Manifesto gañador que chega asinado polos GOLGOROTOS, alumnado de 4º do IES A Pinguela de Monforte (Lugo)
 
A miña lingua é segura,
O falar non ten cancelas
Unha casa  sempre  aberta
Que todos debemos protexer.
A miña lingua  é  miña nai
É honroso ter unha lingua
Fermosa, digna, que abre portas
Que non ten chaves, que nada pecha,
Ela mesma é a chave do mundo.
A miña fala é o máis importante,
Debo honrala cando a uso
Sentirme orgulloso de tela
Por ser o meu carné de identidade.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.


Do seu pasado glorioso no medievo
Debemos sentirnos en débeda
E propoñernos fortemente devolverlle
a importancia que nunca debeu perder.
Loitemos xuntos por fortalecela
Fagamos visíbel esa chave de ouro
Que nos abre todas as portas do mundo,
E ofreceremoslle un futuro digno.
Soñemos que somos os  dignos fillos
Da nai patria que todo nolo entregou,
Defendamos esta cultura e esta fala
Que coas súas bágoas protexeu
E en herdanza nos legou .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

Sexamos herdeiros merecentes
Da fala de rosalía, do pobo de pondal
Do progueso de curros, da poesía social
De celso emilio, dos contos de ánxel fole,
Da patria que amou o artista castelao,
Da imaxinación prodixiosa de cunqueiro,
Da nova narrativa galega, do  noso teatro,
E até do códice calixtino....
E doutros mil nomes máis da nosa literatura,
Pero non debemos quedar só aquí,
Os soños poden ser realidade.
Debemos saír das tristes tebras,
Das néboas para poder ver lucir o sol.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.


Propoñamos como bandeira
A defensa da nosa lingua
Poñamos a nosa alma en falala
Que o noso corazón sexa o galego,
Que o brillante azul do noso mar
Sexa o brillo da nosa lingua
Sexamos nós valerosos soldados
Que loitan con pacífica arma
Que leda sae dos  nosos beizos,
Non a deixaremos morrer,
Sempre estaremos á súa beira,
Mesmo coa propia vida gardaremos
A importante chave que  temos .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

26/04/13

LINGUAS OFICIAIS E NON OFICIAIS



Nas últimas semanas traballamos conceptos propios da sociolingüística como normalización, normativización, linguas maioritarias e minoritarias, linguas hexemónicas e minorizadas, linguas oficiais e non oficiais...

O estatus dunha lingua pode mudar no tempo e na actualidade podemos comprobalo co corso. Imos ver nesta nova xornalística de hoxe que está a acontecer con esta lingua na illa de Córsega.

25/04/13

XA TEMOS GRAFITIS FINALISTAS...

... así que agora tocar votar o gañador!

Estes son os versos-grafiti finalistas de 3º e 4º que agardan polos vosos votos até o día 30 de abril!!!

1. Tan só somos ornitorrincos que non facemos gran cousa
2. As palabras lévaas o vento e en Galicia hai moitos eólicos
3. Valora cada pequeno e insignificante detalle
4. Por ser non, malia non ter son
5. Por que non o fas?
6. Se é aburrido, non mo contes.

24/04/13

UN CADERNO VIAXEIRO MOI PERSOAL


Sen dúbida, todos os vosos cadernos persoais da viaxe a Rianxo e Padrón foron diferentes, acordes coa impresión e expresión propia de cada un/unha de vós.

De entre todos, imos partillar este que realizaron as compañeiras de 4º, Irene e Paula.

Olládeas aquí agachadiñas que argalleiras e orixinais foron!!!

SORPRESAAAAAAAA!!!!!



"ROSALÍA É POPPY, PONDAL É HEAVY E CURROS PUNKY"



Así define O Leo e Arremecagona, profesor, poeta e músico, os tres autores sempre salientados como voces principais do Rexurdimento literario e cultural galego de finais do século XIX.

Que vos parece este xeito de entendelos e explicalos ao seu alumnado?

Que interpretación podemos facer da viñeta do humorista ourensán Xosé Lois "O Carrabouxo" en relación a este tema?


23/04/13

DESCUBRINDO EDUARDO PONDAL IV

O  noso Himno Galego chega até a mesma China!!! 

Que vos parece esta versión musical do poema "Os Pinos" de Pondal?

Quen se atreve agora a non saber cantalo?


FELIZ DÍA DO LIBRO

Hoxe é 23 de abril, Día do Libro. Como todos os días, hoxe tamén é un bo día, ademais solleiro!!!, para dedicármoslles uns minutos á lectura silenciosa, a viva voz, en parellas... arroupados polas palabras, polos sons musicais, polas imaxes... Nun libro cabe todo!!!





22/04/13

DESCUBRINDO EDUARDO PONDAL III



Xa vimos como o poema "Os pinos" de Eduardo Pondal foi convertido en himno galego co acompañamento musical da partitura composta polo musicólogo de Mondoñedo, Pascual Veiga.



Este feito aconteceu en 1907 e é bo coñecermos a súa historia. Velaquí que ben nola explican desde o CEIP Galán de Arteixo!

Son moitas as versións musicais ao longo desta historia de xa máis de 100 anos. Ollade por aquí a ver cal vos gusta máis.

Cal é a última versión musical? A ver se vos parece que pode ser esta?
 


16/04/13

DESCUBRINDO EDUARDO PONDAL (II)

Logo da lectura do poema "Feros corvos de Xallas", de Eduardo Pondal, que nos ofrece o libro de texto, imos escoitalo na potente voz do poeta Darío Xoan Cabana.


DESCUBRINDO EDUARDO PONDAL (I)

Iniciamos o estudo doutra figura senlleira do Rexurdimento literario galego nas aulas de 3º. 

E para iso non hai mellor achega de estrea que un traballo audiovisual elaborado por estudantado.

Versos de Queixumes dos pinos con imaxes e sons para descubrirmos Eduardo Pondal...



11/04/13

ACTUALIDADE SOBRE A FALA

Un equipo de investigación, coordinado polo profesor e vicerreitor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, acaba de retonar do Val do Ellas. O motivo da estadía nesta zona de Extremadura onde se coserva A FALA, que tanto parecido garda co galego, foi ampliar os estudos sobre esa lingua.




Vexamos a actualidade informativa deste traballo sociolingüístico e tiremos conclusións.

10/04/13

CADERNO DE VIAXE

Voltamos da nosa viaxe literaria entre Rianxo e Padrón e chega a hora das valoracións. Cubriu as nosas expectativas? Resultou cómoda a organización? Foi unha experiencia de aprendizaxe real e alternativa ás aulas? Que foi o que máis non gustou? E o que menos?

Agardamos as vosas valoracións neste foro de comunicación e expresión sempre aberto a vós, mais tamén teredes ocasión de o facerdes nese Caderno de Viaxe que seguro que xa andades a artellar.

Hoxe imos deixar aquí tres pegadas fotográficas que recollen impresións descubertas onte por primeira vez e que xa nunca esqueceremos.

Pipas persoais do poeta Manuel Antonio


Manuescrito do poema "Excelsior"






Versos de benvida na entrada á Casa Museo de Manuel Antonio

07/04/13

TODO PRONTO PARA O ROTEIRO LITERARIO-CULTURAL RIANXO-PADRÓN

Xa stá chegando o agardado martes 9 de abril, case non queda nada, para irmos de rota cara ao Rianxo de Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste...


... e ao Padrón de Rosalía de Castro.


Lembrade levar roupa e calzado de abrigo porque a primavera debeu prender nalgunha silveira; acompañarvos dun bo xantar para que non cansedes rapidamente de patear e descubrir tanta novidade e tamén dun diario de viaxe para as anotacións que posteriormente haberá que elaborar e entregar. 

Instrucións? Este luns na propia aula. Vémonos!

GAÑADORAS DOS PREMIOS MESTRE MATEO QUE ESTIVERON PRIMEIRO CONNOSCO

Quen nolo ía dicir? Lembrades as visitas e as conversas estupendas que mantivemos a finais do curso pasado co director e algúns dos protagonistas da película Vilamor?



E lembrades a visita máis recente da escritora María Solar, autora d´As meigas de Lupa que lemos na primeira avaliación?

Pois María Solar recolleu onte o Premio Mestre Mateo 2013 polo seu programa diario cultural Zig Zag e Sabela Arán á Mellor Interpretación Feminina Protagonista polo seu papel en Vilamor.

Moitos parabéns ás dúas profesionais do audiovisual galego!!!


NOVA E REFRESCANTE DESCUBERTA VIAXEIRA

Cintia Riveiro descubriunos o paseo marítimo de Caión agochado na nosa fotografía viaxeira pola comarca e cóntanos isto:

Xunto á  praia e o entorno natural dos arredores, o aseo arítimo de Caión  forma un dos lugares de maior encanto da Costa da Morte. Por iso é moi reclamado por turistas e visitantes.

Nos dous quilómetros de lonxitude permítenos disfrutar de longos paseos á beira do mar, con fermosas vistas e postas de sol.


Nesta vila do concello de A Laracha pódense ver bonitas paisaxes e  monumentos centenarios que demostran o atractivo deste pobo historicamente mariñeiro.

01/04/13

COMEZA A CONTA ATRÁS

Aquí estamos de volta das vacacións de Pascua, descansadiñ@s e ben mantidiñ@s con eses bolos tan saborosos cos que agasallan padriños e madriñas, va que si?

Comeza a conta atrás para a fin de curso e a pesar de ser hoxe un día moi especial para bromas, tomaduras de pelo, brincadeiras e piadas... asegúrovos que é ben certo que o trimestre pasará moito máis rápido do que agora parece e sen volta atrás.



Alguén aínda se pregunta que ten que ver o 1 de abril coas brincadeiras. Deberiades estar informados, por se acaso...

Quen non sabe aínda  que significa o refrán "O un de abril os burros van onde non teñen que ir"? Ollade por aquí a ver que descubrides...

DESPEDIDA