27/02/13

ROSALÍA DE CASTRO. PUNTO E FINAL

Aquí rematamos esta xeira de traballo intenso de máis dunha semana ao redor da obra de Rosalía de Castro, 176 anos despois do seu nacemento e 150 da publicación de Cantares gallegos.

Agora toca agardar polas vosas bitácoras valorativas individuais, esas que fostes expresando nos vosos cadernos, entrada a entrada, día tras día, e ás que agora cómpre dar forma definitiva.

Lembrade que a data de entrega límite será o vindeiro martes 5 de marzo!

E para rematar imos ao principio, aínda que pareza unha contradición, da man das nosas compañeiras de 3º A que nos ofrecen esta lectura do prólogo de Cantares gallegos

Grazas Adriana, Katiana, Verónica, Lucía, Cintia, Rebeca e Judith, porque sen vós esta magnífica experiencia non sería posíbel!





22/02/13

ROSALÍA DE CASTRO (2)

Cantares gallegos remata cunha fermosísima alborada que lembra un dos ritmos musicais galegos máis tradicionais.

Ímonos achegar a ela a través da lectura de Anxo Angueira, escritor e estudoso da obra de Rosalía, e actualmente Presidente do Padroado da Fundación Rosalía de Castro.


E agora convidámosvos a escoitar esta Alborada Jazz, interpetada coa música de Abe Rábade e a voz de Guadi Galego e Anxo Angueira.


21/02/13

ROSALÍA DE CASTRO (3)


Rapoemas é o título do novo traballo discográfico da rapeira de Vigo coñecida como Aid.

Imos escoitala nunha entrevista en que presenta este traballo rapeando poemas de varios autores galegos, entre eles Rosalía de Castro, e cantando ao vivo no programa Eirado.


un #chío, dous #chíos, tres #chíos, catro #chíos #TwitterEnGalego

ÚLTIMAS NOTICIAS: XA TEMOS TWITTER EN GALEGO!!!!

ALÓ IMOS NAVEGAR NAS ONDIÑAS QUE VEÑEN E VAN... COMO DI O NOSO CANTO POPULAR!!!


Non era sen tempo e sen demanda de uso por parte dos usuarios, xa que en 2009 o galego constaba entre as primeiras 20 linguas de maior uso para a comunicación nesta rede social.

20/02/13

ROSALÍA DE CASTRO (4)

Agora imos poñernos mans á obra para resolver esta webquest dixital sobre Rosalía. A ver quen chega primeiro con todas as respostas?

Mentres ides resolvendo, podedes escotar esta coñecida versión de Amancio Prada do non menos coñecido poema "Adiós ríos, adiós fontes", incluído en Cantares gallegos.



E para rematar a xornada, nada mellor que escoitar a interpretación, en clave paródica e con ritmo de rancheira mexicana, que a actriz Patricia Vázquez realizou no programa "Air Europa".


19/02/13

ROSALÍA DE CASTRO (5)

A partir da lectura dalgúns textos rosalianos fomos vendo, ao longo destes días, a pluralidade de voces líricas e de liñas temáticas traballadas pola poeta.

Agora tocar procurarmos aínda unha outra voz rosaliana que de seguro percibiredes ben diferente. Mais... como de diferente? Por que?

Escoitemos o recitado do poema "Decides que o matrimonio..." de Follas Novas, recitado polo seu biográfo e investigador Francisco Rodríguez.


ROSALÍA DE CASTRO (6)

"Negra sombra" é un dos poemas de Follas Novas máis (re)coñecidos de Rosalía de Castro e interpretados musicalmente desde diferentes rexistros. 

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.


Imos seguir este sempre sorprendente poema guiados por dúas voces ben diferentes:

A primeira é a interpretación de Luz Casal:


A segunda é a versión que María del Mar Bonet gravou deste poema en catalán baixo o título "Ombra negra":



18/02/13

POESÍA + GRAFITI 3º A

Por fin chegaron os que faltaban! Xa podedes comezar a votar polos vosos mellores grafitis. Lembrade que tedes tres urnas de votación diante de Administración, na entrada no centro e que podedes votar un máximo de tres propostas grafiteiras.

Tres, dous, un... arrancamos!

POESÍA + GRAFITI 3º A

1. Por que non o fas?
2. Non me preguntes o porqué
3. Se é aburrido, non mo contes
4. As portas do mundo están todas abertas, pero aínda non se atoparon as chaves das portas que están por chegar
5. Ninguén perde a esperanza de ser mellor do que era
6. Libérate, sinte, expresa con palabras o que tes dentro
7. Galicia + Galego= Persoa + Amor
8. Por que me miras e non me falas?
9. Primeiro pensa e despois actúa
10. Durmirme máis cedo para soñarte máis tempo
11. Vive o momento ou morre sabendo que o perdiches
12. Pase o que pase, non perdas o sorriso; é o que te fai bela
13. Se dis silencio, destrúelo
14. Odio perder, pero odio máis non intentar gañar
15. Non quero oírte, só ler o que me dis
16. Non chores porque se foi, sorrí porque viviu con xente á que quixo

ROSALÍA DE CASTRO (7)


E como soa un dos poemas máis emblemáticos de Rosalía de Castro en clave de jazz?

Ímolo comprobar nesta peza, pertencente ao álbum "Rosalía XXI", onde se musicalizan diversos textos de Rosalía de Castro coa colaboración de Abe Rábade, Guadi Galego e Anxo Angueira.

Quen nos pode explicar a temática do poema?




A XUSTIZA POLA MAN

Aqués que tén fama de honrados na vila,
Roubáronme tanta brancura que eu tiña;
Botáronme estrume nas galas dun día,
A roupa decote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;
Sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
Ó raso cas lebres dormín nas campías;
Meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡Morreron, morreron, ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
Fixéronme un leito de toxos e silvas;
I en tanto, os raposos de sangre maldita
Tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvademe ¡ou, xueces!, berrei..., ¡tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.
- Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces cal loba doente ou ferida,
Dun salto con rabia pillei a fouciña,
Rondei paseniño...¡Ne-as herbas sentía!
I a lúa escondiase, y a fera dormía
Cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
Dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
Tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... ¡estonces!, cumpreuse a xustiza:
Eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

17/02/13

ROSALÍA DE CASTRO (8)

Que vos parecen estes "Airiños, airiños, aires" dos Cantares gallegos de Rosalía en versión heavy do grupo Astarot?

Que diría Rosalía se escoitase os seus versos en modo tan rockeiro?




16/02/13

ROSALÍA DE CASTRO (9)

A poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa recita neste vídeopoema o poema de Rosalía de Castro...

Unha vez tiven un cravo

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madanela na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
dáime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, arrinquéino.
Mais…¿quén pensara…? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica..., seica tiven soidades
daquela pena…¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor!…

Rosalía de Castro
(Follas novas, 1880)




15/02/13

ROSALÍA DE CASTRO (10)

Comeza a conta atrás nesta semana que hoxe anunciamos como eminentemente rosaliana. Faltan 10 días para chegarmos ao DOMINGO 24 DE FEBREIRO, data de nacemento da nosa poeta fundacional contemporánea.



Cada día servirá para achegármonos un pouco máis á vida da escritora, mais sobre todo á súa obra referencial que non perderemos oportunidade de ler.

Na fin do proceso, avaliaremos o camiño e tiraremos conclusións desta experiencia. Que sabiamos de Rosalía de Castro? Canto descoñeciamos?



Hoxe imos comezar cunha entrevista de hoxe mesmo a Erin Moure, poeta canadense que acaba de traducir ao inglés o poemario Cantares gallegos, que este ano celebra o seu 150 aniversario.

14/02/13

NOVA SECCIÓN: O ALUMNADO PROPÓN!

Hai uns días Leticia propúxome traballar con algúns vídeos musicais cun certo ton humorístico. O seu poder de convición foi poderoso e velaquí un exemplo da súa proposta.

Mais, con todo, como isto vai de darlle á lingua, non podo resistirme a deixar por aquí algunha preguntiña de repaso xeral. 

A ver quen adiviña primeiro!

Atención, preguntas: 

1. Que trazos dialectais se escoitan neste "temazo"? 

2. Consecuentemente, a que bloque dialectal pertence esa fala?


NOVA PARADIÑA VIAXEIRA DESCUBERTA


Cintia Riveiro chegou da viaxe dunha semana na neve con ganas de continuar a viaxar e nada máis pór o pé en terra xa adiviñou a nosa foto misteriosa desta semana.

Déixovos coas súas palabras. Pero que ben se explica...



Na  foto desta semana do blog móstrase a casa de Eduardo Pondal. 
Atópase no Concello de Ponteceso e frente a ela hai unha longa ponte de pedra que cruza o río Anllóns.
É coñecida por ser a vivenda onde se criou Eduado Pondal, un dos poetas máis coñecidos en Galicia e tamén no resto de España. Eduardo Pondal foi o autor da letra do himno galego.

FELIZ DÍA DOS NAMORADOS

Para tod@s vós neste San Valentín visto, sobre todo, con humor grazas ao noso Carrabouxo.


12/02/13

O CICLO DO ENTROIDO

Cigarróns de Verín

O entroido galego é longo e moi variado, dependendo da zona xeográfica pola que nos movamos.

Ollade nesta presentación as diferentes partes do ciclo do entroido.

Peliqueiros de Laza

O entroido tamén ten o seu propio vocabulario e mais a súa culinaria exclusiva.

Xenerais da Ulla

Moitas preguntas sen resposta andan no ar, así que imos viaxar por aquí para procurar as respostas...

Madamas e Galáns de Cobres

PARODIAS ENTROIDEIRAS

Despois da magnífica lección entroideira que vivimos no noso desfile o pasado venres grazas a vós, con "Gamba Style" ao xeito coristanqués, coreografía incluída, déixovos estoutra parodia desa canción que arrasa, argallada desde Celanova.

E que corra o entroido grande!


05/02/13

CONCURSO POESÍA + GRAFITI 4º

Agora chega a quenda das propostas poéticas grafiteiras do alumnado de 4º. 

Velaí van, lede atent@s e preparádevos para votar aqueles que de verdade sexan orixinais e de autoría propia. Aquí tampouco vale copiar...



GRAFITI + POESÍA DE 4º

1. Tan só somos ornitorrincos que non facemos gran cousa
2. Se non o estrañas é que non o amaches
3. O pensamento inicial pérdese pensando
4. Porque a mente non entende as razóns do corazón
5. É de humanos complicar o sinxelo
6. Moitos prometeron estar aí e a día de hoxe aínda non os vexo
7. Sabes? Non che pedía o mundo, tan só che pedía o momento
8. Porque ata as palabras máis curtas fican caladas
9. Soña, vive e imaxina
10. Non deixes somerxer a escuridade no teu mundo, ilumínao
11. Só ti esguía da túa vida
12. Moitos viven no sufrimento porque poucos saben amar
13. A única palabra que aínda hoxe non ten significado concreto é amor
14. Só se coñece a felicidade pasando polo peor sufrimento
15. Estaba disposta a loitar por ti, pero retirácheste da guerra
16. Se galego queres ser, a túa lingua has de protexer
17. As palabras lévaas o vento e en Galicia hai moitos eólicos
18. Cada palabra é un sentimento
19. Comezamos a xogar, pero perdeches a partida
20. Falamos, rimos e ás veces choramos
21. Chora por ninguén que xa alguén te verá chorar
22. A vida é como un poema: cada persoa interpreta unha mesma situación de xeito diferente
23. Só vivir é a clave
24. Eu só son dona de min mesma
25. Os fillos parécense aos pais e nós parimos políticos
26. Deixa que os malos recordos fuxan como fume ao vento

O AUTOBÚS DE ROSA PARKS


Aínda temos ben recente a lectura de Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz.

E rapidamente identificamos o significado da súa simbólica portada: Rosa Parks cometendo a ousadía de se sentar nun autobús público cando non tiña dereito por ser negra. 

Un feito ben simbólico que comezou a cuestionar os dereitos civís nos EEUU.

Hoxe Rosa Parks tería cumprido 100 anos e Agustín lémbraa nunha fermosa entrada no seu blog agustinfernandezpaz.eu

03/02/13

NOVA PARADIÑA VIAXEIRA DESCUBERTA

Félix Viqueira, compañeiro de 4º, descubriu por onde andabamos estes días. Parabéns agradecidos por estar sempre coa mochila disposta para ilustrarnos as viaxes!




Imos ler o que nos conta:

Este é o faro do Cabo Vilán, que se encontra na Costa da Morte, máis concretamente en Camariñas. 

É o faro eléctrico máis antigo de España e sinala un perigoso tramo da Costa da Morte, que, debido ás súas zonas rochosas e escarpadas, foi declarada no 1933 zona de Interés Nacional.

01/02/13

HOXE ARRECENDEU A ENTROIDO...

Hoxe o centro arrecendeu gastronomicamente a entroido, unha festa galega de gran tradición. Con todo, seguro que aínda hai moita información sobre o entroido, antroido ou entrudo que descoñecemos. Dádevos un paseo por aquí e comprobaredes o xenuíno xeito de correr  entroido!


Ímonos preparando para as delicias culinarias propias do tempo e para os concursos que xa están á volta da esquina. 

Que sorpresas nos gardaredes?


CONCURSO POESÍA + GRAFITI 3ºB


Iniciamos a primeira fase do concurso Poesía + Grafiti.

Nesta primeira volta, o alumnado de cada aula participante seleccionará aqueles grafitis poéticos que máis lle gusten do seu grupo até un máximo de tres. 

Posteriormente, a segunda fase permitiravos botar conxuntamente entre os finalistas de 3ºA, 3ºB e 4º, que serán os que maior votación obtiveron na primeira quenda.

Colocaremos tres caixas na entrada do centro para que poidades deixar os vosos votos. 

Grafitis poéticos de 3ºB

1. As persoas non se olvidan, apréndese a vivir sen elas.
2. A vida é un suspiro que nun abrir e cerrar de ollos se vai.
3. Amor. Tan só é unha palabra, pero contén miles de sentimentos.
4. Tan só déixate levar polo correr do tempo.
5. Valora cada pequeno e insignificante detalle.
6. Fai que os suspiros non sexan tempo perdido.
7. Entra na miña vida e actívame o mundo.
8. Que as bágoas non ensucien a beleza da vida.
9. Non quero que mo digas, quero que mo demostres.
10. Por moito que mire adiante, sempre terei un pasado.
11. Aparentas unha aparencia que ambos sabemos que non é certa.
12. Eu ando. No camiño.
13. Todo comezou cun sorriso e rematou cun supiro
14. Unha redución en álxebra consiste en ir tirando letras; nas persoas, graxas.
15. A choiva é a a única compañeira da soidade.
16. Apareces nos meus mellores soños, pero tamén nos meus peores pesadelos.
17. Por ser son, malia non ter son.
18. Dis que amas a choiva, pero abres o paraugas cando esta cae.
19. Nós comemos SOS e quedamos sen arroz.
20. Se ti vas, eu non vou.
21. Non marches; vaite de aí!

DESPEDIDA