30/03/12

BOA PASCUA!

Hoxe vin polo centro as vosas caras con expresións moi variadas...


Agora xa foi, así que non hai desculpas que vallan; o trimestre rematou, imos descansar (un chisquiño) e retomar con enerxía o último trimestre deste curso, que aínda parece que empezou onte e xa case empeza a se despedir. 

Dentro de nada, unha boa parte desa magnífica "xentiña" de 4º verán culminado o seu máximo desexo para este curso, despois de aprobar todo, por suposto: PARÍS!!!

E @s de 3º seguro que tamén andades copiando retallos e tomando boa nota do proceso para o ano próximo!

E para gañar a enerxía precisa, nada hai mellor na nosa sabia cultura galega que obriga os padriños e madriñas a cumpriren os seus compromisos...


Para todos e todas... deséxovos unha BOA PASCUA!!! Vémonos a partir do día 10 de abril...(preferentemente cos deberes feitos!)

NOVO DICIONARIO EN LIÑA DA RAG

Quen lembra o significado destas palabras latinas que nos comentou Luz Pozo?
Chegou a nova que estabamos agardando desde hai moito tempo. E vós e eu fomos algo privilexiados porque xa nola anunciou o secretario da Real Academia Galega cando nos recibiu o Día de Rosalía de Castro. Lembrades?
Con máis de 50.000 entradas, o novo Dicionario da Real Academia Galega pódese consultar en liña. Unha necesaria ferramenta para resolvermos axiña as nosas dúbidas lingüísticas e ampliarmos vocabulario. Moi útil tamén para todas as persoas estranxeiras que estudan galego, pois o dicionario conta cunha base de datos que permite escoitar a realización sonora das palabras.

Velaquí vos deixo un enlace imperdíbel desde xa!

http://www.realacademiagalega.org/dicionario#inicio.do

29/03/12

TÍRALLE DA LINGUA!

Quen se apunta? Nesta terra de espléndida tradición oral, ben sei que por aquí aínda hoxe abundan os bos contadores e contadoras...

Velaquí as bases: 

http://www.as-pg.com/ViewActivity.do;jsessionid=E164AD949DA0654E34822F9B95C84D02?activityId=72

28/03/12

MARCHANDO OUTRA TRADUCIÓN


Esta nosa literatura galega non para de dar que falar. Agora tócalle, máis unha vez, a Álvaro Cunqueiro. A que vos soa aos mozos e mozas de 4º?

Pois si, agora o arquicoñecido título de semblanzas tipicamente cunqueirianas, Xente de aquí e de acolá, convértese en  Folks From Here and There.

Kathleen March, tradutora de Cunqueiro
A responsábel desta tradución non é outra que a profesora e investigadora da Universidade de Maine, Kathleen March, que xa ten traducido para o inglés outros autores clásicos galegos como Ramón Otero Pedrayo.

Queredes saber aínda máis? Pois mergulládevos por aquí:  http://www.galiciaconfidencial.com/nova/10062.html.

Por certo, alguén localizou esta nova nalgún outro medio xornalístico?

27/03/12

PRESÉNTOVOS A ANTÓN RIVEIRO COELLO

Un dos mellores novelistas galegos actuais, Antón Riveiro Coello acaba de publicar a súa última novela Laura no deserto coa que estou desexando poñerme xa. Poeta e narrador, descubrino en 2000 coa lectura da súa novela As rulas de Bakunin, un deses títulos que permanecerá para sempre na miña memoria e que xa está traducido ao castelán, portugués e italiano. 

Déixovola aquí como recomendación.

Deixádevos acompañar, agora, por unha recente entrevista con este autor para que o vaiades coñecendo un pouquiño mellor.

http://tempodelecerourense.com/Novas/Libros/entrevista-Anton%20Riveiro%20Coello.dwt

25/03/12

ZENZAR, MACHINA, QUEMPALLOU, LORETTA MARTIN, RUXE-RUXE...

Componentes do grupo de Cerceda, Zenzar
Son nomes que empezarán a soar en breve polas aulas e nunca mellor dito o de "soar"...

Estes grupos musicais galegos anuncian novo disco en breve e nós teremos que nos preparar para mudar o ritmo de cara á terceira avaliación...


Polo de agora non conto máis nada...

Ide ghastando pista...

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/03/22/galicia/1332449512_434744.html

PRESTIXIOSOS DEPORTISTAS Á PORTA DA CASA

Xa coñeciades a mellor nova deportiva desta fin de semana? 

Velaí nola serve o xornal Dioivo:

http://www.dioivo.eu/portada/390-o-xiria-de-carballo-proclamase-campion-galego-xuvenil-de-balonman

Por certo, alguén podería descubrirnos o significado da palabra galega XIRIA?

22/03/12

A DESAPARICIÓN DA NEVE OU THE DISAPPEARANCE OF SNOW


En 2009, o escritor Manuel Rivas publicaba o poemario A desaparición da neve como unha demostración da biodiversidade lingüística do Estado español. Podiamos ler os poemas deste libro nas catro linguas oficiais de España: galego, castelán, éuscaro e catalán.

Hoxe podemos comprobar como a literatura escrita orixinariamente en galego segue a abrir as fronteiras, pois A desaparación da neve vai ser publicada tamén en inglés. Benvida ás novas palabras que enriquecerán e amplificarán o lectorado do mundo!

Desde o noso Finisterrae axudamos a construír un mundo máis rico e plural, va que si?

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2012/03/22/publican-ingles-libro-manuel-rivas-desaparicion-da-neve/0003_201203G22P39991.htm

21/03/12

E OS EPITAFIOS MÁIS VOTADOS SON...


En primeiro lugar:
16. Por que chorades?
Que críades, que era inmortal?
Autora: CORAL COTELO COSTA (3ºA)

En segundo lugar:
19. Para ser un "cuarto escuro" dese non hai ambiente.
Autora: ALBA ABELENDA COUTO (3ºB)

En terceiro lugar:
17. "¡Tírate!¡Que total nestas augas non hai tiburóns!" Dicía o outro ¡GRRR!¡Como o pille...!
Autora: ALBA ABELENDA COUTO (3ºB)

18. Ben, creo que definitivamente, deixei o tabaco!
Autora: ALBA ABELENDA COUTO (3ºB)

9. Que raro, ultimamente non me soa o despertador!
Autor: FÉLIX VIQUEIRA CANCELA (3ºA)

15. Xa sabía eu que este médico non era moi bo.
Autora: CORAL COTELO COSTA (3ºA)

PARABÉNS GRANDES A TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES PORQUE DEMOSTRASTES UNHA MOI AGUDA E ENXEÑOSA CAPACIDADE CREATIVA E RETRANQUEIRA!!! 

NON A PERDADES NUNCA!

FELIZ DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA!



Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sinte odio e tenrura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posíbeis e imposíbeis,
súa, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza.
E nunca morre.

Manuel María, A luz resucitada.

20/03/12

OLLO Á PRÓXIMA CITA COA CARTELEIRA

Axiña se estrea nos cines do país o novo filme do director galego Ignacio Vilar: Vilamor. E, como nos conta o xornal dixital Praza Pública, a nova debería quedar aí, mais hai que destacar e reseñar que é unha fita gravada en galego!

Lembrades a súa película exitosísima anterior, Pradolongo? Non, pois a que esperades para rescatala do arquivo?

Velaquí o enlace á primeira entrevista co director Ignacio Vilar sobre a súa nova rodaxe,Vilamor.

http://praza.com/cultura/437/ignacio-vilar-tve-non-quere-saber-nada-do-cinema-rodado-en-galego/

19/03/12

NAS VÉSPERAS DO DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA

Deixádevos levar por esta fermosa canción, pura poesía, interpretada polos grandísimos Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero. A letra é de Carlos Rivero Troncoso. Ogallá vos guste como eu gustei dela!

Quero cravar o teu nome
cunha navalla de lúa
nos outos muros da noite.

Nun pano cor de limón
pon o teu nome e no mar
ízao no mastro maior.

Vou escribilo na area
có tinteiro de alborada
pra que o vexan as sereas.

Se o teu nome naufragase
ían saber a vainilla
as augas dos sete mares.

Con branco fío de seda
vouno bordar na bandeira
dunha nao que sae pra Cuba.

Pra Cuba non meu amor
quero que vaia o meu nome
prá illa de Curaçao.

18/03/12

E O MELLOR EPITAFIO É...

Chegou a hora de fallar o noso particular concurso de epitafios. Desde logo, gañe quen gañe, non se vos pode negar aos mozos e mozas de 3º, a vosa inmensa capacidade creativa.

Agora toca votar! Mais primeiro lede con atención todos os epitafios presentados, tomade boa nota do seu número e o misterio ficará resolto ao longo desta semana...

RELACIÓN DE EPITAFIOS CANDIDATOS

1. Se keredes ser máis marabillosos, morrede

2. Fumas? Es adicto ao tabaco? Fumas catro pitillos xuntos? Pregúntaste porque estou preguntando o que che pasa? Pois estate tranquilo! Chegou o novo remedio para deixar de fumar! ¨Eu conseguino¨. Di: DEP.

3. Isto estáseme a facer eterno.

4. Que miras, como me levante!

5. Aquí xace un home que tentou vivir a súa vida de forma que ao nacer todos os que estaban ao seu carón rían e el choraba, e no intre da súa morte todos os que estaban ao seu carón choraban mentres el ría.

6. Comprei o billete de ida pero esquecín comprar o de volta.

7. Estou nos ósos.

8. Se queres cámbioche o sitio.

9. Que raro, ultimamente non se soa o despertador!

10. Que ben se está aqui, a esta marabillosa sombra, xa hai tempo que non sae o Sol Apagaríase?

11. Coido que este non se abre petando a porta...

12. Buf! Que aburrido, podíanlle poñer música polo menos.

13. Creo que non me debín durmir nesa caixa tan bonita...

14. Porras, non teño cobertura baixo terra.
Imos aviados!

15. Xa sabía eu que este médico non era moi bo.

16. Por que chorades?
Que críades, que era inmortal?

17. "¡Tírate!¡Que total nestas augas non hai tiburóns!" Dicía o outro ¡GRRR!¡Como o pille...!

18. Ben, creo que definitivamente, deixei o tabaco!

19. Para ser un "cuarto escuro" dese non hai ambiente.

20. Tanto tempo na mesma postura estame a rebentar!

21. Aquí me tes!!! Nin sinto, nin vexo nin aparto do perigo.

22. Neste momento non podo atenderte. Estou apagado ou fóra de cobertura.

23. Perdoe as molestias. Estoume reciclando.

24. Por non me decatar, non me decato nin do frío.

25. Que ben se ve todo dende aquí arriba.

15/03/12

HOXE MAFAL DA ESTÁ DE ANIVERSARIO...


... mais quen é Mafalda? Cantos anos cumpre? Onde naceu?

Para @s que precisaren pistas, circulen por aquí, por favor...

http://gl.wikipedia.org/wiki/Mafalda

14/03/12

E AGORA IMOS POLA ENTREVISTA!

Revisamos un modelo de nova e outro de crónica xornalística, así que agora nos toca viaxar cara á modalidade de entrevista.

Lembrades este entrenador de fútbol galego?

A ver que nos conta...

http://www.dioivo.eu/deporte/futbol/315-na-coruna-pasei-os-mellores-anos-da-mina-vida-como-adestrador-2

13/03/12

E TI ES DE LINGUA OU DE MATEMÁTICAS?

Acaban de coñecerse os resultados da avaliación de diagnóstico das competencias en matemáticas, comunicación lingüística e coñecemento e interacción co mundo físico que a Consellería de Educación realizou o curso pasado en 4º de primaria e en 2º de ESO.

Imos analizar esta nova que nos ofrece o xornal gratuíto galego De Luns a Venres

http://www.galiciae.com/pdf_files/13032012compendio_4.pdf

Sentídesvos recoñecidas e recoñecidos no seu titular?

AS ALUMNAS SON MELLORES EN LINGUA E OS RAPACES DOMINAN EN MATEMÁTICAS

12/03/12

SEMANA DA PRENSA

Hoxe inauguramos a Semana da Prensa lendo a crónica que o Dioivo, o novo xornal dixital galego -e en galego- nos ofrecía. Toda unha regalía para os deportivistas branquiazuis!!!

Xa choveu desde aquel xornal inaugural da historia do xornalismo en galego que se remonta ao século XIX: O Tío Marcos da Portela, de Valentín Lamas Carvajal...


Pois ben, propóñovos que ao longo desta semana fagamos, conxuntamente, unha procura de todas aquelas cabeceiras informativas, impresas e dixitais, en galego que achedes. Unha vez recollidas, crearémoslle a súa sección de PRENSA no blog para a nosa consulta das novas diarias.

Empezamos?

11/03/12

E TI COMO LIGAS EN GALEGO?

Entre os moitos prexuízos lingüísticos que imos observando no comportamento da sociedade e analizando as súas causas e consecuencias para o futuro do galego como unha lingua normalizada, tamén xorde a pregunta de: e para ligar, servirá o galego?



Mirade como estas persoas, ás que habedes de recoñecer rapidamente, contan as súas experiencias...

http://redenasa.tv/video/e-ti-como-ligas-en-galego/
 

CRÓNICA DEPORTIVA DA FIN DE SEMANA

As persoas futboleiras estrañan o derbi futboleiro galego na primeira división, mais se cadra para a próxima temporada conségueno.

Como o vedes? E vós de quen vindes sendo: do depor ou do celta?

A ver que nos conta a crónica deportiva do novo xornal dixital Dioivo!

http://www.dioivo.eu/portada/291-o-depor-retoma-o-liderado

10/03/12

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Concordades comigo en que todos os días do ano son días de recoñecemento das mulleres? Ou que debemos estar atentos a calquera actuación discriminatoria sobre a muller?

Cales pensades que son as razóns que xustifican os avances en igualdade nas últimas décadas? Que parte do camiño nos falta aínda por percorrer?

Que implicación temos cada un e cada unha de nós na procura da igualdade de xénero entre homes e mulleres?

06/03/12

UN TRISTE SUCESO PARA A REFLEXIÓN

Hoxe tamén debe ser unha xornada para a reflexión. 

As novas dos xornais preséntannos case a diario, e de maneira especial os luns, como necrolóxica de fin de semana, o balanzo de mozos e mozas mortas nas estradas despois do tempo de ocio non ben entendido.

Esta nova publicada onte na páxina 4 do xornal gratuíto De Luns a Venres debería facernos reflexionar.

Pensades que esta nova podería ter sido evitada? Onde empeza e acaba a responsabilidade individual? E a colectiva?

http://www.galiciae.com/pdf_files/05032012compendio_4.pdf

E A CITA GAÑADORA SOBRE O ÉXITO É...

A confianza en si mesmo é o primeiro secreto do éxito
 
 

04/03/12

XOGO DE PISTAS SOBRE CASTELAO

Quen se atreve a demostrar todo o que sabe sobre Castelao
Velaquí o enlace a un interesante xogo de pistas virtual que non deberiades perdervos. 

Por que? 

Porque moito aprendestes sobre Castelao este curso e porque hai suculentos premios!!!

Adiante! Quen é a primeira? E o segundo?

http://bitaculas.as-pg.com/xeral/es/entry/xogo_de_pistas_sobre_castelao

03/03/12

REFRANEIRO DE MARZO

Xa está en marcha a nova recompilación de refráns propios do tempo de marzo, o mes que venta a entrada da primavera.

Velaquí algunhas suxestións para irdes quecendo motores...

Cando marzo abrilea, abril marcea
Coida de podar en marzo, que o que poda en abril é ruín
Día de san Xosé, primeira anduriña se ve

01/03/12

TITULAR DO NOVO XORNAL DIOVO MOI ACAÍDO PARA VÓS...

“O obxectivo é que os rapaces de 15 anos flipen con Celso Emilio”

http://www.dioivo.eu/creacion/letras/168-o-obxectivo-e-que-os-rapaces-de-15-anos-flipen-con-celso-emilio

Os Labregos do tempo dos sputniks versionan un poema de Celso Emilio Ferreiro.

DESPEDIDA