30/05/12

O LEO E SUSO REGUEIRA

Hoxe iniciamos a xeira de presentacións das escollas musicais do alumnado de 4º. A primeira actuación foi a de Suso, que escolleu para o seu debut público nin máis nin menos que o grandísimo cantante performance coñecido mundialmente como o Leo.

Adiantounos información e algunhas mostras musicais que nos axudaron a coñecelo e botar uns sorrisos, mais eu, para completar a súa xenialidade (a do Leo e a de Suso), déixovos este vídeo e unha pregunta: como se pode crear unha canción sen argumento? Que me dicides? E que sei eu! E vai logo!


29/05/12

EXTRA, EXTRA!

Dúas novidades quentiñas, quentiñas...

A primeira: o magnífico escritor Agustín Fernández Paz estrea novela: As fronteiras do medo, seis historias que traspasan a razón, a ciencia e o control, en homenaxe ao coñecido como mestre da literatura de medo, Lovecraft.

A segunda: a editorial Edebé permite descargar de balde o primeiro capítulo neste enlace: 

http://edebe.com/publicaciones-generales/libro-as-fronteiras-do-medo=3181=5=4

Non vos ....... de medo!!!


SORPRESA DE PELÍCULA!!!

Mañá descubrirei unha sorpresiña que vos teño ben gardadiña no baúl dos segredos. 

Terá lugar o VENRES 8 de XUÑO durante a primeira sesión de clase e está argallada pensando no alumnado de 3º e 4º.

Só podo dar unha pista: VILAMOR

PRESÉNTOVOS A KUBUS


Que vén a ser? Pois a primeira revista de fútbol en galego, con versión dixital e impresa. Non me digades que non vos teño puntualmente informados das novidades!!!

http://revistakubus.com/

26/05/12

O MÚSCULO MÁIS FORTE DO CORPO...

Cal será? Onde estará? Deixarase ver con facilidade?

O escritor Francisco Castro, que este curso visitou os seus lectores e lectoras de 3º, parece que o ten moi claro. Comprobade a vosa resposta neste enlace ao seu artigo de opinión publicado hoxe en Sermos Galiza.

Francisco Castro

http://www.sermosgaliza.com/opinion/francisco-castro/o-musculo-mais-forte-do-corpo-humano-e-a-lingua/20120525000856001622.html

Quen atinou?

SENTIMENTO BRANQUIAZUL


Vídeo con música e letra do grupo FRACASADOS DE ANTEMANO.

 http://www.youtube.com/watch?v=cgrWWtCCn_I&feature=share

Vémonos en primeira!

24/05/12

DE PRIMEIRA...

... tamén en termos futbolísticos. Teremos derbi galego de primeira en primeira a próxima tempada?


http://www.sermosgaliza.com/artigo/deportes/o-futbol-galego-cara-a-primeira/20120524122622001584.html

CARLOS NEGRO E MAKINARIA


Carlos Negro
Aínda non superamos a sorpresa provocada pola lectura dos poemas de Makinaria e a emoción dalgunhas lecturas na voz entrecortada da nosa querida compañeira Tania. 

Carlos Negro escribe unha poesía diferente. E neste vídeo-entrevista, gravado polo alumnado do IES Taboada Chivite, podemos coñecelo un pouquiño máis.

http://www.youtube.com/watch?v=4wfcRG5dkx0&feature=related

aCada Canto: UN CUARTETO MUSICAL DE LUXO

Agora que andades o alumnado de 4º na fase de selección do voso solista ou grupo musical galego, para ese traballiño que temos en andamento, preséntovos esta estrea que acaba de saír do forno:  
aCadaCanto

Nome ben sonoro, non si? Todos os membros deste cuarteto son ben coñecidos e recoñecidos dentro e fóra da casa: Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero.

Portada do disco

Convídovos a saber máis deste novo proxecto musical galego nesta noticia xornalística e a mergullarvos deseguido no avance audiovisual do primeiro tema difundido: Teu nome por mar e terra

 http://www.sermosgaliza.com/artigo/ao-vivo/un-cuarteto-musical-de-luxo-mais-efemero-acadacanto/20120523201357001563.html

23/05/12

ROSALÍA SEGUE FACÉNDONOS MEDRAR

Acabamos de saber polo xornal Sermos Galiza que Rosalía de Castro, escritora que estamos a ler en 3º ESO, é unha das poetas seleccionadas para o Paseo da Poesía do campus de Leioa-Erandio da Universidade do País Vasco. 



http://www.sermosgaliza.com/artigo/letras-e-ideas/rosalia-no-paseo-da-poesia-da-universidade-do-pais-vasco/20120522155059001518.html

Boa demostración do interese e actualidade dunha obra literaria que nunca pasará de moda!

21/05/12

(RE)APRENDER A POESÍA

Para innovala desde a creatividade de cada persoa guiados da palabra engaioladora da poeta Antía Otero.


A descuberta das posibilidades múltiples que nos ofrece a introspección...


 As olladas da arte multidisciplinar...


Unha experiencia única para escribir, non si?


Que nos queda agora na lembranza?






20/05/12

FAI TEU O GALEGO!

Este suxestivo título encabeza o artigo gañador do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2012, asinado por Carlos Callón. 

Hoxe aparece publicado en moitos xornais, impresos e dixitais. 

Nós ímolo tomar prestado do último xornal recén nado o pasado 26 de abril, Sermos Galiza:http://www.sermosgaliza.com/opinion/carlos-callon/fai-teu-o-galego/20120516121916001298.html

18/05/12

PARABÉNS!!!!!

Para todo o equipazo currante  de 3º e 4º que fixo posíbel unha demostración do bo facer, nesta Semana Cultural-Letras Galegas, no campo do teatro, das emisións radiofónicas e da gravación audiovisual. Sodes cracks auténticos!!! Menuda demostración de capacidades varias!!!

Mais non pensedes que isto rematou xa, porque ante o éxito conseguido, xa nos están reclamando para o festival de fin de curso!!!!


16/05/12

A LINGUA DO MÁIS ALÁ

Lembrades aquel estudo de campo que fixestes a mocidade de 3º ESO sobre a realidade lingüística que amosan as lápidas dos nosos cemiterios? Estou segura de que si, porque aínda lembro as vosas caras de sorpresa perante as conclusións ás que vós mesmos chegastes.


Pois ben, mozas e mozos de 3º ESO, reparade nesta nova xornalística e respondede estas dúas cuestións:

1. Sería normalizadora esta acción?
2. En caso afirmativo, de que tipo sería: individual, social ou institucional?

A ver que contades!

http://valminor.info/gondomar/4409-35-vecinos-asinan-en-morgadans-unha-declaracion-voluntaria-para-que-as-suas-lapidas-sexan-en-galego

SABÍADES QUE O 17 DE MAIO ANDA Á MODA?

Non? Pois mirade a nova camiseta máis in da colección de Caramuxo. Que vos parece? Os deportivistas terán que agardar un chisco...





http://www.dioivo.eu/deporte/713-caramuxo-saca-o-dia-das-letras-galegas-unha-lina-de-produtos-exclusiva-do-celta

15/05/12

CRONOBIOGRAFÍA DE VALENTÍN PAZ ANDRADE

Unha vida intensa a de Valentín Paz Andrade, autor reseñado o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, sintetizada nunha cronobiografía para lembrarmos:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Cronobiograf%C3%ADa_de_Valent%C3%ADn_Paz-Andrade

Unha obra lírica persoal, actualizada en contemporáneos e suxestivos poemas audiovisuais.

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/pilulas-poeticas-de-paz-andrade-ii

Valentín Paz Andrade apoiando unha das primeiras edicións do Correlingua

A LINGUA, ESA REFLEXIÓN

Un vídeo actual con opinións varias sobre a situación actual da lingua galega, obxecto de reflexión necesaria para esta Semana das Letras Galegas.

E vós, que pensades?


11/05/12

E VINCENT RESULTOU SER...


VAN GOGH!!!

Esta foi unha das sorpresas que nos descubriu onte Marcos Calveiro, o autor d´O pintor do sombreiro de malvas.




Pero... que máis interrogantes se desvelaron onte durante a conversa? Que claves nos ofreceu a súa orixinal presentación en power point?



Moitos parabéns ao fantástico equipo presentador do acto!!!


09/05/12

O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS

Marcos Calveiro, autor d´O pintor do sombreiro de malvas
Quen estará detrás deste fermoso título?

Descubrirémolo o xoves 10 de maio, a última hora da mañá, na aula de usos múltiples do centro, pois Marcos Calveiro, o seu autor, virá desde Vigo para visitar os seus lectores e lectoras de 3º ESO.

Prometemos partillar en breve as nosas descubertas convosco! Estade ben atent@s, porque se a lectura nos desconcertou, este encontro tamén promete moito!

08/05/12

POR UN TWITTER EN GALEGO

O luns 7 de maio foi elixido como o día da reivindicación da lingua galega en Twitter:  http://www.galiciaconfidencial.com/nova/10419.html

Poderiamos clasificar esta actividade que están a levar a cabo milleiros de twitteir@s como unha iniciativa de normalización lingüística? Por que?

LEMBRANZA MUSICAL DO NOSO CORRELINGUA


07/05/12

CORRELINGUA 2012

Tanto tarda en chegar e que rápido marcha o CORRELINGUA! Parabéns polo voso traballo intenso e creativo á hora de deseñar pancartas, cartolinas e camisetas.

Sodes a mar de orixinais! Non esperaba menos de vós!

  
E por certo... que tal o pasastes? Contade algo! Quen lle tiña medo á auga? Nin  unha pinga!

06/05/12

DE VERDADE HAI LINGUAS FÁCILES E LINGUAS DIFÍCILES?


Imos integrar dúas temáticas que desenvolveremos nas aulas de 3º e 4º nos próximos días. Por unha banda, continuaremos avanzando nos aspectos de sociolingüística e, pola outra, revisaremos as características do texto de opinión.

Para comezar, imos analizar este artigo de opinión de Manuel Núñez Singala que hoxe publica o xornal dixital galego Sermos Galiza: http://www.sermosgaliza.com/opinion/manuel-nunez-singala/linguas-faciles/20120504204511000892.html

04/05/12

PRÓXIMA PARADA?

Deixamos no interior da provincia de Ourense o imponente Mosteiro de Oseira e agora imos refrescarnos rodeados de mar. 

Por onde andamos? Obrigado traer flotador...


MAIO, MAIOLO...


Ei! Mudou o mes e precisamos refráns novos como auga de maio! E nunca mellor empregado este refrán, porque segue a caer auga do ceo a eito. E iso que abril xa foi ben xeneroso! 

Agardemos que as sementeiras de patacas o aproveiten ben para logo nós aproveitarmos as colleitas.

Quen achega a o primeiro refrán? Non vou ser eu sempre a primeira!

EXITOSOS PELOS NA LINGUA

Avelino González, María Ordóñez e Artur Trillo



Aínda lembramos as grandes risadas que nos botamos cando vimos a obra Pelos na lingua da compañía ceense Talía Teatro. Diciades que era "boísima". Pois tiñades moita razón e bo ollo crítico, porque nas últimas semanas non fai máis que conseguir premios importantes dentro do mundo do teatro.

Hai unhas semanas chegaba na Coruña o Premio María Casares ao mellor texto teatral en galego e agora renóvase en Madrid o recoñecemento co Premio Max na mesma categoría. Alguén tiña dúbidas de que era un magnífico guión teatral? Nós, desde logo, non.

DESPEDIDA