21/03/13

DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA


FELIZ DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA!


Celebrémolo dedicando uns minutos deste día a ler as tres poesías que nos recomenda o narrador Agustín Fernández Paz no seu blog persoal.

Ou escointando a nosa poeta amiga Dores Tembrás recitando un dos poemas do seu libro O pouso do fume.

Ou tamén podemos escoitar o poema "Terra Chá" do escritor que dá nome ao noso punto de lectura en ESO, Manuel María, na voz de Uxía e coa adaptación musical do músico brasileiro Sérgio Tannus.

15/03/13

FINA CASALDERREY, PRÓXIMA ACADÉMICA


Proximamente saberemos a data de ingreso na Real Academia Galega da escritora de literatura infantil e xuvenil Fina Casalderrey, autora de varias decenas de libros, traducida a todos os idiomas peninsulares e outros máis afastados como o coreano, o francés, o italiano e o inglés.

Será a quinta muller que ocupe unha cadeira no plenario da Academia, constituído por un total de 30 membros.

Hoxe, o xornal Praza ofrécenos unha extensa entrevista coa escritora que nos axudará a coñecea un pouco mellor.

UN VENRES FUTBOLEIRO

Desde Lingua de Alcaián desexamos a todos os seareiros deportivistas e celtarras que gocedes da oportunidade de ver un bo partido e onde o auténtico gañador sexa o espírito deportivo.



13/03/13

UNHA LINGUA PARA XOGAR?

Semella que coa lingua tamén se xoga. Velaquí esta nova que nos ofrece o xornal Praza sobre a recén inaugurada versión en galego do xogo "Apalabrados".



Quen se anima a comezar a enredar coas letras? Quen constrúe a palabra máis longa?

NOVA DESCUBERTA VIAXEIRA

A compañeira de 3ºA, Judith, descubriu esa foto enigmática que tantos días levaba á espera de ser descuberta. Velaquí a súa resposta para partillar con tod@s!

 Os Batáns de Mosquetín en Vimianzo están formados por sete muíños e tres batáns recollidos en dous edificios de planta rectangular situados entre o río e as canles, dispostos paralelamente ambos os dous. 
O edificio máis afastado do río consta de tres estancias que albergan os batáns, os "Muíños de Arriba" e o "Muíño do Relón". O segundo, o dos "Muíños Albeiros", tamén se divide en tres estancias, que neste caso só albergan muíños. 
Os batáns eran empregados para mazar o liño e a la, mentres que os muíños son todos eles de fariña, do modelo máis clásico e frecuente en Galicia, e teñen a roda que recibe o impulso da auga en posición horizontal, mentres que o eixe que leva o movemento ás rodas está en posición vertical. 
Dende finais do ano 1997 o conxunto veu sufrindo todo un proceso de rehabilitación. Todas as intervencións levadas a cabo, así como as que se teñen previstas están encamiñadas a unha futura conversión dos batáns en museos, cunha área de ocio no seu ámbito.

07/03/13

BENVIDAS MULLERES GALEGAS DESCOÑECIDAS!


Hoxe convértense en famosas algunhas persoas polo simple feito de saíren na pantalla da televisión, sen cuestionármonos que é o que de importante valía achegan á sociedade. E semella que todas as demais persoas temos que coñecer o seu nome e recoñecer o seu corpo.

Hoxe convértense en famosas algunhas persoas polo simple feito de teren un corpo que o canon actual considera moderno, sen cuestionar se é equilibrado e saudábel. E semella que todas as demais persoas temos que coñecer o seu nome e recoñecer o seu corpo.

Un grupo de alumn@s do IES Frei Martín Sarmiento ofrécenos esta presentación que de seguro nos achegará modelos femininos de grande interese pola súa intelixencia e o seu traballo arreo en diferentes campos do saber. Unha boa lección para aprender deles!

06/03/13

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Camiño deste venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, cómpre non esquecer o pasado e o presente do papel que ocupou e está a ocupar agora mesmo a muller na nosa sociedade.

Percorramos primeiro o Álbum de Mulleres que recompila a historia daquelas mulleres significativas na historia, malia non teren dereito a voz nin a visibilidade e recoñecemento público.

Logo, imos deternos neste cadro do escritor e artista plástico Luís Seoane, observar e expresar aquilo que nos produce esta combinación de cor e palabra.


DESPEDIDA