26/10/15

GONZALO HERMO, PREMIO NACIONAL DE POESÍA NOVA

Hai unhas semanas celebrabamos a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil á escritora Ledicia Costas pola súa obra  Escarlatina, a cociñeira defunta.

A alegría continúa ao sabermos agora que o poeta de Rianxo, Gonzalo Hermo, acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía Nova polo seu poemario de título ben premonitorio: Celebración.



Imos descubrir un pouco máis este poeta, desde esta entrevista que hoxe publica o xornal La Voz de Galicia.



Nos dous casos prémianse por parte do Ministerio de Cultura español obras en galego, antes de estaren traducidas, polo que o recoñecemento é dobre, á creación literaria e á lingua que a alimenta e constrúe.

Orgullos@s das nosa letras! Orgullos@s da nosa lingua!

20/10/15

DESCUBRINDO A GUADI GALEGO

Nerea, Carmen e Patri, compañeiras de 3º B, comparten connosco esta entrevista realizada á cantante Guadi Galego para nos achegar a quen presidiu nestas dúas semanas o espazo musical deste blog de aula.

Moitas grazas polo voso traballo! 

E moitas grazas a Guadi Galego pola súa atención, por acoller tan cariñosamente estas preguntas e por respondelas tan axiña!



1. A que anos empezaches a cantar? Quen te animou?
Pois realmente creo que canto dende que teño uso de razón, mais profesionalmente comecei relativamente tarde aos 23 anos.
Ninguén me animou,creo que me vin forzada pola situación.Tiña que dicir si ou non a cantar para entrar en Berrogüetto.
2. Estiveches en contacto coa música e o canto xa no teu ambiente familiar?
Si,na miña casa había afeccionados, sobre todo o meu pai, e lembro que miña avoa cantaba moito e ben.

3. Pensabas en dedicarte profesionalmente á música?
Non,nunca pensei en dedicarme profesionalmente a nada…iso ocorreu, sen máis.

4. Desenvolves algunha outra profesión?
Son mestra de primaria,iso faime feliz.

5. Tocas algún instrumento? De ser así, que prefires: cantar ou tocar?
Toco algo o piano, algo a gaita e un pouco a percusión. Mnnn... creo que cada cousa ten a súa función.Tocar permíteme compoñer de xeito máis divertido.

6. Participaches en varias formacións musicais e agora gravas en solitario: que opción che satisfai máis?
Ambas, creo que tocar nunha banda permíteche ver moito máis mundo que o teu propio; por outra banda, ser solista é correr coa responsabilidade, tamén é un reto.

7. Onde encontras a inspiración para as túas letras?
Heheheh….na vida vivida e na non vivida, nos soños que fican nas gaiolas e nos que arrincaron os feches!!!

8. Toda a túa música se expresa en galego; pensaches algunha vez en mudar o idioma para ser máis coñecida como artista?
Nunca pensei en mudar a lingua para ser máis coñecida, mais pensei en cantar noutra lingua porque as circunstancias o requerían…sen mais.

9. Que se sente cantando a túa música, na túa lingua, polo mundo e ser recoñecida con premios?
É algo que non se paga con cartos. O mellor do mundo é ver como a xente canta as túas cancións…na túa grande pequena lingua ,purrando e purrando.

10. Estás preparando algún novo proxecto despois do último que coñecemos, Lúas de outubro e agosto?
Estou compoñendo mais non sei para que…deixándome levar!!!Nunca se sabe.

11/10/15

JAVIER GÓMEZ NOYA E A LINGUA


Descubrimos esta semana un gran deportista, pentacampión do mundo de triatlón, grazas á completa entrevista que nos ofreceu o semanario Sermos Galiza.

Revisamos na entrevista cuestións morfolóxicas referentes á adxectivación e á derivación por prefixación e agora toca coñecer a vinculación, reflexión e opinión de Javier Gómez Noya a respecto da cuestión lingüística recollida no programa Eu falo.


E rematamos este percorrido pola biografía persoal e deportiva do noso deportista máis internacional, pero sempre recoñecido na casa, coa lectura do pregón das Festas da Peregrina de Pontevedra deste 2015.

Parabéns!!!

Grazas por levarnos contigo polo mundo!!!









A NOITE QUE VAN MORRISON CANTOU EN CARBALLO

Con este título do relato de Ramón Vilar Landeira que abre o volume colectivo Contos de taberna iniciamos unha lectura que ha ser ben diferente a todas as precedentes.

E para amplificarmos a escrita deste primeiro relato, imos descubrir por que comeza cunha cita do tema "Sweet Thing" de Van Morrison.

 

Quen nos pode explicar o vínculo entre este tema musical, a praia da Arnela, Carballo e o Ánfora, a viñoteca próxima ao Pazo da Cultura?




DESPEDIDA