25/05/15

A VOLTA A CURROS EN NOVE ETAPAS




Imos concluíndo o estudo do Rexurdimento galego coa lectura da obra poética de Manuel Curros Enríquez. Mais é preciso percorrer, canda os seus versos, un tempo de luz para a literatura, a lingua e a conciencia galega.

E xa sabemos que para aprender máis e mellor, non hai nada como un bo traballo de investigación cooperativo, man a man con cada membro dun bo equipo.

Esta é a metodoloxía que presegue a unidade didáctica A volta a Curros en nove etapas que agora iniciamos.

Mais, antes de comezarmos, imos facer unha proba inicial de coñecementos desde aquí.

Preparadas? Aló imos!

13/05/15

PREPARADAS PARA UN NOVO CORRELINGUA

Mañá é o día da celebración anual do Correlingua, así que nos vemos na Coruña para celebrarmos que facemos parte do lema deste ano: 

Galego, a nosa creación común.

Percorreremos con ansia e moita festa as rúas da cidade para chegarmos canto antes á Torre de Hércules, escoitar o orixinal manifesto WhatsAppeiro gañador do concurso deste ano, autoría do alumnado de 4º ESO do CPI de Pontecesures, e bailar ao vivo a peza do grupo gañador do certame Cantalingua, Bocinazo, co seu tema "Oda ao Esterco".

E para irmos collendo ritmo, probamos co vídeo gañador do outro concurso que organiza o Correlingua, intitulado "O galego é de todos", da autoría de mozas e mozos do CPR Sagrada Familia de Aldán (Cangas do Morrazo).


07/05/15

PRÓXIMA CITA VIGUESA

O martes 12 de maio desprazaremos as nosas aulas de lingua e literatura á viguesa Casa Galega da Cultura para coñecer de primeira man os fondos documentais do legado de Fermín Penzol.

Na sede da Fundación Penzol descubriremos aqueles datos relevantes dunha figura clave das letras galegas da segunda metade do século XX: Xosé Mª Álvarez Blázquez, grazas a unha exposición recentemente inaugurada co gallo do centenario do seu nacemento e a cuxa inauguración imos achegarnos desde aquí, abrindo a primeira porta do noso saúdo.


PERIFRASEANDO

Imos chegando á fin do repaso morfolóxico verbal das últimas semanas e tócalle a quenda ás perífrases verbais. 

Ímonos remangar para debruzarnos neste enlace e revisar algunhas nocións teóricas que nos axuden a recoñecer unha perífrase verbal e a diferenciar o seu valor. Finalmente, como non hai mellor teoría que unha boa práctica... adiante cos exercicios propostos na parte final!

Para tomalo con humor, imos comezar recoñecendo dúas perífrases verbais nesta imaxe do humorista Luís Davila, "O Bichero".


DESPEDIDA