12/12/13

E QUE VÉN A SER O VALEGO?


Estivemos a analizar nos últimos días a situación lingüística do Estado español, seguindo a información do libro de texto, e chegamos á conclusión de que son sete as linguas existentes -aragonés, aranés, asturiano, galego, castelán, éuscaro e catalán- malia só as catro últimas teren a consideración de oficiais.

Algo nos anunciaba esa unidade sobre a existencia en Extremadura da fala, un idioma que garda gran semellanza co galego. 

Para sabermos algo máis, imos ler esta entrevista que no xornal Praza pública realizan ao sociolingüista e profesor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, a raíz da publicación do seu libro O Valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura)

DESCUBERTA VIAXEIRA




A nosa guía Cintia Riveiro explícanos as características dese lugar destacado da Costa da Morte que estabamos pendentes de descubrir nos últimos días: o Cabo Vilán.

Velaí as súas palabras:

O  Cabo Vilán está situado na Costa da Morte, máis concretamente no concello de Camariñas.Foi declarado de Interese Nacional no ano 1933, por ser un lugar rochoso e escarpado, e na actualidade é considerado Monumento Natural. 
 
O faro deste cabo sinala un dos tramos máis fermosos e perigosos da Costa da Morte e é o máis antigo de España.
 
Perto do Cabo está o Cemiterio dos Ingleses, lugar onde están enterrados os homes que pereceron no navió inglés Serpent no ano 1890, que afundiu perto deste lugar un día de tormenta.

10/12/13

DE CARRICANTAS E VAGALUMES


Despois de ler esta nova entrada do blog persoal do escritor Xabier P. Docampo, De carricantas e vagalumes, imos traballar estas cuestións referentes ao texto expositivo ás que daredes resposta nos vosos cadernos para facermos corrección colectiva na aula:

1. Resumo

2. Tema 

2. Estrutura

09/12/13

ENTREVISTA A ROSA ANEIROS



Hai uns días, a partir da recompilación de preguntas que preparou a compañeira Judith, enviamos por email este cuestionario que agora reproducimos coas respostas de Rosa Aneiros, autora da nosa primeira lectura trimestral en 4º, Ás de bolboreta.

Moitas grazas a Judith e a Rosa por nos permitiren acceder a este diálogo.



1. O bar O Luzada é real? Se é así, onde se atopa e que te levou a tomalo como modelo espacial?
Non é real..., de todo. Hai un espazo que se lle parece moito, moito pero non coincide exactamente coa descrición que eu fago do Luzada. Escollín un lugar nunha cidade meca de peregrinos, xusto no límite dunha zona peonil e preto dun colexio porque necesitaba todos eses elementos narrativamente. Eses compoñentes axudábanme a tecer o relato e a contar os sucesos que acontecen... O bar é un magnífico lugar de reunión de persoas descoñecidas con culturas, valores, ideoloxías, condicións sociolaborais e idades diferentes.


2. Cales foron as razóns que che levaron a escribir as distintas historias que forman Ás de Bolboreta?
As historias naceron por separado e, cando xa tiña varias, decateime de que había un fío condutor que podía unilas para construír un único universo literario. Ese fío non era outro que o bar Luzada, ese espazo que fai que conflúan os personaxes e os seus tempos. Cando fun consciente disto todo foi moito máis sinxelo de narrar.

3. Por que os capítulos están numerados e non teñen un título fixo?
Ahhhh... Os capítulos teñen o seu aquel! Responden a unha lóxica que non é a correlativa habitual e por iso sorprenden. Pero asegúrovos que teñen un, ou varios sentidos. Pensade nos tempos. Pensade nos espazos. Nos números positivos. Nos números negativos. Nos correlativos. Nos saltos. Isto é moito máis divertido que poñer título fixo! Gústame moitísimo xogar con quen le e esta é unha maneira de presentarvos un crebacabezas para que vós sexades parte activa da lectura..

4. Inspirácheste nalguén real para definir a cada un dos personaxes? E para definir a súa historia?
Non hai ningún personaxe que case exactamente con alguén que coñeza pero, por desgraza, moitas historias acabaron sendo reais. Lembrades os rapaces do monte Gurugú? O outro día produciuse un suceso terrible na aba dese monte cos inmigrantes que intentaban entrar en Europa. Lembrades a rapaza kurda e a súa acción suicida? As chamadas -mal chamadas- primaveras árabes tiveron o seu detonante na queima ao bonzo dun rapaz que rexentaba un posto de froitas e verduras en Tunisia... E así podería seguir... A realidade sempre supera a ficción, particularmente cando falamos de historias que teñen a súa orixe na actualidade inmediata.

08/12/13

REVISTA NÓS

 
Colección facsimilar da Revista Nós

A casa de Manuel María gardaba para a nosa visita, nomeadamente para o alumnado de 4º, a copia facsimilar da Revista Nós

Portada da Revista Nós deseñada por Castelao


É hora de traballarmos aquelas "Primeiras verbas" que inauguraban e presentaban esta revista editada entre 1920 e 1936 con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.

Leamos e comentemos que raíces substentaban este proxecto editorial:



Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai hoxe Nós.

É a ansia qu'oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d'integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo.

Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respeito das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos.

Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade, de todol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra.

Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s'afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.

Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro ser de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental.

Querendo suprimir entremediarios antr'o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado.
Nada mais.

E, ós que s'asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por teren o Tempo e o Mundo os que o piden...

Nós conta achar'agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d'iste xeito.
A todol-os que nos lean.

SAÚDE E TERRA.

05/12/13

SAÍDA DIDÁCTICA Á CASA MUSEO DE MANUEL MARÍA

Este mércores 4 de decembro vivimos unha xornada escolar diferente en Outeiro de Rei (Lugo) na terra do escritor Manuel María.



Despois de nos aproximarmos á súa figura e obra a través da exposición que previamente visitamos no centro, desprazámonos ao cemiterio desta localidade para homenaxear o poeta cunha ofrenda poético-floral.





Deseguido, dirixímonos cara á que foi a súa casa natal, A Casa de Hortas, agora convertida en casa museo que recolle todo o legado persoal e literario do escritor en galego máis prolífico de todo o século XX.

A primeira parada foi na antiga palleira da casa, hoxe en día adaptado e acondicionado o seu uso como auditorio, onde nos recibiu o noso guía Fran Rei, ou o que é o mesmo, Fran de Xaviña!


Percorremos as diferentes estancias desta casa labrega observando o conxunto da obra literaria de Manuel María, as mostras da súa faceta dinamizadora cultural e de compromiso político, as coleccións de navallas ou de plumas estilográficas, os seus premios e recoñecementos...





... e a inmensa e completísima biblioteca de máis de 12.000 volumes.


E despedímonos deixando a nosa lembranza agradecida impresa no Libro de Visitas da casa.


Vémonos na próxima saída?



DESPEDIDA