31/10/11

UN MES... CANTOS REFRÁNS?

Inauguramos o mes de novembro cunha nova sección que nos vai axudar a descubrir ou (re)aprender refráns galegos vinculados a cada mes. Xa sabedes que a sabedoría popular sempre manda, así que toca ir preguntándolle ao mundo, á xente que nos rodea que é quen máis sabe (case) sempre...

Todos os refráns que averigüedes vinculados co mes de novembro, rexistrádeos como un comentario a esta entrada e ireinos subindo á sección que xa podedes ver na marxe dereita do blog.


A que estades esperando? O mes, digo... o tempo voa!

E DE MAIOR QUERO SER... (2ª PARTE)

Neste artigo da revista dixital Tempos Novos poden residir algunhas claves que nos axuden a entender o tema central da obra de teatro que vimos a pasada semana. Que vos parece?
http://temposdixital.com/td/sociedade/10/a-sociedade-ponlle-a-mascara-da-igualdade-o-machismo-e-o-sexismo/

OS DOUS DE SEMPRE, CASTELAO


II
UN RAPAZ QUE SERÍA QUEN DE MANXAR A SEU PAI POLAS PERNAS
A tía Ádega, chea de alifaces, non reparaba en sacalo da boca para mandarllo ós meniños de Farruco: un sobriño casado fóra da vila.
A probe vella mantíñase de peixes pequenos, dos peixes que mercan as señoras gordas para botarllos ó gato, e todo por aforrar para os fillos de Farruco.
En días sinalados a tía Ádega mandáballe[s] ós sobriños un caixón cheo de cousas de comer, e quedábase cavilando no contentamento dos rapaces. A caixa sempre contiña lambetadas de mérito: chourizos, anacos de pernil, roscas de ovo, cachos de tarta, melindres, zucre...
Farruco ben merescía as axudas da tía Ádega porque vivía feito un azacán; ¡el, que fora o mozo máis enfonchado da vila, por quen toleaban as mozas de máis porqué!
Casárase Farruco1 e axiña comezaran a choverlle nenos do ceo. O mozo, denantes algareiro e parrandista, trocárase nun limón estruchado polo traballo e as cavilacións. Os nenos eran fazuleiros e bonitos, como anxelotiños de retablo barroco; pero compría moito pan para tantos peteiros abertos.
A rolada dos nenos de Farruco enchía de rechouchíos o abrente do día, e o probe pai tiña que erguerse co corpo magoado polo traballo da véspera. Os rapaces non paraban de piar. Eles comían, comían, e as súas cariñas ledas e bonitas sempre amostraban o degoiro de comer. O probe Farruco chegou a decatarse de que as andorgas dos nenos endexamais se fartarían, e adicouse a traballar sen acougo, resiñado coa súa cativa sorte.
Cando chegaba o caixón da tía Ádega, os rapaces bailaban ó seu redor e non saían da casa antramentras o caixón non se baldeirase nos seus bandulliños. Cando non había ningún rapaz de Farruco na rúa, era sinal de que chegara o caixón da tía Ádega.

Eu quero contarvos un sucedido que amostra os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o probe pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recebir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañán, e achegouse a el Pedro, o fillo máis vello, que o despertou das súas cavilacións.
—¿De onde veu o meniño, papai?
E Farruco respondeulle, por decir algo:
—Mandouno a tía Ádega no caixón das lambetadas.

E Pedro, dispois dun anaco de meditación, volveu a perguntar, cos seus ollos de acibeche, brilantes de ledicia:
—¿E cando o comemos?
Os dous de sempre, Castelao

RENOVADO O LIBRO DA SEMANA



O mes de outubro vai tocando a fin e a noite de samaín dará paso a novembro. Xa sabedes que o pobo creou un refrán moi atinado para el:
Bendito mes, que empeza en Santos e acaba en Santo Andrés!
Nesta derradeira xornada de outubro, coincidente con comezo de semana, non nos esquecemos de renovar a sección "O libro da semana". Retrincos cédelle o testemuño á novela Os dous de sempre. Lectura altisimamente recomendada!

29/10/11

LEONARD COHEN, MÚSICA E POESÍA

Leonard Cohen acaba de recibir o Premio Príncipe de Asturias das Letras. Orixinal poeta e músico, xunguidos nunha única voz inconfundíbel, ben merece que o descubramos nesta Lingua de Alcaián dun xeito tamén especial. Como vai ser? Atentos!

Partindo da nosa lingua propia, imos descubrir a nova da concesión do premio en portugués, desde a RTP, a compañía de radio e televisión portuguesa. Clicade neste enlace e escoitade con atención. Se hai que repetir audición, non pasa nada!
http://www.rtp.pt/noticias/?t=Leonard-Cohen-vence-Premio-Principe-das-Asturias.rtp&headline=20&visual=9&article=447670&tm=4

E agora, xa podemos escoitar unha das súas cancións máis coñecidas e, ao tempo, seguir a letra en inglés.

Quen lle ten medo ao trilingüismo? Nós, desde logo que non! Quen dixo medo!

O ENCANTO DE XAVIÑA

Bergantiños é terra fértil en patrimonio oral. No inicio deste blog descubrimos a lenda da Lagoa de Alcaián e unha alumna lembrou que ela descoñecía esta, mais si sabía a do encanto de Xaviña. Paseando pola magnífica web www.galiciaencantada.com, atopeina. Velaquí vola deixo, para @s de Xaviña e para os das outras parroquias... Que non se me cele ninguén...


A braña de Xaviña está en Santo Tomás de Xaviña, preto da ponte de Reigoso, concello de Coristanco (A Coruña).
Aquí foi onde se lle apareceu a un rapaz que andaba coas vacas unha lagartixa que lle falou:
—Quen me queira desencantar, tres biquiños me ha de dar.
Aquela aparición repetiuse varios días e a lagarta sempre lle dicía o mesmo. O rapaz tomou medo e dixo na casa que non quería ir coas vacas para a braña; entón o irmán máis vello, vese que máis valente, ofreceuse para ir el no seu canto.
Cando chegou, pasoulle o mesmo. Presentouse a lagartixa e díxolle:
—Quen me queira desencantar, tres biquiños me ha de dar.
Pero, xa ora, ó mozo dáballe noxo bicar o becho no fociño, así que lle puxo un pé enriba da cabeza e deulle o bico no rabo.
Disque, nada máis bicala, sentiu unha sensación moi suave e, sen decatarse, deulle outro bico na cabeza.
Para a súa sorpresa a lagarta transformouse de inmediato nunha fermosa moza. Pero aínda quedaba outro sobresalto; a moza resultou ser unha irmá de seu que desaparecera había xa uns anos.

QUE SABEMOS DO SAMAÍN?

Seguro que xa andades argallando que facer para celebrar o tránsito do 31 de outubro ao 1 de novembro... 
A noite das cabazas, das pantasmas, dos medos, das sombras, do (re)encontro do mundo dos defuntos co mundo dos vivos... 
Que sabemos realmente da noite do Samaín? Celebrábano os nosos antergos como facemos hoxe nós? E os nosos pais e nais? E os nosos avós e avoas? A ver que contades de novo!


27/10/11

SABENDO MÁIS DE TERESA MOURE

Continuamos avanzando na lectura d´A xeira das árbores, en 3º, e cada vez semella que lle tomamos máis gusto á vida de Clara, a súa personaxe central.
Hai uns días escoitamos á propia autora, Teresa Moure, falarnos de que foi o que a motivou para escribir. É hora de irmos sabendo algo máis dela, non vos parece? Mais neste caso, imos cambiar as regras do xogo. Eu fago as preguntas e a ver quen é o/a primeiro/primeira en conseguir anotar as respostas completas...

1. Ten publicada algunha outra novela Teresa Moure?
2. E algún poemario?
3. E algunha obra de teatro?
4. Tense representado nos escenarios algunha obra da súa autoría?
5. Coñeces algún título que se corresponda co xénero ensaístico?
6. Gañou algún premio?
7. Algunha obra súa está traducida?

O tempo comeza XA!

E DE MAIOR QUERO SER...

Hoxe asistimos ao noso primeiro encontro co teatro deste curso. Mesmo a chuvia nos acompañou! 
E de maior quero ser..., da compañía coruñesa Caramuxo Teatro, abriunos os ollos sobre a necesidade de romper cos moldes tradicionais que pretenden convencernos de que existen hábitos, accións, deberes, profesións, etc., que veñen predeterminados para as mulleres pola súa simple condición de mulleres. 



E vós que pensades? Que reflexión ou valoración facedes do que vimos hoxe? Só é puro teatro?

25/10/11

UN REPASIÑO POLA ANÁLISE SINTÁCTICA

Aínda que nada resulta novo xa, cómpre ter ben clariño o procedemento que debemos seguir para unha boa análise sintáctica oracional.
Déixovos aquí novamente un repasiño rápido que fixemos hoxe na clase de 4º para retomarmos na aula esta parte da programación nos próximos días. 
http://www.slideshare.net/Manulourenzo/as-funcins-sintcticas-473467


Oportunidade única para refrescardes ideas e ir collendo carreira!

FELIZ CUMPRESEMANA!

Superada a primeira semana de vida, a nosa Lingua de Alcaián superou as 400 visitas!!!!


Parabéns a todas e a todos os que por aquí nos reencontramos día a día!

O INVESTIGADOR JORGE MIRA, PREMIADO NOVAMENTE

Seguro que aínda lembrades con nitidez a visita e a conferencia que o científico e profesor da USC, e veciño de Baio (Zas), impartiu na pasada Semana Cultural no noso centro. Estes días volve estar de actualidade por ser novemente premiado por un dos seus traballos de investigación.
Déixovos a nova desde a alegría e o orgullo para coa próspera carreira de Jorge Mira.
http://www.quepasanacosta.com/?p=10376

24/10/11

FREDDIE MERCURY

Hoxe xurdiu, en 3º ESO, na lectura que abre a Unidade 2, o nome do eterno galán do cinema norteamericano Rock Hudson, nas décadas dos 50 e 60, e mais o do magnífico vocalista do grupo QUEEN, Freddie Mercury. E a conto de que? Que terán en común os dous coa protagonista da lectura Futuro imperfecto? Pois que os dous faleceron a causa da SIDA, mentres que Xulia Alonso, a autora da obra citada, é unha sobrevivente desa doenza. Coido que a sesión de hoxe non foi intranscendente...
Rubén Darío lembrou unha canción magnificamente interpretada por Freddie Mercury: We are the champions! Eu déixovos outra para ampliar coñecemento musical. 


Non esquezades nunca o lema: Don´t stop me now

23/10/11

XA ÍA TOCANDO ALGO DE MÚSICA...

Así que xa vos deixo o "Salitre" de Xabier Díaz, acompañado pola voz de Guadi Galego e mais polo guitarrista Guillerme Fernández. Seguro que algunhas / algúns dos que andades por aí aínda lembrades as palabras de Xabier Díaz cando nos falaba da importancia da comarca de Bergatiños en sabedoría tradicional musical. Va que si?
Claro! Xa sabemos que existe moita máis música que a que programa "Los 40 principales"...

POÑER EN VALOR A ESCOLA

Nestes tempos en que parece que non toda a sociedade concorda coa importancia da escola para o presente e o futuro dun pobo...
Nestes tempos en que parece que todo o mundo entende da realidade da escola e dos escolares...
Nestes tempos en que algúns se empeñan en fala por falar da educación...


Propóñovos que reflexionemos sobre este pensamento que deixou escrito Concepción Arenal (1820-1893), esta ferrolá que conseguiu converterse na primeira muller que acudiu á Universidade e completar os estudos de Dereito, iso si, disfrazada de home. Por que sería?

21/10/11

A XEIRA DAS ÁRBORES

O próximo luns manteremos nas aulas de 3º a primeira conversa ao redor da lectura do comezo d´A xeira das árbores, escrita por Teresa Moure. Esta novela prenderá a nosa atención nesta primeira avaliación. Veremos o que dá de si o seu argumento, os seus personaxes...!


Polo de pronto, imos comezar a saber algo da súa autora. Velaí:
http://www.aelg.org/Centrodoc/ShowMediaLibraryVideo.do?id=1201

20/10/11

LINGUA DE REIS. LINGUA DO POBO (2ª PARTE)

Como o prometido é débeda, velaquí vos deixo a segunda parte do vídeo da historia da lingua e da literatura galega. Quen será o primeiro alumno ou alumna que responda correctamente estas cuestións:
1. Que personaxe histórico centra este capítulo?
2. A que estamento social pertencía?
3. En que século viviu?
4. Que papel desempeña no proceso de recuperación da lingua e da literatura galega que agora se inicia despois dos Séculos Escuros?
5. Como pensaba que tiña que ser o modelo educativo?

A ollar con atención... a pensar con xeitiño e a responder... xa!

19/10/11

LENDA DA LAGOA DE ALCAIÁN

Como nos mellores programas radiofónicos, imos atender unha petición ben interesante que nos fixo chegar "Anónimo" na primeira entrada. E que vén sido isto de Alcaián? Éche un invento noso ou unha realidade encantada? Foi? É?
A ver se por aquí descubrimos algo!!!
http://galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=159&n=alcai%E1n

16/10/11

AS IRMANDADES DA FALA

Andamos a voltas, en 3º e 4º ESO, coas diferentes etapas literarias da lingua e da literatura galega. É moi importante comprendermos que a nosa historia é un longo camiño que o pobo que nos precedeu foi tecendo non exento de dificultades.

Lembrade que cada etapa é explicada, como nas nosas vidas, en función de acontecementos anteriores. Nada é casual. Todo está xustificado por un contexto político, económico e social que foi modelando a lingua e a literatura de noso.

Reparade nesta serie de tres vídeos que irán aparecendo por esta xaneliña nos próximos días. Ás mozas e mozos de 4º serviranvos de repaso e aos de 3º de avance e introdución nesta peculiar máquina do tempo que nos ha transportar ao longo deste curso.





15/10/11

VOLVER A CASTELAO

Durante este 2011 lembramos a Castelao 125 anos despois do seu nacemento en Rianxo. Que mellor xeito de rememorar o autor que lendo a súa obra, non si? E tamén ollándoa, porque xa sabemos das múltiples habilidades de Castelao como narrador, dramaturgo, ensaísta político, humorista gráfico, debuxante, caricaturista...

Reparade neste debuxo de Castelao do seu Álbum Nós (1931) e pensade se ten relación con algún relato lido na aula. Que vos parece?

SAÚDO DE BENVIDA

Arrancamos esta viaxe virtual que nos irá achegando, de maneira complementaria, a todo o traballo que realizaremos nas aulas durante o curso 2011-2012
Lembrade que a vosa (co)participación neste proxecto innovador é fundamental para podermos construír desde aquí un foro de reflexión e comunicación que nos axude a aprender máis e mellor. 
Mais, sobre todo, non esquezades que serán fundamentais os vosos comentarios, a vosa capacidade de resposta, así como o seguimento periódico da información que por aquí vaia xurdindo. 
Ah! E as vosas propostas tamén, claro!

DESPEDIDA