30/09/13

VERSOS DE OUTONO

 
É  OUTONO NO COUREL
(Uxío Novoneyra)
 
 Veu o tempo morno do Outono.
Os días son tardes longas...
O aire é unha cousa...
 
Caen as follas...
Sinto unha cousa
que se pousa en min e non me toca...

 Anda o vento ceibe polos eidos
con todas as ás soltas,
empreña os castiñeiros,
ripa as lousas dos teitos
e escachafoula nas portas.

Chove no monte e nas viñas.
 Chove pausiño prás sombras,
chove prá baixo e prá riba.
O aire de soño en soño,
a auga pinga que pinga...

29/09/13

SEXAMOS OBXECTIVOS ... OU NON

Iniciamos a primeira unidade do libro de texto de 4º ESO aprendendo a recoñecer marcas de obxectividade e/ou subxectividade nun texto impreso. Non é tarefa doada, pois esixe algo de lectura atenta e moito de capacidade de reflexión.

O blog axudaranos a traballar diferentes modelos para avanzarmos nese recoñecemento imprescindíbel para sermos persoas realmente informadas.

 Hoxe imos comezar por este artigo de opinión publicado hoxe no xornal dixital Praza Pública, asinado polo persoeiro bergantiñán que na última semana nos acompañou nesta porta principal: o escritor carballés Xurxo Borrazás. 



Logo da lectura, deberedes procurar as marcas de subxectividade propias dun artigo de opinión como este. Lembrade que no libro de texto (p. 16) dispoñemos dun esquema sintético que ha ser boa guía.


27/09/13

DE ROSALÍA DE CASTRO E ELENA ZERNOVA


Rosalía de Castro (1837-1885)

Onte celebramos a diversidade lingüística e hoxe concretámolo cunha nova de actualidade ben importante: a publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro ao ruso, unha tradución a cargo da profesora Elena Zernova.

Elena Zernova na presentación da tradución de Cantares gallegos ao ruso


Xa sabemos que non é esta a primeira tradución do emblemático poemario rosaliano que este ano cumpre 150 anos da súa primeira edición. De certo que tampouco ha ser a última...

Neste plural Planeta Rosalía, na sección Rosalía é mundial , podedes localizar dous poemas ben coñecidos, “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”, traducidos ao longo dos últimos meses a moitas desas linguas que a efeméride de onte nos descubriu.
Imos ver como soan!

25/09/13

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS






Hoxe, 26 de setembro, celébrase o DÍA EUROPEO DAS LINGUAS, unha efeméride organizada polo Consello de Europa e a Unión Europea coa finalidade de festexar a diversidade lingüística e cultural europea e promover a aprendizaxe das linguas.


Cantas linguas se falan en Europa? Podemos identificar, sen pararnos moito tempo a pensar, dez desas linguas? Só en caso de urxencia extrema, podedes consultar este enlace.

Imos achegarnos da man desta presentación a esa realidade diversa e plural que tanto enriquece o ser humano e á que nós contribuímos desde o galego.

E, finalmente, imos concluír este paseo plurilingüe coa realización desta webquest, de forma individual. A tarefa que entregaredes por escrito será a resposta á gran pregunta final.

23/09/13

DESCUBERTA VIAXEIRA


A compañeira de 4º, Judith, descubriunos axiña a imaxe fotográfica viaxeira que nos acompaña cada semana.

Segundo ela, trátase do monólito dedicado ao poeta Eduardo Pondal en Ponteceso, ao pé da súa casa natal.

Quen nos podería dicir que texto é ese que se intúe gravado na pedra?

22/09/13

MAIS O OUTONO CHEGOU




Agora que é Outono, miña amiga,
miña amante e sinxela compañeira,
habémonos chegar deica a ribeira
onde a brisa deixou unha cantiga.

E que sexa Outono quen nos diga
os segredos que ten a sementeira,
como se foi espindo a carballeira
e que promesas granarán na espiga.

Nós sabémonos puros e cumpridos
ao sentirnos tan un e tan xunguidos
nesta pasiaxe lene e musical.

¿Non lembras, en Outonos xa vividos,
ao río retratar no seu cristal
os soños que coidábamos perdidos...?

Manuel María, Poemas ao Outono

ANDA O VERÁN A LLE CHISCAR O OLLO AO OUTONO

Que vos pareceu este salto meteorolóxico tan estraño de cambio de estación desta fin de semana?



Como se lle chama na nosa cultura popular a este tempo de caloriña que sempre aparece contra finais de setembro? 

Quen o sabe? 

Quen se asoma por aquí primeiro para contestalo?


21/09/13

ROSALÍA DE CASTRO: LETRA E MÚSICA





EXTRA! EXTRA!


Un novo disco con novas músicas para as letras de Cantares gallegos!!! Velaquí toda a información!!!

ATENCIÓN! 

PREGUNTA: Quen sabe dalgunha outra novidade discográfica recente baseada na obra poética de Rosalía de Castro?

Xa estamos agardando polas vosas referencias musicais... Tempo!




19/09/13

MARCHANDO UNHA DE SOPA!


Á nosa queridísima compañeira Mafalda non lle gusta nadiña a sopa, e a vós?

Con isto da modernidade tecnolóxica tamén a sopa evoluíu e agora podemos facer sopa en  smartphones ou tablets



Non o credes? Pois si, incluso en plural: sopas de letras!!!!

Ollade por aquí a ver se non é certiño, certiño!!! Que é @ primeir@ en probar esta nova experiencia lúdicoculinaria???

 

18/09/13

O PAI DE MIGUELIÑO


Logo da lectura na aula deste breve relato, iniciamos o tratamento daqueles aspectos en que debemos reparar para comentar un texto narrativo.

Para axudar a introducirvos nesta nova tarefa de reflexión, concreción e expresión escrita, deixamos por aquí un modelo orientativo.

Unha vez lido, xa estades en disposición de comezar a procurar o voso persoal modelo expositivo, así que ... a que esperades?


AS COUSAS DE CASTELAO

Iniciamos o curso con dúas lecturas colectivas ao redor da obra en prosa de Castelao: Cousas e Retrincos en 3º e 4º de ESO respectivamente.

Agora imos intercalar a audición dun dos relatos de Cousas na voz da escritora Marga do Val. 

Oído atento!


15/09/13

SEGUNDA FEIRA, EMPEZAMOS!

Coñecedes a  Mafalda e o seu amigo Felipe?

É unha nena moi espilida, creada polo humorista Quino, que de cando en vez nos acompañará polo eirado desta casa virtual para nos axudar a pensar, reflexionar, cuestionar...

Velaquí unha primeira mostra que nos permitirá poñer en común a seguinte cuestión: que obxectivos vos marcades para superar ao final de "todos esses malditos dias de aula" que nos quedan por diante?


MENSAXE DE BENVIDA



O blog Lingua de Alcaián dávos a benvida ao Curso 2013-2014!

Día a día, entrada a entrada, coa vosa axuda crearemos aquí unha casa virtual que nos acolla no proceso de formación e aprendizaxe ao redor da materia de lingua e literatura galega en 3º e 4º de ESO.


Para ti e para ti, alumnado experimentado de 4º, non é novo, pois xa vivistes esta experiencia o curso pasado, así que é importante que nos axudades a presentalo aos novos compañeiros e compañeiras de 3º, expectantes, que se van atopar de novas fronte a estes pantallazos diarios.

Que lles suxerides? 

        Que lles podedes avanzar? 

               Que pode acontecer por aquí? 

                        En que medida Lingua de Alcaián precisa de vós?

DESPEDIDA