23/12/18

COÑECENDO A CASTELAO

E para pechar o primeiro trimestre de curso nada mellor que unha intensa sesión didáctica fóra das aulas do centro, non si?

As visitas á exposición "Castelao maxistral" na Cidade da Cultura e "Alba de Gloria" no Panteón de Galegos Ilustres axudáronnos a fixar os coñecementos aprendidos en 4º ESO ao redor do pensamento e da obra de Castelao.

E a visita ao Museo de Historia Natural descubriunos a importancia de protexermos a biodiversidade ambiental.

Velaquí unha pequena síntese da saída extraescolar en imaxes que seguramente vós completaredes coas vosas palabras de lembranza na sección de comentarios.


09/12/18

NO RONSEL DE CASTELAO


Estamos a piques de pechar o primeiro trimestre escolar onde descubrimos en 4º ESO un dos autores referenciais da lingua, da literatura e da cultura galega: Castelao.


Para alén das sesións teóricas de aula, o vindeiro xoves 20 de decembro participaremos nunha saída didáctica extraescolar que nos levará a coñecer moito máis e mellor o pensamento e a obra do noso autor.






 En primeiro lugar, visitaremos na Cidade da Cultura a exposición "Castelao Maxistral", para posteriormente dirixirnos ao Panteón da Galegos Ilustres para ver a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia", organizada polo Consello da Cultura Galega.


Para irmos contextualizando esta actividade, deixamos por aquí dúas cuestións introdutorias. Agardamos as vosas rápidas respostas:

1. Que é a Alba de Gloria?
2. Que significa o cadro de Castelao coñecido como "A derradeira leición do mestre"

04/12/18

LINGUA DE LONGAS RAICEIRAS

As orixes da nosa lingua culta, literaria e impresa xa estudamos que polo de agora podemos datalas con probas escritas desde finais do século XII.

Mais non deixan de se producir novos achados que nos axudan a coñecer a súa calidade e diversidade.

Nesta ocasión a descuberta chega dun fragmento prosístico do Libro das Leis, máis coñecido como As Sete Partidas, escrito durante o reinado de Afonso X (1252-1284).

Mais, quen nos podería avanzar algunha pista sobre este libro, os seus contidos e a relevancia histórica?


A PALABRA DO ANO



Entramos no mes que despide o ano e desde a RAG propóñennos esta oportunidade de votar a palabra que sintetice o resumo do ano 2018.

Afouteza (2017), irmandade (2016) refuxiados (2015) e corrupción (2014) foron as palabras que o público escolleu nos anos anteriores.

Velaquí vos queda este convite aberto a participar desde o Portal das Palabras da RAG. 

Cal será, será... a palabra favorita de 2018?

DESPEDIDA