30/12/12

Desde esta LINGUA DE ALCAIÁN, desexamos que colectivamente traballemos para que o 2013 nos deixe boas lembranzas.

FELIZ ANO!



24/12/12

HOXE CHEGA O APALPADOR

O Apalpador é un personaxe da tradición lendaria galega do tempo de nadal, recuperado nestes últimos anos pola montaña luguesa do Caurel.

Aínda temosa sorte de escoitar algúns maiores que o lembran da súa infancia.

Ollade e veredes. Mais, sobre todo, non esquezades que esta noite do 24 de decembro poderá facervos unha visita...


21/12/12

TEMPO DE AGASALLOS

Quen pode resistir a tentación de pensar nestas datas nun agasallo para lle facer a alguén que apreza moito?

Por se andades escasos de ideas, reparade neste catálogo de agasallos en galego que nos prepararon no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral.

Hai onde elixir! Pois, logo, elixo tamén o galego para os meus agasallos!



Eu xa me vou pedindo unha camisola destas requetechulas...

http://ozocogz.blogspot.com.es/

A VERDADEIRA HISTORIA DA MOSCA DA TELE


Lembrades o título do último libro de María Solar?

Algo nos avanzou a escritora no encontro que mantivemos o pasado martes, non si?

Ollade o que conta nesta entrevista no programa da Televisión Galega, Eirado:


Seguro que ninguén se vai resistir á súa lectura. Lembrade que unha mosca destes a temos na biblioteca!

FIN DE TRIMESTRE

Rematou xa esta primeira parte do curso e é hora de iniciarmos un descansiño para tomar folgos e continuar a partir do 8 de xaneiro.

Os recordos de tantos días e meses xuntos son moi variados, mais a min gustaríame resumilo nesta imaxe que reflicte unha iconografía ben metafórica: un grupo humano unido pola forza da palabra-grafiti da poeta Dores Tembrás e  impulsado polo alento da luz natural iluminadora!

BO NADAL E FELIZ ANINOVO!


19/12/12

FIN DE TRIMESTRE

Os últimos días desta semana estamos a celebrar no centro actividades formativas complementarias que nos axudan a formarnos fóra da aula.

Onte, martes, a visita da escritora María Solar axudounos a descubrir o Códice Calixtino como fonte de información para a súa novela As meigas de Lupa, xunto a todo o pasado lendario próximo ao seu barrio de Santiago onde naceu, que ela coñeceu grazas ás conversas coa súa nai.

Hoxe, mércores, a musicóloga polaca, especialista en literatura galega medieval, Paulina Ceremuzynska, volveu reiterar o alto valor da nosa lírica medieval, a importancia de coñecérmola e divulgala desde o orgullo por un patrimonio inmaterial único que por historia nos pertence como pobo. As cantigas medievais galegas son un herdo que estimar de maneira especial. Se non conservamos e queremos o patrimonio material e o inmaterial, seremos un pobo sen alma e, polo tanto, sen futuro, lembrounos Paulina.

Mais, non todas as persoas galegas concordan con esta idea. Hoxe mesmo, coñecemos unha triste nova, unha triste conversa que se produciu estes días no programa nocturno da Radio Galega, "Pensando en ti".
Independentemente da opinión que cadaquén teña, coido que cómpre escoitala e tirarmos conclusións, pois aquí se visualizan boa parte dos contidos de sociolingüística que traballamos en 3º e en 4º de ESO.


17/12/12

OUTRA DESCUBERTA VIAXEIRA

Cintia Riveiro de 3ºA adiantouse e chegou ás Torres do Allo antes ca ninguén.

Ben, para sermos xustos, Iván Vázquez de 4º tamén deu chegado a tempo...

Que son as Torres do Allo? Onde están? De que época proceden? 

Velaquí a exposición de Cintia que moito agradecemos. Ímola contratar de guía turística comarcal!

As Torres do Allo é un dos pazos máis antigos de Galicia. Atópase en Baio, Zas. Foi construído polo fidalgo Gómez Riobó Vilardefrancos na segunda metade do S. XVI .
O edificio é de estilo renacentista e consta de dúas torres unidas por un longo corpo central. O maior interese céntrase na parte alta das torres, onde se atopan unhas fiestras decoradas con elementos de estilo gótico.
Nos escudos que hai en diversas partes deste pazo represéntanse símbolos da familia Riobó.
Outro detalle que non pasa desapercibido son as gárgolas que se atopan nunha cornixa que percorre toda a  parte alta do edificio.

14/12/12

COIDADIÑO CO TEMPORAL!


Á BOA XENTE DE 3º B GÚSTALLES...


... As galegas
... As charlas galegas
... Galicia
... O aire de Galicia
... Nacer en galego
... Os callos galegos
... A terra galega
... Vivir en Galicia
... Bailar muiñeiras
... Cantaruxar en galego
... Os mozos galegos
... Ser galeg@
... Berrar en galego
... Xogar en galego
... As patacas galegas
... Xogar a xogos galegos
... Os equipos de futbol galegos
... Os animais de Galicia
... O cocido galego
... O marisco galego
... O ocio galego
... O viño albariño
... As orellas galegas
... Defenderme en galego
... Dicir ben forte que son galego
... Eloxiar o verde da nosa terra en galego
... Sorrir en galego
... O arroz con chÍcharos, as patacas novas, o repolo de Betanzos e mais as cebolas
... A chave galega
... Namorarse en galego
... Bromear en galego
... Vivir entre galegos e galegas
... Estudar en galego
... Morrer en galego
... Os Simpson en galego
... Os galegos que falan en galego
... As praias de Galicia
... Os libros en galego
... O xabarín club
... As frases galegas como: que fas, ho!
... As carballeiras galegas
... As festas galegas
... Os chistes galegos
... As series galegas
... Os nomes galegos
... Os doces galegos
... O mar galego
... Falar cos amigos en galego
... Os cantares galegos
... As vacas marelas de Galicia
... Os números en galego
... Os refráns galegos
... O grupo galego Heredeiros da crus
... O tuenti en galego
... As avoas galegas que mentres comes pregúntanche se queres máis cando, ao mesmo tempo, xa cho botan sen darche tempo a responder

10/12/12

UNHA VIAXE Á PREHISTORIA

Nesta ocasión, a imaxe viaxeira levounos a tempos ben lonxanos, nin máis nin menos que á pegada do noso pasado prehistórico que hoxe conservamos no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), onde podemos ver unha importante mostra de petrógligos.



Judith Martínez, de 3ºA, fai de guía viaxeira outra vez e preséntanolo así:

É un outeiro rochoso, moi visible, duns 10 metros de altura. Na súa ladeira ten gravadas un gran número de figuras de surco moi visible, ancho e profundo. Á dereita pódense ver tres cabalos cos seus xinetes, dispostos verticalmente. Á esquerda hai un gran panel con figuras de círculos concéntricos, aos que chegan liñas procedentes de círculos centrados por unha fosita. Tamén se poden ver un ídolo placa e varios cervos.

GRACIÑAS, JUDITH!

09/12/12

GÚSTAME...


... PINTAR O IMBÉCIL EN GALEGO
... VISITAR LUGARES GALEGOS
... UTILIZAR O TERMO "CARALLO" NOUTRO IDIOMA
... QUE NON ME ENTENDAN EN GALEGO CANDO ESTOU NOUTRO PAÍS


... CANTAR EN GALEGO
... QUE TODOS OS GALEGOS E GALEGAS FALEN GALEGO
... QUE OS MANUAIS DE INSTRUCIÓNS SE POIDAN LER EN GALEGO
... QUE A MISA SE DEA EN GALEGO
... QUE A RADIO GALEGA FALE GALEGO


... ESCOITAR FALAR GALEGO
... AS RAPAZAS QUE FALAN EN GALEGO
... AS GALEGAS
... CHAMAR AO 1004 E CHE DEAN A OPCIÓN DE TE ATENDER EN GALEGO
... VIVIR COMO UNHA VERDADEIRA GALEGA


... QUE A MIÑA AVOA ME BERRE PARA IR COMER EN GALEGO
... QUE ME ATENDAN EN GALEGO
... BROMEAR EN GALEGO
... ESCRIBIR EN GALEGO


... DAR AS CLASES EN GALEGO
... CADA UN DOS RECUNCHOS DE GALIZA
... AS PALABRAS CURIOSAS QUE SON EXCLUSIVAMENTE GALEGAS
... TODO AQUILO QUE É GALEGO

3º A

07/12/12

DESPEDIDA DA IDADE MEDIA

Vai rematando o trimestre e en 3º temos que ir despedindo a primeira etapa da historia da lingua e da literatura na Idade Media.

Neste vídeo seguramente poderemos acceder a unha recompilación breve de toda a información estudada.

Fica por aquí para refrescar a nosa memoria deste tempo fundacional e prestixioso para a lingua e a literatura galega aló polo final do século XII.


05/12/12

SHIN CHAN FALA GALEGO

Dedicado a tod@s @s que pensastes en Shin Chan na actividade GÚSTAME O GALEGO! desta semana.


VIAXE COMPLEXA

Desta volta o roteiro viaxeiro atopou máis atrancos que as paradas anteriores. Moito tardastes en recoñecererdes esta paraxe natural con tanto encanto!!!

Menos mal que Luís Ángel Bermúdez, desde 3ºA, nos ilustrou! Parabéns! Grazas a el xa podemos continuar a rota!

Por onde andabamos? Moi pertiño de aquí, nos...

 PENEDOS DE TRABA E PASARELA (LAXE)


Reparade nos caprichos que a natureza esculpiu nestas moles graníticas!

E que ben nolo explica o alumnado do IES Maximino Romero de Lema (Baio)!



PRESTIGE: DEZ ANOS DESPOIS

Lembrades o exercicio de memoria que fixemos a comezos do pasado novembro sobre o décimo aniversario da catástrofe ecolóxica, ambiental, industrial e económica que provocou o afundimento do petroleiro Prestige?

O obxectivo último procuraba a redacción dun texto expositivo que recompilase a información traballada a partir dos audiovisuais e novas xornalísticas incorporadas ao blog.

Partillamos desde aquí a reflexión de Marina de la Iglesia Costa, de 3ºB. Parabéns por este magnifico exercicio de expresión escrita!



                                   Prestige

Un trece de novembro de 2002 un barco cargado con miles de litros de petróleo viuse inmerso nun temporal. Días máis tarde, para ser exactos, o 19 do mesmo mes ás oito da mañá, tras intentar alonxalo da costa, este partiuse en dous, afundíndose a unha inimaxinable profundidade. Desta forma as costas galegas, onde o Prestige quedou submerxido, empezaron a tintarse de negro. As Rías Baixas enchéronse de petróleo, e toda Galicia comezou a estremecer.

Pouco a pouco, as consecuencias desta catástrofe natural fóronse facendo máis e máis visibles. A nosa terra non volvería ser a mesma. Cada segundo que pasaba era un segundo en contra das nosas fermosas praias.

Miles de animais catapultados baixo unha enorme mancha negra. Pero todo isto tiña unha causa: a avaricia humana e, sobre todo, a deses que gobernan o mundo. Os mesmos que intentaron tapar con cartos ese desastre que non pasaría desapercibido por ninguén. Ante este feito a xente comezou a reaccionar e miles de galegos e galegas protestaron para axudar á súa terra co lema de “Nunca Máis”.

Pouco a pouco a xente foise sumando a limpar as praias de petróleo e a salvar eses animais que non podían despegar as súas ás manchadas de negro.

Todo o que a avaricia e a torpeza humana destruíra, agora estábase  volvendo a construír grazas á solidariedade e o amor á nosa terra. Agora había un novo lema “Non nos afundiremos nunca máis”.

De todo isto hai xusto dez anos, dez longos anos cheos de cruces negras colocadas sobre area galega. Neste tempo todo mellorou e agora parece unha simple mancha do pasado, pero, moi no fondo, todos sabemos que as costas galegas non volveron nin volverán a brillar coma antes. Por iso despois dunha década volvemos a berrar ben forte “Nunca Máis”.

04/12/12

GÚSTAME...


... VACILAR EN GALEGO
... GHALEGHEAR CANCIÓNS INGLESAS
... ESCRIBIR EN GALEGO
... PENSAR EN GALEGO
... EXPRESARME EN GALEGO
... VER AS REDES SOCIAIS EN GALEGO
... VIVIR EN GALEGO



... SER GALEGO
... A TELEVISIÓN EN GALEGO
... A COMIDA GALEGA
... UTILIZAR GHEADA EN GHALEGHO
... O ACENTO GALEGO
... A MÚSICA GALEGA
... O CINE EN GALEGO


... QUE SUBTITULEN EN GALEGO
... MANDAR CALAR A BOCA EN GALEGO
... MÁIS UN "QUÉROTE"


... ESCOITAR GALEGO NUNHA TENDA
... QUE ME ESCOITEN EN GALEGO
... SHIN CHAN EN GALEGO

          E GÚSTANNOS OS GALEGOS!

(Alumnado de 4º)

03/12/12

SURREALISMO


Andamos por 4º a voltas coa vangarda literaria europea e as diferentes concrecións galegas deste movemento cultural amplo e profundamente transgresor.

Hoxe dicimos con moita frecuencia que iso ou aquilo é surrealista, mais que queremos dicir exactamente con esa expresión?

Este ano celébrase o centenario de Eugenio Granell (1912-2001), un dos maiores pintores representativos do surrealismo en pintura galega. A Fundación Eugenio Granell, situada en Compostela, é digna de ver. Non a perdades en canto teñades a máis mínima oportunidade. Por aquí podedes iniciar a viaxe: http://www.fundacion-granell.org/actualidad/index.php?lang=2

E por aquí fican algúns exemplos de cadros de Granell que podedes ver no seu museo ao vivo.



















TUENTIGALEGANDO


O 3 de decembro de 2009 nacía o Tuenti en galego. Dende entón, miles de usuari@s puideron subir fotos, comunicarse coas súas amizades e, en definitiva, gozar da experiencia desta rede social no noso idioma propio e oficial.

Tres anos despois, esta iniciativa de normalización lingüística e compromiso co galego ten  PREMIO!


01/12/12

GÚSTAME O GALEGO!


Gústame
Gústache
Gústalle





Gústanos
Gústavos
Gústalles















Que che gustaría facer en galego que non podes facer?

DESPEDIDA