29/10/16

AO ENCONTRO DE XURXO CHAPELA

O venres 18 de novembro manteremos un encontro con Xurxo Chapela, o autor carballés de Lémbrame, a lectura de referencia deste primeiro trimestre.



Mais, antes de coñecermos persoalmente a quen está detrás das 500 lembranzas que nos achegaron a un tempo descoñecido, malia non ter transcorrido máis de 20 ou 30 anos de moitos dos acontecementos que o autor lembra na súa memoria, é preciso achegarnos a algunhas claves, como por exemplo esta entrevista publicada polo xornal Praza Pública.

Vémonos o 18 de novembro na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, un espazo que aproveitaremos para coñecer ben a fondo.


23/10/16

DE CORISTANCO A MONTREAL EN GALEGO

Hoxe imos partillar desde este espazo pedagóxico e (in)formativo unha entrada excepcional que fixemos posíbel grazas á iniciativa de Patricia e Lucía de 4ºB e á xenerosidade e atención de Erin Moure, de quen soubemos hai uns días por aquí co gallo da súa tradución ao inglés do poemario Follas Novas.


Velaquí a entrevista das compañeiras que nos axudará a coñecer mellor a escritora-tradutora e moitas cousas máis...





  1. Onde vives habitualmente, Erin?
    En Montreal, en Quebec, en Canadá, pero vou a Vigo cada ano (se podo) para dúas ou tres semanas e a Lalín tamén, onde vive Chus Pato, a quen traduzo eu... En Galiza, sempre falo en galego coas amigas e cos amigos, e en público. Se a xente me responde en castelán, continúo en galego cun sorriso de orgullo e de ledicia! Unha vez en Vigo díxome un taxista (en castelán) que ninguén en Vigo fala galego, só os aldeáns e as aldeás o falan. Insistía eu (en galego) en que é un idioma de cultura por excelencia e todo o mundo cultural en Galiza fala galego, e que hai literatura mundial en galego. O home tivo que admitir que eu dicía a verdade, e empezou el a falar un galego marabilloso, rico en léxico, culto. Así, cando insistimos en falar galego, aparecen galegofalantes, mesmo nas cidades.
  1. Cal é a túa relación con Galiza?
    Galiza é o meu país adoptivo, quéroo moito, os seus espazos, o aire, os montes e a chuvia, as casas tradicionais, os muíños, as aldeas, o mar, as cidades, a súa poesía, e sobretodo, a súa xente. E o idioma si si si, as súas variedades, os seus sabores e as súas sorpresas, as súas intensidades, o seu léxico marabilloso e rico en palabras e frases...
  1. Cal foi o teu contacto co galego?
    Escoitei o galego pola primeira vez en Crecente, preto do Miño, en 1994, cando estaba alí co meu pai. O seu pai John B Mouré en realidade foi Juan Benito Moure, fillo dun galego emigrante en Inglaterra, o Benito Moure Lobariñas... e soubemos que emigrou de Crecente. Quixemos ver o lugar. Alí escoitei o galego e namoreime de inmediato.
  1. Como avanzaches no seu coñecemento até chegar a te converteres en tradutora?
    Eu xa era poeta en Canadá en inglés, e xa falaba francés, porque levo vivindo trinta anos en Montreal. Sabía que, para aprender un idioma, hai que falar, ler, ter erros, etc. e así avanzamos. Quería traducir a poesía de Chus Pato (xa tiña o libro m-Talá), e para traducilo tiña que aprender a lelo! Traducir Chus Pato é unha educación en si mesmo.
  1. Cal foi o libro que máis che gustou traducir?
    Hai tres, creo. Carne de Leviatán de Chus Pato, Mon dinosaure de François Turcot, un poeta novo quebequés, e Follas Novas de Rosalía de Castro.
  1. Cal che custou máis?
    Pois m-Talá de Chus Pato porque, nesa época, eu case descoñecía o galego.
  1. Traduces desde varias linguas, mais cal é a túa preferida?
    Gústame traducir do francés, do castelán e do portugués (aprendín a ler en castelán despois de aprender o galego), pero síntome máis na casa cando traduzo do galego, porque me gusta tanto pensar e soñar en galego! Cando ando concentrada nunha tradución, mesmo falo aos amigos que non entenden galego en galego!
  1. Que significa para ti traducir desde o galego?
    É un idioma que ten moita cultura, moita literatura, moita poesía de gran variedade, unha gra tradición teatral, e todo... moito máis que noutros idiomas co mesmo número ou con máis falantes. En inglés podemos dicir que “Galician punches above its weight.” Ten moito para contribuír ao mundo, e isto, directamente e sen ter que pasar polo castelán (amo tamén o castelán!). Pola miña parte, quero compartir cos lectores e coas lectoras de poesía en inglés o que descubro na poesía galega. Quero enriquecer as súas vidas tamén, e así abrir portas para que a poesía galega poida influír na nosa poesía.
  1. Traduces desde o galego e tamén escribes en galego, como son eses dous procesos creativos para ti?
    Escribo moi pouca poesía en galego (estes días escribo moi pouca poesía en xeral), en realidade. Cústame máis expresarme que traducir ao inglés... pero, en traducíndoo, aprendo máis galego e co tempo é máis doado expresarme.
  1. Algunha vez tiveches que pedir axuda para traducir algunha das obras desde o galego orixinal?
    Sempre traducín coa axuda dun dicionario grande, o de Xerais, e cos dicionarios por internet, como o dicionario da RAG, o dicionario dos dicionarios de UVigo, e uso Google para buscar palabras en contexto para entender máis sobre as palabras, as frases... e son boa detective en xeral... sigo as pistas de palabras nas esquinas, nos agochos, etc. Hai moitas páxinas en galego na Internet... alí tamén, “Galician punches above its weight". Tamén me axudan as miñas estadías en Galiza... na miña mente gardo acentos, sotaques, maneiras de falar, e todo isto me axuda a traducir. Cando empezaba a traducir Chus Pato en 2001 ou 2002, pregúntaballe a ela moitas cousas... insistía en que reformulase frases ou versos noutras palabras para axudarme. Chus non fala inglés e así non podía traducir para min as súas ideas, os seus verbos...
  1. Estás a traballar nalgún outro proxecto de tradución que difunda desde o inglés a nosa literatura?
    Estou traducindo a biografía de Uxío Novoneyra, A Distancia do Lobo, de Antón Lopo, para a Fundación Uxío Novoneyra. Vou aumentar a biografiía cunhas traducións de poemas deste autor.
  1. Que representa para ti o galego?
    Un idioma vivo que me permite viaxar ao Brasil, a Cuba, aos Estados Unidos, a Portugal, a Galiza, sen cambiar de idioma. E falo galego en Montreal porque temos moita xente procedente da inmigración portuguesa dos anos sesenta, moitas tendas e restaurantes, e mesmos as miña amigas de ascendencia aragonesa e murciana entenden o meu galego. Falan elas en castelán e eu en galego (non podo falar castelán, ou moi pouco). Sen complexos, sen problemas... Montreal é outro mundo e non levamos o peso da política como en Galiza...
  1. Como ves a realidade da nosa lingua na actualidade?
    Chea de posibilidades se a xente nova continúa falando galego en todos os ámbitos da vida, pública e privada. Sei que en Galiza hai xente galega á que non lle gusta o galego. Non sei o porqué. Non ten sentido. Para min é unha fonte de pensamento, de poesía, de amizade, de amor, e é moi práctico na vida diaria e no mercado laboral.


07/10/16

UNHA PEQUENA VOLTA AO MUNDO CON MANUEL MARÍA


Desde o galego para o mundo grazas sempre á tradución, esa amiga viaxeira que leva as nosas palabras para seren ditas e interpretadas noutras voces, noutros sotaques, sen condicións nin fronteiras lingüísticas.

A actividade de base para o noso traballo plurilingüe deica a próxima semana será a seguinte: partíndomos desta breve introdución á figura de Manuel María, imos analizar, desde unha perspectiva plurilingüe, que lazos de aproximación ou que distanciamento observamos entre o galego, o alemán, o español, o inglés, o francés e o italiano.

Para iniciarmos esa análise comparativa entre linguas, imos comezar por escoller un poema de Manuel María dos que se escolmaron nese traballo para logo pórmos en común as vosas escollas e conclusións.

05/10/16

DO SUECO AO GALEGO... E CON PREMIO!


Seguimos o ritmo das novas lingüísticas de actualidade e agora imos de Suecia a Galiza, desde o sueco até o galego, grazas a esa poderosa ferramenta de internacionalización cultural que é a tradución.

Marta Dahlgren é noticia estes días ao recibir o Premio Plácido Castro de Tradución pola obra sueca intitulada Kallocaína, publicada pola editorial galega Hugin e Munin.

É hora de sabermos máis sobre este acontecemento, por iso a tarefa de hoxe consiste en elaborar unha presentación biográfica e profesional de Marta Dahlgren a partir da información contida nesta entrevista recente.


03/10/16

DE CANADÁ A SENEGAL... EN GALEGO!


Seguimos viaxando sen coñecer fronteiras lingüísticas para o galego. 

Iniciamos o percorrido no Canadá da man da tradutora Erin Moure e continuamos agora cun veciño senegalés que vive moi perto de nós. 

A ver que nos conta!

Xa imos comprobando que o falar non ten cancelas...


DESPEDIDA