23/10/16

DE CORISTANCO A MONTREAL EN GALEGO

Hoxe imos partillar desde este espazo pedagóxico e (in)formativo unha entrada excepcional que fixemos posíbel grazas á iniciativa de Patricia e Lucía de 4ºB e á xenerosidade e atención de Erin Moure, de quen soubemos hai uns días por aquí co gallo da súa tradución ao inglés do poemario Follas Novas.


Velaquí a entrevista das compañeiras que nos axudará a coñecer mellor a escritora-tradutora e moitas cousas máis...





  1. Onde vives habitualmente, Erin?
    En Montreal, en Quebec, en Canadá, pero vou a Vigo cada ano (se podo) para dúas ou tres semanas e a Lalín tamén, onde vive Chus Pato, a quen traduzo eu... En Galiza, sempre falo en galego coas amigas e cos amigos, e en público. Se a xente me responde en castelán, continúo en galego cun sorriso de orgullo e de ledicia! Unha vez en Vigo díxome un taxista (en castelán) que ninguén en Vigo fala galego, só os aldeáns e as aldeás o falan. Insistía eu (en galego) en que é un idioma de cultura por excelencia e todo o mundo cultural en Galiza fala galego, e que hai literatura mundial en galego. O home tivo que admitir que eu dicía a verdade, e empezou el a falar un galego marabilloso, rico en léxico, culto. Así, cando insistimos en falar galego, aparecen galegofalantes, mesmo nas cidades.
  1. Cal é a túa relación con Galiza?
    Galiza é o meu país adoptivo, quéroo moito, os seus espazos, o aire, os montes e a chuvia, as casas tradicionais, os muíños, as aldeas, o mar, as cidades, a súa poesía, e sobretodo, a súa xente. E o idioma si si si, as súas variedades, os seus sabores e as súas sorpresas, as súas intensidades, o seu léxico marabilloso e rico en palabras e frases...
  1. Cal foi o teu contacto co galego?
    Escoitei o galego pola primeira vez en Crecente, preto do Miño, en 1994, cando estaba alí co meu pai. O seu pai John B Mouré en realidade foi Juan Benito Moure, fillo dun galego emigrante en Inglaterra, o Benito Moure Lobariñas... e soubemos que emigrou de Crecente. Quixemos ver o lugar. Alí escoitei o galego e namoreime de inmediato.
  1. Como avanzaches no seu coñecemento até chegar a te converteres en tradutora?
    Eu xa era poeta en Canadá en inglés, e xa falaba francés, porque levo vivindo trinta anos en Montreal. Sabía que, para aprender un idioma, hai que falar, ler, ter erros, etc. e así avanzamos. Quería traducir a poesía de Chus Pato (xa tiña o libro m-Talá), e para traducilo tiña que aprender a lelo! Traducir Chus Pato é unha educación en si mesmo.
  1. Cal foi o libro que máis che gustou traducir?
    Hai tres, creo. Carne de Leviatán de Chus Pato, Mon dinosaure de François Turcot, un poeta novo quebequés, e Follas Novas de Rosalía de Castro.
  1. Cal che custou máis?
    Pois m-Talá de Chus Pato porque, nesa época, eu case descoñecía o galego.
  1. Traduces desde varias linguas, mais cal é a túa preferida?
    Gústame traducir do francés, do castelán e do portugués (aprendín a ler en castelán despois de aprender o galego), pero síntome máis na casa cando traduzo do galego, porque me gusta tanto pensar e soñar en galego! Cando ando concentrada nunha tradución, mesmo falo aos amigos que non entenden galego en galego!
  1. Que significa para ti traducir desde o galego?
    É un idioma que ten moita cultura, moita literatura, moita poesía de gran variedade, unha gra tradición teatral, e todo... moito máis que noutros idiomas co mesmo número ou con máis falantes. En inglés podemos dicir que “Galician punches above its weight.” Ten moito para contribuír ao mundo, e isto, directamente e sen ter que pasar polo castelán (amo tamén o castelán!). Pola miña parte, quero compartir cos lectores e coas lectoras de poesía en inglés o que descubro na poesía galega. Quero enriquecer as súas vidas tamén, e así abrir portas para que a poesía galega poida influír na nosa poesía.
  1. Traduces desde o galego e tamén escribes en galego, como son eses dous procesos creativos para ti?
    Escribo moi pouca poesía en galego (estes días escribo moi pouca poesía en xeral), en realidade. Cústame máis expresarme que traducir ao inglés... pero, en traducíndoo, aprendo máis galego e co tempo é máis doado expresarme.
  1. Algunha vez tiveches que pedir axuda para traducir algunha das obras desde o galego orixinal?
    Sempre traducín coa axuda dun dicionario grande, o de Xerais, e cos dicionarios por internet, como o dicionario da RAG, o dicionario dos dicionarios de UVigo, e uso Google para buscar palabras en contexto para entender máis sobre as palabras, as frases... e son boa detective en xeral... sigo as pistas de palabras nas esquinas, nos agochos, etc. Hai moitas páxinas en galego na Internet... alí tamén, “Galician punches above its weight". Tamén me axudan as miñas estadías en Galiza... na miña mente gardo acentos, sotaques, maneiras de falar, e todo isto me axuda a traducir. Cando empezaba a traducir Chus Pato en 2001 ou 2002, pregúntaballe a ela moitas cousas... insistía en que reformulase frases ou versos noutras palabras para axudarme. Chus non fala inglés e así non podía traducir para min as súas ideas, os seus verbos...
  1. Estás a traballar nalgún outro proxecto de tradución que difunda desde o inglés a nosa literatura?
    Estou traducindo a biografía de Uxío Novoneyra, A Distancia do Lobo, de Antón Lopo, para a Fundación Uxío Novoneyra. Vou aumentar a biografiía cunhas traducións de poemas deste autor.
  1. Que representa para ti o galego?
    Un idioma vivo que me permite viaxar ao Brasil, a Cuba, aos Estados Unidos, a Portugal, a Galiza, sen cambiar de idioma. E falo galego en Montreal porque temos moita xente procedente da inmigración portuguesa dos anos sesenta, moitas tendas e restaurantes, e mesmos as miña amigas de ascendencia aragonesa e murciana entenden o meu galego. Falan elas en castelán e eu en galego (non podo falar castelán, ou moi pouco). Sen complexos, sen problemas... Montreal é outro mundo e non levamos o peso da política como en Galiza...
  1. Como ves a realidade da nosa lingua na actualidade?
    Chea de posibilidades se a xente nova continúa falando galego en todos os ámbitos da vida, pública e privada. Sei que en Galiza hai xente galega á que non lle gusta o galego. Non sei o porqué. Non ten sentido. Para min é unha fonte de pensamento, de poesía, de amizade, de amor, e é moi práctico na vida diaria e no mercado laboral.


7 comentarios:

  1. Patri Villar.24/10/16, 07:48

    Sorpendeume moito a anédota que comentou Erin ao principio da entrevista, ca conversa co taxista, xa que me dou unha leción ao demostrar que se falas en galego, aínda que che respondan en castelán, non quere decir que non o sepan falar. Tamén me sorprendeu que a pesar de que ela fose canadense coñecera tan ben o galego e se enorgullecese de falalo antes ca outras linguas.

    Non debemos esconder a nosa lingua, só porque haxa persoas que non o valoren ou que non teñan o suficiente coñecemento como para saber a cultura e a literatura, entre outras cousas, tan grande que ten o galego.

    ResponderEliminar
  2. Penso que Erin é un exemplo a seguir por todos nós, xa que ela defende a nosa lingua a toda costa, todos os galegos deberíamos falar no noso idioma sen importarnos o que os demáis pensen, porque temos una lingua culta e con abundancia de palabras, deberíamos estar moi orgullosos dela.

    ResponderEliminar
  3. Patricia Bardanca27/10/16, 23:05

    Gustoume moito a súa maneira de expresarse.
    E sorprendeume a emotividade coa que se dirixe a falar do galego. Que de todas as linguas nas que escribe e traduce, prefira facelo en galego.
    Destaca a importancia da fala do galego e caracteriza o seu valor lingüístico, cultural e como lingua. É importante falar a nosa lingua para que non se nos perda.
    É unha entrevista que invita a reflexionar sobre o valor do galego como lingua.
    Gracias, Erin.

    ResponderEliminar
  4. Esta entrevista gustoume moito porque para min é moi sorprendente que alguén que vive en Montreal traduza e escriba en galego.
    Tamén me gusta moito a súa maneira de pensar e a ensinanza que nos está dando,porque a veces non nos damos conta da importancia e do valor que ten un idioma,neste caso o noso propio,ata que ven alguén de fora e nos sorprende gratuitamente.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  5. Samantha Torres Mira28/10/16, 08:34

    Para min Erin é unha persoa digna de admiración, pois non é unha tarefa sinxela aprender o galego, traducir e ademáis falalo con esa facilidade, tendo en conta que vive noutro continente con outras moitas linguas diferentes. A verdade sorprendeume moito que Erin( que só ten a oportunidade de viaxar a Galicia algunha vez ao ano) se preocupe tanto pola nosa lingua e a defenda decindo que non é unha lingua da que ninguén se debería avergoñar de falar.
    Moitas gracias Erin por todo o que fas no teu día a día por nós.

    ResponderEliminar
  6. Nesta entrevista Erin rompe moitos tópicos e prexuízos que ten alguna xente co galego, ao ser una persoa de Canadá que ao falar esta lingua encontrouse cunha gran riqueza cultural e moita utilidade. Se tivera que elixir a frase máis importante sería: "Montreal é outro mundo e non levamos o peso da política como en Galicia". Oxalá houbese máis xente así e tamén de máis cerca! Moitas grazas.

    ResponderEliminar

DESPEDIDA