31/01/12

ATENCIÓN, PREGUNTA!


Alguén nos pode informar do que é que se celebra o 2 de febreiro na cultura galega, coñecido como Día da Candeloria?

FEBREIRO, SETE CAPAS E UN SOMBREIRO

Dure a mala veciña o que a neve febreiriña
Inauguramos unha nova xeira recompilatoria de refráns para o mes de febreiro. 

O xa veciño mes de xaneiro conseguiu recoller, grazas á vosa activa colaboración e complicidade, máis de vinte refráns ou ditos populares. Todo un éxito!

A ver agora o que nos ofrece este novo mes que, por certo, é o máis cativo do ano... así que xa podedes apurar!

30/01/12

QUEN TEN PELOS NA LINGUA?

Kiko Dasilva
Xa sabedes que mañá martes despediremos o mes de xaneiro mudando a aula de lingua e literatura de espazo e de tempo. 

Vémonos a primeira hora da mañá para dirixirnos a Compostela, ao Salón Teatro (Rúa Nova, 34) e gozar da representación teatral da obra Pelos na lingua da compañía de Cee Talía Teatro.

Lembrade tomar os vosos apuntamentos (mentais) porque nos dará para falar e escribir...

E o máis importante: non esquezades a capacidade de rir e sorprendervos na casa!

29/01/12

PRIMICIA DEPORTIVA

Confírmovos que o próximo mércores 1 de febreiro recibiremos na aula de 4º de ESO a Pilar Neira, xogadora e seleccionadora de fútbol galego feminino, quen nos vai axudar a resolver, desde a súa experiencia persoal e profesional, esa pregunta que formulabades a semana pasada: é o fútbol hoxe en día un deporte machista?

Que vos parece?

28/01/12

A VOSA CITA DE GANDHI FAVORITA É...


Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño.

Graciñas pola vosa ampla participación e atent@s para a próxima consulta!!!

25/01/12

8º CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XURXO LOBATO

Ben sei que non vos gusta nada iso de tirar fotografías a canto obxecto inanimado ou ser animadísimo se move.

Ben sei que aborrecedes as cámaras fotográficas e demais fedellos que tiran fotos ao segundo respondendo a un simple premer de revoltoso dedo índice.

Ben sei que nunca saídes da casa sen algún "couso", "chisme", chintófano" ou "fedello" que garde, coma lata de conserva, o momento máis ocorrente da xornada.

Seino todo, mais aínda así convídovos a ler as bases do máis importante, e mundialmente coñecido!, concurso de fotografía da vosa idade, o prestixioso Concurso de Fotografía Xurxo Lobato.

Xa me contaredes se resististes a tentación de concursar con algunha desas millentas fotos estéticas que só vós sabedes facer...

VOLVE O CORRELINGUA...

... cargadiño de concursos varios ao longo do curso antes da festa final que será o 4 de maio na Coruña. Contoume un paxariño que erades moi participativos, así que agora chegou o momento de demostralo.

Quen se apunta? Ollade canta cousiña hai por aquí...

http://www.correlingua.org/main.aspx

24/01/12

PENSAMENTO CREATIVO

Imos ver como anda ese pensamento creativo lanzándovos un reto: quen é capaz de resolver este enigmático relato que nos propón Carlos Medrano no seu libro Esfinxe. Relatos de pensamento creativo

Premio para o primeiro ou primeira en chegar! Quen será?



UNHA MOSCA NO CAFÉ
En certa ocasión, o restaurante "O Galo Gaiteiro" recibiu a visita de César Cazolas, o máis prestixioso crítico gastronómico do país. Os donos do establecemento, sabedores de que Cazolas era moi esixente e meticuloso, procuraron ofrecerlle as súas mellores especialidades e o trato máis atento.

Todo parecía ir sobre rodas: o crítico xa estaba na sobremesa e acababan de servirlle un café que pedira. Os donos do restaurante xa ían levarlle persoalmente unha copa de licor, obsequio da casa, cando o crítico Cazolas pediu que lle cambiasen o café. Topara nel unha mosca!

Un camareiro foi ata alí decontado, pediulle mil desculpas e retiroulle a cunca. Case deseguido volveu da cociña cun novo café e serviullo ao crítico. Os donos estaban máis tranquilos pola dilixente reacción do camareiro. Non obstante, César Cazolas, despois de tomar un pequeno grolo, berrou:

- Isto é unha vergoña! Este café é o mesmo que me serviran antes!

Para desgraza dos donos de "O Galo Gaiteiro" isto era verdade.

Como o soubo César Cazolas?

23/01/12

O FÚTBOL É PARA HOMES


Velaquí vos deixo o enlace a este artigo de opinión titulado "O fútbol é para homes" para axudarvos a ratificar ou rectificar os argumentos que ofrecestes hoxe: http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=1861&seccion=4

Por certo, transmítovos os meus parabéns por demostrar que sodes moi capaces de razoar, reflexionar e argumentar os vosos pensamentos de maneira ordenada e respectuosa. Sodes fenomenais!

FÚTBOL GALEGO DE ACTUALIDADE... ONDE?

Aquí mesmo: http://atemporadadofutbolgalego.com/2009/index.php

Verónica Boquete, futbolista galega
E, dentro da mesma páxina, aínda que algo máis agochadiño... algo que se chama "O recuncho do fútbol feminino":
http://atemporadadofutbolgalego.com/2009/index.php?option=com_content&view=section&layout=blog&id=21

Teremos aquí xa algún indicio ou proba que nos axude a continuar a argumentar o noso debate de hoxe: é o fútbol un deporte machista?

E que tal se lemos o que opina unha representante da "parte implicada", Verónica Boquete?
 http://www.lavozdegalicia.es/deportes/2011/01/21/0003_201101G21P64992.htm?idioma=galego

DE CELSO EMILIO FERREIRO A DIOS KE TE CREW

LINGUA PROLETARIA DO MEU POBO

Este é o primeiro verso doutro dos poemas máis coñecidos de Celso Emilio Ferreiro, "Deitado frente ao mar". 

Un poema para o goce poético e a reflexión.

DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

22/01/12

FÚTBOL E MACHISMO

Pili Neira, seleccionadora galega de fútbol feminino
Non esquecín a pregunta que algunhas mozas de 4º me fixeron o pasado xoves: é o fútbol un deporte machista?  
Agardo que vós tampouco esquecésedes o compromiso que adquirimos: preparar a clase do luns á tarde expoñendo os argumentos de por que pensades que si o é ou non. 

Porque o importante é pensar e argumentar. 

Xa sabedes o que dicía o sabio filósofo Descartes: Penso, logo existo!

http://www.vieiros.com/nova/62097/isto-e-unha-recompensa-ao-meu-traballo-e-faime-moita-ilusion

Por aquilo de ir quecendo motores...

21/01/12

EU FIXEN OUIGHA CO ESPÍRITO DE CASTELAO

Lembrade, mozos e mozas de 4º!, que o vindeiro luns 30 de xaneiro remata o prazo para entregardes o comentario literario deste relato de Made in Galiza, de título tan curioso, escrito por Sechu Sende.

Á vista dos sucesivos borradores que me fostes enviando, estou segura de que xa CASE todos empezastes a facer de crític@s literarios, así que velaquí vos deixo un complemento algo máis visual que argallaron no IES Neira Vilas...

E agora, a pregunta de rigor: que está mellor? o relato impreso ou o vídeo?

DÍA DA PAZ


O vindeiro 30 de xaneiro celébrase o Día da Paz en lembranza do líder pacifista, Mahatma Gandhi, un dos ideólogos e fundadores do moderno estado indio e un influente defensor do principio da non agresión, unha nova forma non violenta de protesta como un medio de revolución.

Desde Lingua de Alcaián imos lembralo inaugurando a nova sección de inquéritos semanais coa que imos partillar aínda máis os nosos pensamentos para coñecérmonos mellor.

Cal é a túa cita favorita de Gandhi?

20/01/12

A ESCOLA DAS AREAS

Fotograma da curtametraxe A escola das areas

Logo de termos visionado hoxe na aula esa curtametraxe titulada "A escola das areas", comprendemos algo mellor o método educativo que defendía Frei Martín Sarmiento.

Para axudarvos a responder as tres cuestións que hoxe deixamos formuladas para resolvermos o próximo mércores, eis o enlace ao que poderedes voltar sempre que queirades:

http://www.culturagalega.org/avg/produccion.php?Cod_prdccn=212&busca=A%20Escola%20das%20Areas

19/01/12

LINGUA DE RAP????

O coñecido rapeiro vigués, El Puto Coke, dános unha lección da historia da lingua a ritmo de hip-hop!!!! 

E non será esta unha nova maneira de trobar??? 

Que vos parece?

17/01/12

CONCURSO DE EPITAFIOS CORISTANQUESES EN MARCHA!

O gran Groucho Marx deixou dito o epitafio que quería que o acompañase na súa tumba na outra vida: "Perdoen que non me levante".

Hai un tempo, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocouse un concurso de epitafios en galego. A imaxinación e a retranca xurdiu inmediatamente con propostas como "A súa familia descansa en paz», «Hai que ir indo que sobe a madeira», «Estou nos ósos», «Morro co sono» ou «Morra o conto».

Imos ser nós menos? Ca!!!!

Acaso será por falta de imaxinación? Non o creo!

Pois veña. A pensar! Cal é a túa proposta de epitafio? Arríscaste a quedar sen premio? 

O concurso para escoller o mellor epitafio arranca XA!

A LINGUA DO ALÉN...


Rematado o traballo de campo que o alumnado de 3º realizastes durantes as vacacións de nadal, sobre a lingua presente e visíbel nos diferentes cemiterios parroquiais de Coristanco e dos concellos limítrofes, xa podemos tirar algunhas conclusións:

1. Os camposantos analizados foron os seguintes: Santa Baia, Ferreira, Oca, San Paio, Traba, Agualada, Seavia, Valenza, Couso, Xaviña, Salgueiras, Ardaña e Vimianzo.

2. A práctica totalidade das lápidas usan nas súas inscricións o castelán como única lingua.

3. As excepcións son as seguintes: tres panteóns no cemiterio da Ardaña e dúas no de Couso.

4. Unha lápida do cemiterio da Agualada contén o seguinte poema, a xeito de epitafio:
Cando era tempo de inverno
pensaba onde estarías.
Cando era tempo de sol
pensaba onde andarías.
Agora só penso que fácil é quererte
e que difícil é esquecerte.

Cales foron as vosas conclusións despois de realizardes esta tarefa de observación, investigación e reflexión?

O GALEGO ENTEIRO NO PETO!!!!

QUE PRECISAS?

Un dicionario?
Un tradutor?
Un corrector ortográfico?
Un conxugador verbal?
E todo isto cabe no móbil? 
E ademais é de balde?

INCRÍBEL, MAIS CERTO! OLLA AQUÍ E VERÁS!
http://galapps.es/

15/01/12

PAULINA CEREMUZYNSKA NON É NOME GALEGO...

... senón polaco, mais esta moza de Varsovia sabe de nós e das nosas cantigas medievais moito máis do que puideramos pensar.

Védeo, a golpe de click, neste capítulo do programa da Televisión de Galicia, Ben Falado.

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/capitulo-286-de-ben-falado-paulina-ceremuzynska

14/01/12

E AGORA COMO SOA A LONGA NOITE DE PEDRA?

UN POETA LE A OUTRO POETA

De Celso Emilio Ferreiro a Xavier Seoane. De poeta a poeta.

Os versos do poeta celanovés na palabra viva do poeta coruñés. 

Unha lectura actual que de seguro engade claves novas para a súa comprensión.

2012: ANO CELSO EMILIO FERREIRO

Con motivo de se cumpriren cen anos do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, en Celanova (Ourense), este 2012 será oficialmente recoñecido como Ano Celso Emilio Ferreiro.

 Celanova é a miña patria primordial, comarca das miñas primeiras vivencias, a fonte onde abrollou o meu inicial concepto do mundo (...). Celanova alumeou os meus ollos de neno con imaxes fermosas e tenras.

Esta semana tivemos o noso primeiro encontro coa súa poesía na clase de 4º. O seu coñecidísimo poemario Longa noite de pedra (1962), serviunos para abrir a etapa da posguerra que tantas secuelas gravou na nosa historia.

Releamos o poema homónimo do título. Eu case sinto a friaxe, dureza e hermetismo da pedra. E vós? Quen sería capaz de averiguar onde e cando foi escrito este poema?
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

NOVAS DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Ao noso escritor máis recoñecido, lido, premiado e traducido, Agustín Fernández Paz, acaban de abrirlle un espazo persoal para a divulgación do seu inxente traballo literario na Biblioteca Virtual Cervantes. Grande nova que o autor da nosa lectura de 4º para este segundo trimestre, Non hai noite tan longa, nos brinda.

Parabéns, Agustín! Grazas por levares a lingua e a literatura galega ben lonxe!

Dádevos unha voltiña por esta nova casa que acolle a nosa literatura:

09/01/12

DE CANDO O MATRIMONIO ERA...

... A ÚNICA CARREIRA RESERVADA PARA AS MULLERES.

É importante falarmos da situación das mulleres na sociedade actual, e do seu percorrido ao longo da historia, moito máis aló do 25 de novembro (Día Internacional contra a Violencia de Xénero) ou do 8 de marzo (Día da Muller Traballadora).

E para iso que mellor que acudirmos aos testemuños das mulleres que quixeron superar as expectativas tradicionais que a sociedade en que vivían trazaba previamente e sen consulta para elas. Eis un importante testemuño da pedagoga Antía Cal, muller universitaria precursora en tempos ben diferentes ao noso onde o acceso da muller á educación e á cultura era totalmente restrinxido.

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/pioneras/crearon/escuela/elpepuespgal/20120109elpgal_7/Tes
Antía Cal: "Todo o meu mérito foi ser mestra"

08/01/12

17 DE MAIO PARA VALENTÍN PAZ ANDRADE

O nome de Valentín Paz Andrade hanos soar ao longo de todo o ano e, de maneira singular, o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. É por iso que a súa imaxe tomou o relevo de Lois Pereiro na marxe superior dereita do noso blog. O seu tempo vital aínda está moi próximo a nós, así que da súa man tentaremos achegarnos, sobre todo en 4º, á historia lingüística e literaria do século XX.
Polo de pronto, xa podemos dicir que unha vez neste curso demos con el. Mais, onde sería? Agardamos resposta...

07/01/12

ARRANCA O ANO CUN NOVO MES...

... á procura dos seus refráns!

Retomamos a investigación refraneira despois destas vacacións de nadal. Todo o bo remata axiña!
Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano e a sabedoría popular dinos que as sortes son os primeiros doce días do mes de xaneiro e prognostican o que vai acontecer durante cada mes do ano. Así, o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro, etc.

Mentres ides botando conta do prognóstico do tempo para os vindeiros meses, eu déixovos algunhas suxestións para ir quecendo motores...

Sol de xaneiro sae tarde e ponse cedo.
Sol de xaneiro sempre tras o outeiro.
Xaneiro fóra, medrou o día máis dunha hora

Quen toma o relevo?

ADEUS A ISAAC DÍAZ PARDO. LONGA MEMORIA!

A sociedade galega acaba de perder, aos 92 anos, a Isaac Díaz Pardo, un referente da nosa historia máis recente, auténtica memoria do século XX. 

Escoitémolo, para introducírmonos, en 4º, nesta segunda avaliación, na historia da lingua e da literatura galega durante a posguerra.

04/01/12

GALEGO: LINGUA UNIVERSAL

Ben sabemos que desde o galego accedemos ao mundo, a outros mundos, noutras linguas, que expresan de xeito singular pensamentos, sentimentos, emocións e interrogantes que seguramente nós tamén compartimos.

Nos últimos 5 anos, un total de 25 obras escritas orixinariamente en galego foron traducidas ao inglés.
Ollade esta nova dixital do xornal madrileño El País: http://www.elpais.com/articulo/Galicia/25/obras/gallego/traducidas/ingles/ultimos/anos/elpepuespgal/20120103elpgal_13/Tes

Que significa o mundo da tradución para unha literatura?

03/01/12

CUNQUEIRO E A LINGUA

O alumnado de 3º de ESO e eu xa puidemos escoitar a voz e o pensamento de Cunqueiro desde os contidos orais que nos ofrece o propio libro de texto. 
Ollade e escoitade este pequeniño extracto dun discurso do magnífico escritor de Mondoñedo, Álvaro Cunqueiro, sobre a lingua galega. Daranos para reflexionar na nosa volta ás aulas.

DESPEDIDA