27/04/12

E TI... GHASTAS PISTA?

Ruxe-Ruxe, Zenzar, Machina... A que vos soan? Grupos rockeiros?

Imos ver que descubrimos por aquí!

http://praza.com/cultura/765/quen-dixo-que-en-galicia-non-se-fai-rock/

26/04/12

QUE PASOU O 26 DE ABRIL DE 1846?

Hoxe é unha data importante na historia do noso país, mais como non o vou contar eu todo, vou deixar por aquí a pista desta efeméride e agardar polas vosas respostas. 

Unha pista? Unha data: 26 de abril de 1846.

Outra pista? Un espazo: Carral

Outra pista máis? Unha imaxe para a lembranza da historia

CONCURSO LETRAS GALEGAS 2012

Xa está anunciado o novo Concurso Artístico-Literario Letras Galegas 2012 que organiza o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, xunto cos outros equipos dos centros educativos do concello. 

Xa podedes ir presentando os vosos orixinais nas diferentes modalidades. O prazo remata o MÉRCORES 9 DE MAIO.

Sabemos que sodes auténticas xenialidades da pluma e do pincel, así que non perdades esta ocasión de lucirvos!!!





Concurso Artístico-Literario Letras Galegas 2012

Modalidades                                            Categorías
Cómic                                                      Ed. Infantil
Narrativa                                                 1º C. Primaria
Poesía                                                      2º C. Primaria
Monográfico                                            3º C. Primaria
Debuxo                                                    1º Ciclo ESO
                                                               2º Ciclo ESO

DÁMOSLLE A BENVIDA A UN NOVO XORNAL DIXITAL


Hoxe nace un novo medio informativo dixital en galego. Preséntovos a nova cabeceira SERMOS GALIZA!


http://www.sermosgaliza.com/

25/04/12

OUTRO EXEMPLO HUMANO PARA A MEMORIA

Acabamos de saber que hoxe nos deixou para sempre Xaime Isla Couto, un dos nomes propios que contribuíron á recuperación da lingua, literatura e cultura galegas naquela durísima posguerra na que nos fomos mergullando no pasado trimestre nas aulas de 4º.

Sen o seu traballo e compromiso non tería nacido a Editorial Galaxia en 1950 nin outros moitos proxectos de rexeneración cultural e restauración da dignidade galega por aquel entón tan negada.

Déixovos esta pequena reseña que xa figura na web da Editorial Galaxia ( http://www.editorialgalaxia.com/weblog/) e mais unha gravación para que sexa el propio quen nos fale da súa historia de vida.

Deica sempre Xaime Isla Couto e grazas por todo!


24/04/12

RETOMAMOS A NOSA VIAXE?

Despois dunha breve paradiña, imos mudar de espazo galego emblemático. 

A ver como andades de sabedoría monacal! 

En que monumental mosteiro galego descansamos agora?



DESDE O PORTUGUÉS CARA AO PLURILINGÜISMO

Non nos resulta moi complexo ás persoas galegas aprendermos unha nova lingua que tanto ten a ver ca nosa: o portugués. Xa o temos comprobado nalgúns momentos na aula, va que si? Pois ben, deste artigo do xornal dixital Praza Pública parece que tamén podemos continuar a tirar máis vantaxes. Que vos parece?


http://praza.com/ciencia-e-tecnoloxia/732/o-incremento-do-interese-polo-portugues-ten-moito-que-ver-coas-saidas-profesionais-que-ofrece/

23/04/12

CAMPIONATO EUROPEO DE TRIATLÓN CON ACENTO GALEGO

O ferrolán Javier Gómez Noya volve ser campión de Europa de triatlón. Parabéns!


http://www.dioivo.eu/deporte/558-gomez-noya-proclamase-campion-de-europa-por-terceira-vez

FELIZ DÍA DO LIBRO

Fotografía de Vari Caramés

Hoxe é un bo día para lembrar aquelas lecturas que deixaron pegada especial en nós. Tamén para reflexionar nos porqués desa querencia especial por un título ou por un autor ou autora. 
  
Que lectura non esquecerás nunca? Cóntasnolo?


20/04/12

23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO

Bo momento para nos deixarmos sorprender polas descubertas. "Chove en Santiago" é un dos seis poemas que Federico García Lorca escribiu en galego e que musicou o grupo de folk galego Luar na Lubre. Que vos parece?

LIBRO IMPRESO OU DIXITAL?

Pensades que poden convivir os dous formatos de lectura? Ou a lectura dixital anulará a lectura analóxica?


17/04/12

VÍDEO GAÑADOR DO CONCURSO CORRELINGUA 2012

DESCUBERTA DUN NOVO TEXTO NARRATIVO EN GALEGO NO S.XVIII

Falamos este curso en 3º do tempo da Ilustración, do século XVIII, caracterizado por se diferenciar dos precedentes Séculos Escuros, en canto á ausencia de literatura culta escrita en galego por imposición legal do poder centralizador castelán, e por explicar boa parte dos trazos definidores do Rexurdimento no século XIX.

Pois ben, velaí unha nova descuberta literaria que a investigadora Margarita Sánchez localizou no Arquivo Histórico Nacional e que pronto se editará para que poidamos ter acceso á súa lectura.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2012/04/16/hallan-romance-ferrolano-autor-anonimo-escrito-gallego-siglo-xviii/0003_201204201204161905598.htm?idioma=galego


16/04/12

PRÓXIMA ESTACIÓN?

Xa vexo que gustades de viaxar e que estades a agardar pola próxima parada desta particular guía turística... Agora vóuvolo pór un chisco máis complexo. Por onde andamos? Que estamos a observar? Quen estivo por alí e nolo pode contar ao vivo?


E VÓS COMO ANDADES DE ORGULLO?

Ollade este vídeo do alumnado de 4ª do CPI A Picota de Mazaricos, recreando, ao seu xeito e poñendo en valor os seus lugares de referencia natural, un poema orixinal do escritor Darío Xoan Cabana. Que vos parece? Como anda o orgullo patrio por estas terras de Alcaián?

15/04/12

FÚTBOL E HUMOR

O humorista gráfico Davila ofrécenos a súa orixinal visión do partido de máxima emoción da xornada!!!

E QUE NOS CONTAN @S FUTBOLEIR@S?

Se cadra moit@s de vós estivestes pendentes do partido de hoxe entre o Celta e o Deportivo. Eu xa adianto que non o vin, mais fun intuíndo o resultado favorábel ao Dépor polo número de foguetes e bombas de palenque...

Déixovos este enlace a un número extraordinario do xornal De Luns a Venres, centrado neste evento futbolístico de máxima expectación (non sei se só por cuestións deportivas...): 
http://www.galiciae.com/pdf_files/15042012compendio_4.pdf

 Agora toca revisar a información e o tratamento que dela fan os diferentes medios de comunicación, mais gustaría moito de saber a vosa resposta a esta pregunta:

* Como valoras ti este partido de fútbol entre o Celta e o Deportivo?

13/04/12

CONTINUAMOS A NOSA VIAXE...

... POLOS ESPAZOS NATURAIS GALEGOS.

POR ONDE ANDAMOS AGORA?

APOSTA POR UN DERBI GALEGO FUTBOLEIRO CON HUMOR!

E, sobre todo, profundamente respectuoso e deportivo! 

Ollade como ven este par de mozos, estudantes de xornalismo, o próximo partido entre o Celta e o Deportivo.

E xa comentaredes a vosa visión particular do partido!

E DESPOIS DA VISITA DE FRANCISCO CASTRO?

A lembranza emotiva que cadaquén gardará para si propio e a lembranza fotográfica que nos axudará a volver unha e outra vez ás palabras, orais e impresas, desta experiencia partillada co escritor Francisco Castro.

Unhas primeiras palabras de presentación...
... e máxima expectación!
O primeiro en chegar á sesión de sinatura...
Paula e Viviana orgullosas coa súa dedicatoria personalizada!

12/04/12

DESCUBERTA MUSICAL IRMÁ

Nos primeiros meses deste curso descubrín, grazas a vós, naquela viaxe cultural que nos levou á Pontevedra de Castelao, aquela canción que logo escoitei reiteradamente: "Ai, se eu te pego", do brasileiro Michael Teló.

Agora tócame partillar convosco un cantante que descubrín por un acaso hai uns días. Chámase André Sardet e é o cantante máis famoso de Portugal.

Pregúntome se vos resulta moi complexo comprender a letra desta fermosa balada titulada "Adivinha quanto gosto de ti"

Hai tanta distancia entre o galego e o portugués actual? 

Asegúrovos que ao vivo soaba de marabilla!

11/04/12

NOVO CONCURSO PARA APRENDER A ANDAR POLO (NOSO) MUNDO

Que vos parece iniciar un periplo de viaxes virtuais tendo o noso Alcaián particular como punto de ida e volta?

Abrimos nova sección e novo concurso. A partir de hoxe iranse reproducindo imaxes de lugares e espazos galegos emblemáticos que se renovarán conforme vaiades atinando coas vosas respostas. 

Quen se atreve a descubrilos? Tedes a mochila preparada?

Velaí vai a primeira imaxe fotográfica! Quen é a/o primeira/o en responder?

En que lugar galego o mar bica a rocha deste xeito?

09/04/12

MAÑÁ É O DÍA D ...

...para o encontro-tertulia do alumnado de 3º ESO co escritor Francisco Castro, autor d´O segredo de Marco Polo. Agardamos que as minivacacións da Pascua non vos fixesen esquecer o programa preparado para este encontro. E, o máis importante, non esquezades os vosos exemplares se non queredes perder esta oportunidade única para unha sinatura personalizada!!!

Por aquí vos deixo un avance do seu triunfal percorrido literario:http://www.editorialgalaxia.es/autores/autor.php?id_autor=513

04/04/12

REFRANEIRO DE ABRIL

Malia estarmos en tempo de descanso, e ben merecido!, non esquezades que este mesmo tempo segue a correr. Rematou marzo e xa arrancou abril, así que o noso refraneiro volve acoller os vosos refráns para este mes. A que agardades?

Velaí van os primeiriños:

A choiva no abril dá millo e dá pan
Abril atoldado e pouco mollado
Abril, para ser abril, ten que vir con augas mil
Abril que non chove deixa o labrego probe

A OPINIÓN DA ESCRITORA MARILAR ALEIXANDRE


Por fin rematou o pesadelo que estes días devastou boa parte do Parque Natural das Fragas do Eume. As primeiras chuvias chegaron para desterrar de vez as lapas devoradores.

A escritora Marilar Aleixandre publica hoxe un artigo de opinión no xornal Praza sobre este incendio. Lede e falaremos á volta ou, mellor, ide deitando impresións-comentario por aquí: 
http://praza.com/opinion/198/incendios-numeros-irracionais-e-numeros-transcendentes/

Supoño que vos decatastes de que Marilar Aleixandre é a autora da nosa lectura de 3º trimestre en 4º de ESO, non si?

02/04/12

REQUIEM POLAS FRAGAS DO EUME

As galegas e os galegos estamos a perder desde o pasado sábado o noso maior parque natural: as FRAGAS DO EUME. Un patrimonio protexido, un excepcional e practicamente único bosque atlántico que desde Europa se recoñeceu en 1997. 

As persoas que o temos visitado sabemos da súa fermosura, do seu impacto visual produto dunha natureza explosiva e fértil. As Fragas do Eume eran unha escola viva onde a natureza nos daba unha boa lección. Quen non tivo a sorte de coñecelo xa non poderá vivir a sensación única da súa descuberta nin a multiplicidade de cores e olores naturais.

A irresponsabilidade dalgunhas persoas coloca a especie humana en situacións ben contraditorias imposíbeis de entender. Eu hoxe non estou a entender nada!

DESPEDIDA