28/05/13

VISITA Á CASA GALEGA DA CULTURA

O pasado martes 14 de abril desprazamos as aulas á cidade de Vigo para visitar a Casa Galega da Cultura e admirar os fondos documentais conservados na Fundación Penzol que este ano conmemora cunha espectacular exposición o seu cincuenta aniversario.

O director da Fundación Penzol Francisco Domínguez recíbenos na Casa Galega da Cultura




Mª Dolores Cabrera, comisaria da exposición Fermín Penzol. Unha obra para un país guía a visita



Foto de familia para despedirnos e agradecer o tempo e atención dedicada aos nosos anfitrións

A viaxe permitiunos manter un encontro co escritor Francisco Castro, autor da lectura programada en 3º O segredo de Marco Polo.




Ademais, o acompañamento nesta viaxe do club de lectura permitiunos decubrir unha escritora cuxas novelas seguiron este curso: Ledicia Costas.



27/05/13

HUMOR E DIALECTOLOXÍA

O humorista gráfico Luis Davila aproveita un trazo dialectal para conseguir o efecto humorístico. 

De que marca dialectal se trata? 

En que bloque podemos encadralo?

24/05/13

VARIANTES DIALECTAIS II



Imos escoitar agora esta forma de falar para identificar os seus trazos dialectais e xustificar a súa pertenza a un bloque lingüístico determinado.

E completalo con este vídeo...
 
Quen será o primeiriño en chegar coa súa resposta ben razoadiña?


AS MEIGAS DE LUPA TRÁENNOS UNHA SORPRESA MUSICAL

Aínda lembramos a lectura d´As meigas de Lupa, a novela de María Solar. E tamén lembramos a tertulia coa autora, onde descubrimos como se foi xestando esta historia, como entronca coas propias vivencias persoais da autora, como foi o proceso de asesoramento e investigación histórica sobre a cultura castrexa... 



Imposíbel esquecelo! Mais agora a sorpresa de saber que se acaba de dar a coñecer a Banda Sonora do libro vólvenos aos tempos de Lupa. A ver que vos parece esta sintonía creada por David Alonso Garzón intitulada "O soño de Lupa".


23/05/13

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA, HOXE

Estes días ten acontecido na nosa sociedade un suceso sobre o que debemos reflexionar, pois dá actualidade a un concepto traballado nas nosas programacións de aula en relación ao bloque "A lingua e nós": a normalización lingüística.



Imos ler con atención a nova xornalística para logo reflexionarmos sobre os camiños aos que conduce o avance ou o retroceso en materia de normalización lingüística.

EXPOSICIÓN CINCUENTENARIO DAS LETRAS GALEGAS




Nas últimas semanas contamos no corredor do primeiro andar coa exposición que conmemora o 50º aniversario do Día das Letras Galegas, un paseo pola historia da celebración desta efeméride, revisitada en forma de microtextos de escritores e escritoras actuais e iconografías contemporáneas de dferentes ilustradores e artistas plásticos.


Moitos autores da historia literaria galega fomos recuperando cada 17 de maio grazas á iniciativa que no seu día promoveu Francisco Fernández del Riego.


Agardamos o resultado dos vosos cuestionarios... A ver quen resulta gañador?


21/05/13

VARIANTES DIALECTAIS - DE OCCIDENTE A ORIENTE


De occidente a oriente a través do teísmo e o cheísmo, curioso, non si?

E nós que somos, teístas ou cheístas?


VARIEDADES DIALECTAIS - BLOQUE OCCIDENTAL



Un repasiño sobre aqueles trazos que axudan a distribuír o territorio galego en diferentes bloques e áreas dialectais non vén nada mal.

Reparemos en certas curiosidades fonéticas propias do bloque occidental, o noso!, como son a gheada e o seseo...


PARA SABERMOS MÁIS DE CURROS ENRÍQUEZ

Unha das características do pensamento de Curros Enríquez réxese polo anticlericalismo e este aparece en Aires da miña terra. Podémonos achegar ao proceso xudicial a Curros neste vídeo da serie Historias de Galicia:


Na seguinte presentación podémonos achegar aínda máis a algunha das bases que sustentaron a vida, o pensamento e mais o labor literario de Curros Enríquez.

Unha vez revisada, xa estamos en condicións de emprender o camiño de auténtic@s aventureir@s para descubrilo todo sobre Curros Enríquez en 9 etapas.

Como? Seguindo este itinerario. Poñédevos en marcha que saímos á aventura...

DE CURROS A ROSALÍA


Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan soia
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Este é o poema que Curros Enríquez escribiu para Rosalía de Castro ao que nos imos achegar desde dúas perspectivas; en primeiro lugar, desde a lectura da escritora Mª Xosé Queizán:




 En segundo lugar, na versión musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández:



TAREFA:

1. Escribe unha paráfrase do contido do poema.
2. Analiza metricamente o poema.
3. Localiza as diferenzas entre a 1ª e a 2ª estrofa.
4. Localiza no poema algún exemplo de hipérbaton e metáfora.

14/05/13

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA?


A poucos días de celebrarmos a alegría do Día das Letras galegas, a homenaxe ao autor de teatro Roberto Vidal Bolaño e o 150 aniversario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, como poden explicarse novas xornalísticas como esta?





Tentaremos reflexionar sobre esta realidade sociolingüística para aplicar os coñecementos traballados na aula nas últimas semanas.

PARABÉNS PARA DORES TEMBRÁS...



... por ser a gañadora do Premio de Poesía que convoca o Concello de Carral e que foi fallado no día de onte. 

Moi pronto poderemos ler o seu novo poemario: Cronoloxía da urxencia. Mentres, vaiamos averiguando que nos conta sobre el nesta entrevista que hoxe publica o xornal Sermos Galiza.

PARABÉNS DORES!!!!

DE VOLTA DO CORRELINGUA

O entrenador do Deportivo saudounos a todos os centros participantes no Correlingua

Encantadísim@s un ano máis de ter participado no Correlingua da Coruña!!! O ano próximo voltaremos!!!

Agardamos pola reportaxe fotográfica da xornada, mais mentres tanto podemos seguir escoitando o grupo musical que nos acompañou: Monoulious, gañador do concurso Cantalingua 2013. 

Fica convosco!!!

02/05/13

BENVIDO SEXAS MAIO!

A piques de comezar o estudo da obra de Manuel Curros Enríquez en 3º de ESO, os seus versos axúdannos a recibir este mes de maio que xa nos bateu na porta...

Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
 

Tamén podemos seguir a lectura acompañándoa da versión musical de Emilio Batallán


E O GRAFITI GAÑADOR É...

 
As palabras lévaas o vento e en Galicia hai moitos eólicos

Parabéns a todo o alumnado de 3º e 4º pola súa participación creativa!!!!

 

NOVA DESCUBERTA VIAXEIRA

Judit lévanos, máis unha vez, de viaxe polo país. Que ben o debe coñecer!!!!

Nesta ocasión a cita é no Monte Branco, en Ponteceso. Onde é? Que peculiaridade ten? Ollade o que nos contou...

Ao pé desta duna atópase o areal do Trece, unha praia virxe e aberta, de forte oleaxe, onde as augas cristalinas mestúranse coa súa fina e branca area. Ademais, para ver a praia de cerca só é posible acceder a ela camiñando.
Alí atópase a planta que lle deu o nome a Camariñas, a Camariña, pois nos accesos e na praia do Trece é onde se localiza o principal reduto desta planta en territorio galego, ademais de ter un gran número de especies pouco comúns.
A acción das mareas e o vento formaron no Monte e no estuario unha gran cantidade de area, modelando unha lingua areosa chamada A Barra, de 2km de lonxitude e 500 metros de anchura. É a atalaia da paisaxe de Ponteceso.

Eduardo Pondal tampouco se esqueceu desta paisaxe admirábel nos seus versos:
 
Monte Branco, monte Branco
Cando te vejo de longe
verto a soas triste pranto

Pois as nosas alegrías
ós dous nos foron fallando
a tí das túas areas
os ventos te despoxano
a min tamén me fallecen
aqueles gustos pasados
¡ Ti negreas ¡eu teño a cabeza
chea de cabelos brancos ¡

DESPEDIDA