28/02/15

GALEGO EN ESTREMADURA?


Rematando xa as unidades correspondentes á dialectoloxía en 4º ESO, descubrimos hoxe unha nova no xornal dixital Sermos Galiza que dá conta desa fala propia do Val de Xálima que tanto se aproxima aínda ao noso galego.

Imos averiguar nesta entrevista a Julián Carretero algo máis da historia deste Valego, das súas orixes e o estado de vitalidade desta fala na cidadanía.

27/02/15

MÚSICA E POESÍA... FELIZ DÍA DE ROSALÍA!



Despois de tempo de traballo interno e silente, grazas á colaboración do alumnado de 3º A, celebramos unha mañá rosaliana ben especial sorprendendo, da man de Soraya e Elena, a rutina da vida académica nas aulas, nos corredores, na sala do profesorado, na cociña, nos departamentos, na conserxería... co agasallo de versos rosalianos.














E que mellor remate de festa dun día grande que descubrir unha outra forma de entender, escribir e  interpretar publicamente a poesía grazas aos versos e acordes das poetas Lucía Aldao e María Lado.

Moito nos prestou ... ou non? Que contades por aquí?

22/02/15

PARABÉNS PARA ANA E ALEJANDRO!!!

Chegou o día que tanto agardamos e Ana e Alejandro participaron na tarde deste sábado no Concurso de recitado de poemas "Rosalía sempre viva" que organizaba a Casa Museo Manuel María.




Desde Lingua de Alcaián dámoslles os parabéns por ter aceptado este reto tan importante para os dous e por ter representado o noso centro nesta final poética rosaliana a nivel galego.




16/02/15

SEMIFINAL DO CONCURSO DE RECITADO DE POEMAS DE ROSALÍA DE CASTRO

Antes de saudar o entroido, este febreirán venres 13 celebramos na biblioteca a fase da semifinal do concurso de recitadores de poemas de Rosalía de Castro.

Queremos agradecer inmenso a dedicación e o traballo intenso de memorización e expresión realizado polos seis candidatos: Julián, María, Samuel, David, Ana e Alejandro.


Os seis puxéronllo ben difícil ao xurado composto por representantes do profesorado e do alumnado, mais só podían escolle dous finalistas para representar o centro na final que se vai celebrar o vindeiro sábado 21 de febreiro na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei (Lugo).

Velaquí a imaxe dos finalistas: Alejandro e Ana, ambos de 3º ESO-A


O reto final comeza agora... que pasará o sábado próximo?

Non o sabemos, mais o que si podemos confirmar é que esta actividade serviunos para empezar a coñecer un pouco mellor a escrita rosaliana. E non é este un obxectivo menor, non si?

12/02/15

PARABÉNS PARA TI!

Hai por aí alguén de aniversario hoxe? E mañá? E pasadomañá?

Xa non hai desculpa para non lle cantar como é debido ao tempo que lle tiramos das orellas a quen estea de festa de aniversario.

Por que? A saber...que pasou onte na biblioteca de Carballo...



VISITAS PARA NON ESQUECER



As horas centrais deste martes foron ben excepcionais fóra das aulas. A aula de lingua e literatura mudou de espazo, cedéndolle o protagonismo á Casa-Museo de Asunción Antelo, veciña da parroquia de Seavia.



Desta volta, tiñamos lido previamente algúns dos seus poemas e relatos e quixemos homenaxeala cunha lectura colectiva da súa propia obra, escrita con moitas dificultadas, sen apenas acceso á educación, ao longo dos seus 95 anos de vida.


A descuberta da nosa escritora e artesá máis ilustre, Asunción Antelo, e do seu impresionante museo, deixou unha fonda pegada en todas nós.





Grazas, Asunción, por tan bo exemplo humano, por tanta xenerosidade e por tanta lección de vida a contrafío!

Grazas tamén a Isabel Rey por nos facilitar este encontro e continuar dando vida ao legado de Asunción!

01/02/15

NON ME CONTROLES!


Imos comezar observando atentamente esta viñeta de Luís Davila e describindo a nosa interpretación. 



Deseguido, leremos esta información de actualidade sobre o control de parella que unha parte importante da mocidade non só recoñece que existe e practica, senón que a xustifica dentro da normalidade dunha relación de parella.


Finalmente, elaboraremos un texto argumentativo sobre esta nova atendendo á estrutura que o debe guiar.

DESPEDIDA