30/01/17

NO ANIVERSARIO DE CASTELAO

Xaneiro é o mes de Castelao, pois faleceu o 7 de xaneiro de 1950 e naceu tal día como hoxe, 30 de xaneiro, hai 131 anos.

A lectura de Cousas e de Retrincos achéganos a parte da súa biobibliografía que amplificaremos con outros documentos e mais coa visita á cidade de Pontevedra e ao seu Museo Provincial do vindeiro venres 3 de febreiro.


"O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades e as ideas en feitos" #Castelao

22/01/17

E AGORA CASTELAO EN BANDA DESEÑADA

Despois da recente experiencia vivida coa dramatización das Cousas de Castelao, recibimos a nova de que algúns dos relatos deste libro e mais de Retrincos serán publicados, pola Editorial Galaxia, a partir de maio, en formato de banda deseñada co carimbo do magnífico debuxante Kiko Da Silva.


Xa nos tarda esta nova experiencia literaria dun dos nosos clásicos referentes autoriais, non é?

17/01/17

PRIMEIRA ACHEGA ÁS COUSAS DE CASTELAO

Ímonos achegando a Castelao a través do teatro, concretamente á adaptación de Cousas por parte da compañía Os Quinquilláns.

Grazas á xestión da Concellaría de Cultura e Educación de Coristanco puidemos acudir a esta representación da que moito gustamos e da que deixamos aquí un petisco audiovisual para quen non puido gozar deste luxo e mais as impresións do alumnado participante que irán ficando nos comentarios.






13/01/17

RAMÓN CABANILLAS

As aulas de lingua e literatura galega de 4º ESO lévannos estes días a descubrir o poeta cambadés Ramón Cabanillas como representante dos novos modelos literarios que introduce o primeiro terzo do século XX, concretamente desde o proxecto colectivo das Irmandades da Fala.


Imos achegarnos desde esta presentación á súa biobibliografía e desde a páxina da RAG sintetizaremos os seus principios éticos e estéticos.

A poesía de Ramón Cabanillas volve sempre ao presente en múltiples iniciativas sociais e escolares, así como en reinterpretacións musicais como é o caso dos poemas traballados na aula, Acción Gallega ou En pé!

A partir do visionado desta crónica do Arquivo Sonoro de Galicia poderemos acceder ás intervencións de Paulino Pedret, Aquilino Iglesia, Ramón Otero Pedrayo, enmarcadas nun acto coñecido como "Coroación poética", a última homenaxe a Ramón Cabanillas celebrada en Padrón o 8 de abril de 1958.


10/01/17

LINGUARRISADAS 2017



Hai moitos xeitos de reflexionar sobre a lingua, sobre a sociolingüística, sobre os prexuízos lingüísticos, sobre a realidade do galego, en definitiva.

A edición do calendario que nos ofrece a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, grazas á xenialidade do humorista gráfico Luís Davila, ofrécenos unha reflexión sociolingüística alternativa desde unha peculiar visión humorística.

Tomaremos de base cada unha das doce tiras deste calendario para levantar acta dalgúns dos prexuízos lingüísticos que acompañan, aínda na actualidade, a consideración e uso social do galego.

E quen sabe se, coa retranca que nos gastamos por aquí, aínda somos quen de ampliar o retrato sociolingüístico desta galería para concienciarnos definitivamente das barreiras que impiden a completa normalización da nosa lingua propia e oficial como garantía do seu futuro saudábel.



DESPEDIDA