Lagoa de Alcaián

Lagoa de Alcaián
Seavia - Coristanco

13 oct. 2013

"UNHA IMAXE VALE MÁIS"

Seguramente a lectura deste relato de Sechu Sende nos axudou a reflexionar sobre a evolución das xeracións familiares e mais a mudanza do medio natural e non só debido ao paso do tempo.

Superada a primeira proba iniciática para nos adentrarmos no mundo do comentario de texto, imos deixar constancia daquel que nos pareceu o máis completo e reflexivo.

Os parabéns a todo o alumnado de 4º que participou nesta tarefa traballando o proceso a partir de múltiples rascuños que finalmente, tras sucesivas correccións, deron o seu froito nun texto persoal definitivo.

Parabéns para Luciano Fernández polo seu traballo e grazas por nos permitir partillalo publicamente aquí.

Quedamos coas palabras de Luciano tiradas á luz da lectura de "Unha imaxe vale máis", relato pertencente ao libro Made in Galiza de Sechu Sende. Non perdades fío...




 “Unha imaxe vale máis”

 Esta curta narración pertence ao libro Made in Galiza escrito por Sechu Sende (Padrón, 1972) e publicado pola editorial Galaxia en 2007. Ese mesmo ano, as editoriais galegas déronlle o premio “Ánxel Casal” ao mellor libro do ano. Graváronse vídeos basados en fragmentos deste libro, publicáronse cómics e ata guías de lectura.
           
 Neste relato cóntase a historia dun álbum  familiar, que foi pasando de xeración en xeración e no que hai fotos moi antigas e outras recentes. Na maioría das fotos aparecen os donos do álbum no momento no que se tirou a foto, mais hai fotos nas que aparece unha paisaxe. En teoría as fotos retratan o mesmo lugar, mais, certamente, ese lugar non parece o mesmo debido aos cambios feitos nel polos humanos. Ao final do relato cóntase unha pequena historia dunha muller e o seu álbum, que creo que quere lembrar a importancia dos recordos sobre os bens materiais. Tamén destaca a importancia da muller como transmisora do legado familiar, xa que o álbum pasa sempre de nai a filla.

Creo que o tema principal desta narración é ese, a importancia dos recordos. Isto demóstrase en feitos como que todas as xeracións desa familia foron deixando o álbum aos seus descendentes, o que nos di que non queren olvidar os seus antepasados e, moito menos, os seus recordos. O tema tamén se manifesta de forma clara no relato final.

 A estrutura narrativa deste relato é uniforme (lineal), xa que creo que todas as partes teñen o mesmo nivel de interese, como ocorre en moitas historias deste tipo. Este texto divídese en tres partes:
  
Ao meu parecer,  a introdución recollería soamente o primeiro parágrafo, xa que nel nos introduce no que se vai falar no resto do relato.
 
O nó serían os dez seguintes parágrafos, ata que empeza a historia que a nai lle contou un día á narradora. Penso isto porque nestes dez parágrafos coméntase todo o relacionado co álbum, como as fotos que posúe, como son esas fotos, etc.

Por último, o desenlace serían os catro últimos parágrafos, onde se conta a historia da muller que preferiu gardar o álbum cos seus recordos antes que os seus bens materiais e cando a nai lle deu o álbum á súa filla, neste caso, a narradora.
  
En canto aos personaxes, opino que o protagonista é o álbum, xa que todos os feitos xiran en torno a el e fálase continuamente del ou das fotos que contén. A personaxe secundaria nesta historia creo que é a  muller que actualmente ten o álbum, é dicir, a narradora. Tamén aparecen outros personaxes, como os antepasados da familia. O papel dos antepasados é un papel moi parecido ao que cumpriron os antepasados de moitas familias na realidade: os homes tiñan que emigrar para buscar traballo ou eran destinados a ir á guerra, e as mulleres quedaban coidando da casa e dos fillos. Os tataravós tamén teñen un papel máis concreto que o resto de antepasados non teñen, xa que  foron eles os que tiveron a idea do álbum e os que o comezaron.
  
A voz narradora asígnalle ás mulleres a función de transmitir de xeración en xeración o legado familiar, neste caso o álbum. Deste xeito, tamén transmiten os recordos e lembranzas da familia.
  
En canto ao espazo, eu diría case con total seguridade que é Galiza. Baséome principalmente na paisaxe, xa que me parece a galega, debido a que fala de prados, muíños, vacas, castiñeiros e algunha montaña, o que me recorda a moitas aldeas galegas. Tamén hai outros aspectos totalmente diferentes que me axudaron, como o da emigración, xa que os homes das distintas xeracións da familia da que se fala na historia emigraron a Bos Aires, México ou Suíza, que eran destinos onde emigraban galegos moi frecuentemente. 

En canto ao tempo externo, eu diría que é moi actual, pola paisaxe que hai nas últimas fotos que tiraron, xa que xa hai eucaliptos e hai menos castiñeiros e menos vacas, e tamén di que xa viñeron escavadoras e intentaron abrir unha canteira; pola contra o tempo interno presenta unha evolución clara e prolongada, xa que comeza na xeración dos tataravós, hai cen anos máis ou menos e remata na época actual.
  

Prodúcese unha evolución en paralelo do espazo e do tempo, xa que os cambios que se observan desde a primeira imaxe ata a última son froito da man do home. Estes cambios ocorreron de forma moi similar na realidade, polo que se podería datar, de forma moi aproximada, a época na que viviu cada xeración.
  
Eu creo que os tataravós comezaron o álbum con vinte ou trinta anos, no ano 1900 máis ou menos. Os bisavós empezarían a colar as fotos no álbum no ano 1925. Os avós, entre dez e quince anos despois, máis ou menos no 1935 ou no 1940. Os pais no ano 1960 aproximadamente, ata que a nai morreu e lle deixou o álbum á súa filla, quen o posúe actualmente. Estas datas son aproximadas, aínda que se poden  intuir por algún acontecemento real histórico, como a Guerra Civil Española, do 1936 ao 1939, que fixo que moitos homes tivesen que fuxir a outros países para non ter que loitar. Este é o caso do avó da narradora, que fuxiu a México, polo que podemos aproximar a data dunha forma bastante precisa. Tamén podemos intuír a data na que viviu a xeración dos tataravós porque a principios do século XX foi cando máis se emigrou a países de  América, sobre todo a Buenos Aires, en Arxentina, ou a lugares cercanos a ese, como fixo o bisavó da narradora. Por outra banda, o pai da narradora emigra a Suíza, e cando máis xente emigrou a Suiza foi entre os anos 1950 e 1970 máis ou menos, o que tamén nos permite coñecer esta data. 

A voz narradora está en primeira persoa, e creo, como xa dixen, que é a muller da familia que posúe actualmente o álbum. Creo que hai un exemplo no relato co que se demostra que é a narradora e máis quen posúe o álbum: “Cando miña nai acabou de contarme a historia, deume o álbum”.
  
A narradora trata o tema desde un punto de vista subxectivo, debido a que está totalmente involucrada no contido do relato. Isto obsérvase en exemplos como: “É un álbum especial”, xa que utiliza un adxectivo valorativo; “seguramente”, xa que utiliza ou adverbio que indica certeza; e a que creo que é a máis clara: “Gustaríame pensar”.
  
Analizando o aspecto formal, atópanse moitas descricións, xa que se describen as persoas que saen nas fotos do álbum e sobre todo as paisaxes e os cambios que sufriron debido á man do home co paso do tempo. Aparecen tamén algúns adxectivos, que a narradora utiliza para describir algunha imaxe: “son alegres nun branco e negro algo triste”. Hai un caso no que tamén utiliza o adxectivo para manifestar a súa opinión: “é un álbum especial”. Aparecen tamén algunhas comparacións, xa que a narradora compara rasgos físicos dela con rasgos dalgunha das súas antepasadas. Tamén se compara a paisaxe co paso dos anos.
  
O escritor deste relato emprega unha linguaxe sinxela, que non é difícil de entender. Aparecen poucas palabras de significado complexo, polo que creo que o autor escribiu este relato para que todos o puidesen ler e entender. Hai conectores temporais, como por exemplo “e despois”, que son moi frecuentes en textos narrativos. Tamén aparece a anáfora na palabra “foto”, que se repite moito ao longo de todo o texto. Creo que se repite tanto para recalcar esa palabra e darlle importancia, e penso que tamén lle dá máis fluidez e rapidez ao texto.
  
O ritmo narrativo é fluído, xa que non se detén demasiado en ningunha parte nin en ningún feito concreto, polo que pode narrar un amplo período de tempo en poucas liñas.
  
Na miña opinión, nesta narración búscase manifestar a importancia dos recordos, como se observa en varias partes do texto. Creo que tamén se busca, aínda que nun papel máis secundario, criticar os cambios, moitas veces excesivos, que fai o ser humano no medio natural.

1 comentario:

  1. Jennifer 4º14/10/13 13:47

    Un moi bo traballo o do noso compañeiro Luciano. Parabéns!

    Para a próxima terei en conta algúns matices que tomar para facelo mellor e poder ter o puntiño enteiro. Pero dende logo este é un moi bo modelo a seguir.

    ResponderEliminar