06/10/13

HOXE CUMPRIRÍA 84 ANOS MANUEL MARÍA

Ao longo desta avaliación imos achegarnos, en colaboración co equipo de biblioteca e mais o de normalización lingüística á personalidade e á obra de Manuel María, o autor que dá nome á sala de lectura de secundaria.

Imos ir descubrindo o legado da súa escrita e hoxe, en lembranza do seu aniversario de nacemento, comezamos por este poema.

Que vos suxire? Con que efeméride celebrada en días pasados o relacionariades?
 

A palabra é a única chave que abre
a nosa soedade e pon, a luz
do sol e do luar,
a choída intimidade máis escura.
A palabra nomea e crea as cousas,
pon orde no mundo
e harmoniza toda a creación.
Cando prostituímos a palabra
estamos invocando o demoníaco.
E se deixamos morrer unha palabra
o universo enteiro
dóese de orfandade e desamparo.

2 comentarios:

  1. Vanesa Varela07/10/13, 10:35

    A min persoalmente, este poema suxíreme unha forma de amosar as persoas que hai que loitar polas linguas,e con máis razón se se tratar dunha lingua que levas escoitado ano tras ano na túa vida.

    Tamén é verdade que por poñer un exemplo no meu caso non a fale día tras día,iso non quere dicir que non a leve no meu interior, e non me preocupe que desapareza,na miña opinión creo que este poema, expresa moi poéticamente algo que está sucedendo hoxe en día e temolo que frear entre todos, porque un so e dificil de poder chegar a algures.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Vanesa, por esta reflexión. Paréceme moi importante esa chamada que fas á responsabilidade colectiva, pois efectivamente o futuro da lingua tamén depende de todas e todos nós. Se lle permitimos á lingua que nos acompañe, se lle abrimos as portas da nosa vida, ela entrará para quedar, sen dúbida.

    ResponderEliminar

DESPEDIDA