Así se titula este fermoso poema de Xosé Mª Díaz Castro, que hai moito tempo que me acompaña mentalmente. Publicouse, por primeira vez, en 1961, no poemario titulado Nimbos. É unha mostra ben significativa da poesía de posguerra que acabamos de estudar nas aulas de 4º. En que corrente literaria o integrariades?
UN PASO adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Ningún comentario:
Publicar un comentario