19/12/14
15/12/14
VALORACIÓNS SOBRE OS DATOS DO USO DO GALEGO POR IDADES
A interpretación obxectiva da gráfica da entrada anterior permitiunos confirmar que ao redor dun 25% das persoas comprendidas entre os 5 os 14 anos usan o galego sempre ou maioritariamente, mentres que case o 75% non o fan nunca ou case nunca.
Asemade, interpretamos que este feito imposibilita albiscar un futuro resistente e maioritario para o galego no seo da súa sociedade, pois cando se rompe a cadea da transmisión de lingua entre as xeracións (entre pais/nais e fillos/fillas) as dificultades para un idioma sobrevivir acrecéntanse perigosamente.
A análise exhaustiva dos datos deste inquérito do Instituto Galego de Estatística foi exposta en sucesivas entradas do xornal Praza, así que será este o primeiro punto informativo para esta tarefa.
Imos ler, despois, algunhas declaracións oficiais que pretenden xustificar estes datos por parte dos máximos responsábeis en materia de planificación lingüística, como son o Presidente da Xunta e mais o Conselleiro de Educación.
Tamén imos coñecer o parecer do escritor Xabier P. Docampo e deseguido cederemos a palabra a un alumno e unha alumna do IES Félix Muriel de Rianxo que tamén puxeron voz impresa ao seu pensamento reflexivo sobre esta cuestión.
Unha vez rematadas as lecturas atentas dos diferentes textos, chegará o momento de vos remangar e poñer mans á obra. Para facer que? Un texto expositivo-argumentativo en que, seguindo a estrutura propia deste modelo textual, expoñades a vosa impresión sobre a realidade lingüística que os datos deste inquérito están a fotografar.
NOVO DICIONARIO DE SINÓNIMOS
A Universidade de Vigo ofrecécenos unha nova ferramenta dixital para enriquecer a lingua galega desde calquera lugar.
Unha App lingüística coa que ampliaremos o noso campo lexicosemántico galego e á que lle daremos un posto destacado neste blog de aula.
Benvida!
14/12/14
NOVOS DATOS SOBRE O USO DO GALEGO
Estes días pasados coñecemos os datos do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego segundo a idade recollidos na Enquisa de condicións de vida 2013.
O técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, Nel Vidal, recolleu os resultados do inquérito nesta gráfica que vós deberedes interpretar e comentar por escrito nas sesións do luns e martes desta última semana de trimestre escolar.
Deseguido iremos publicando en sucesivas entradas algunhas valoracións e opinións de diferentes persoas e colectivos que nesta semana pasada se foi facendo pública.
09/12/14
MATRIARCAS
Neste día en que contabilizamos tres mulleres máis asasinadas por quen confunde o termo compañeiro, mozo ou marido, lembramos a homenaxe ás mulleres que a cantante Guadi Galego converte en protagonistas do seu novo traballo discográfico, Lúas de outubro e agosto.
Queremos as nosas Matriarcas canda nós, sempre!
Basta xa de terrorismo machista!
PESCUDANDO SOBRE MANUEL MARÍA
Iniciamos a nosa andaina investigadora ao redor da obra de Manuel María, o autor que dá nome á nosa biblioteca de secundaria.
Nesta primeira fase acompañounos a exposición de 30 paneis que nos foi introducindo nas ideas principais sobre a súa biobibliografía.
Tomando notas chegaremos ao vindeiro trimestre onde nos agardan varias sorpresas para completar o noso coñecemento deste escritor referencial ao longo da segunda metade do século XX.
E desde aquí compartillamos convosco as palabras do propio Manuel María nunha entrevista concedida hai uns anos ao programa "Amigos" na Galega.
25/11/14
CONTOS DE TABERNA E MÁIS
A xornada de mañá deste martes 25 de novembro rematou dunha maneira ben pouco habitual para o alumnado lector do libro de relatos Contos de taberna, unha lectura ben diferente ás máis habituais e recentes.
![]() |
Nel Vidal, coordinador de Contos de taberna |
Coñecemos de primeira man, grazas ao coordinador do volume, Nel Vidal, en representación do Concello de Carballo, como naceu esta iniciativa que renovou a aliaza habitual e natural entre os contos e as tabernas, como grandes espazos de socialización.
Comprendemos como autores e ilustradores crearon os seus textos e imaxes a partir da localización determinada dun espazo de hostalaría carballés que ás veces coñecían e ás veces non. E soubemos que a realidade case sempre está detrás da ficción.
![]() |
Máxima expectación... |
O reto estaba servido e dezaseis escritores e outros tantos ilustradores deron vida a outras tantas historias, en prosa e en verso, que xa fan parte de nós.
E xa de retorno ás aulas... sentímonos un pouco máis grandes e máis sabios, lendo entre liñas e ollando máis aló das imaxes...
Grazas a tod@s vós por este tempo tan máxico como ben demostrou o noso conveciño de Seavia José Antonio Andrade.
Como nos prestou esta biblio!!!!
23/11/14
25 DE NOVEMBRO, DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A violencia de xénero é unha realidade diaria ben por ser coñecida a través da súa expresión dramática máis visíbel, a morte da muller a mans de quen supostamente a quería, ou por saber que é unha realidade latente, oculta, máis agresiva coa muller desde diferentes formas no territorio dos afectos máis próximo e íntimo.
O blog Trafegando Ronseis iniciou unha actividade que desde aquí aplaudimos e compartimos: Haikus contra a Violencia de Xénero, que entrelazan as palabras de escritores e escritoras contra esta lacra social da que moito nos avergoñamos coas imaxes de dúas ilustradoras.
Imos pasear estes días polo que con certeza ha ser o Libro do Mal Amor.
Imos incorporarnos tamén a este proxecto escribindo os nosos haikus. Quen se anima?
19/11/14
O NOSO BLOG RESEÑADO NA PRENSA COMARCAL
O xornal dixital da Costa da Morte Que pasa na costa acaba de seleccionar este noso blog de información e traballo compartido para as aulas dentro da súa sección "A bitácora da semana".
Moitas grazas pola atención a este xornal dixital que seguimos desde a nosa columna de prensa. O noso agradecemento maior para o responsábel desta atención, Ubaldo Cerqueiro.
Seguimos traballando!
18/11/14
IMOS DE ESMORGA ESTA FIN DE SEMANA?
Suxestiva pregunta, non si?
Pois efectivamente esta fin de semana arranca a estrea nos cines galegos, e en Carballo tamén!, dunha película ben agardada desde hai tempo que moita expectativa creou.
A Esmorga está baseada na obra homónima de Eduardo Blanco Amor, autor que traballaremos na vindeira avaliación en 4º de ESO.
Acheguémonos a información que xa se vai difundindo nos medios de comunicación e non faltemos esta finde á cita co cine galego.
07/11/14
PARABÉNS A TODAS AS GAÑADORAS DOS CONCURSOS DE SAMAÍN
O Planeta Lingua de Alcaián quere felicitarvos a todas as persoas que participastes nos diferentes concursos relacionados co Samaín: certame de cabazas, microrrelatos de medo, chíos twitteiros que meten medo e decoración de portas.
E, especialmente, damos estes parabéns públicos a todas as gañadoras para que se estendan por todo o mundo mundial: ao equipo da aula de 4ºA, a Nuria e Julia (4ºA), Ana e Elena (3ºA).
Preparémonos para as seguintes propostas participativas no centro que hai cursos que prometen dar moito que falar... e para ben!!!
06/11/14
POLO CAMÍN DE RIBADEO SEN GHEADA NIN SESEO
Chega agora a resposta ao vídeo creado por mocidade de Rianxo para defender os seus trazos dialectais propios do bloque occidental.
Lembrades que unha das participantes citaba como riran dela por como falaba un día de excursión escolar por Ribadeo?
Pois agora chega a resposta do alumnado do instituto de Ribadeo.
E logo... como falarán por aló na Mariña lucense?
Olliño! Porque isto xa se está a converter nunha cadea de retos lingüísticos!!!
02/11/14
PALABRA DE ESCRITORA
A escritora María Solar, autora d´As meigas de Lupa, a nosa lectura trimestral en 3º ESO, responde as curiosidades que lle trasladamos vía correo electrónico.
A lectura permitiunos descubrir o Pico Sacro e a raíña Lupa, mais agora soubemos moito máis do proceso de creación desta novela que moito nos sorprendeu porque ... como se pode escribir unha historia en pleno século XXI levándonos de viaxe ao século I?
1. Que te levou a
escoller esta temática para escribir As meigas de Lupa?
Quería escribir un libro
para nenos como a miña filla, que é máis ou menos da vosa idade, que fose de
aventuras, e que recuperara as lendas fermosísimas que temos en Galicia como as
meigas ou a historia da raíña Lupa que é marabillosa. Parecíame unha pena que
todos os rapaces souberan como é Hogwarts e descoñeceran que existe o Pico
Sacro, coas súas covas onde dicían que se movía a raiña Lupa. Así que me
pareceu boa idea escribir unha historia actual pero que tamén contara (e mesmo
continuara) a lenda da raíña Lupa, ou as lendas das meigas chuchonas, as damas
do castro e tantas outras e que de paso, contara como vivían os castrexos, pero
todo como unha aventura divertida.
2. Custouche moito
traballo escribila? Dedicaches moito tempo á procura de documentación sobre
Lupa? Coñecías xa algunhas lendas previamente?
Custoume moito traballo
porque son moi meticulosa. Creo que cando escribes para rapaces tes que
extremar os coidados de facelo ben. Por iso estiven en contacto cun gran
especialista en castros, Xurxo Ayán, que revisou todo o libro para ver que todo
o que se contaba de como vivían os castrexos se axusta a realidade. Con outro
investigadora, experta en romanización, conseguín saber nomes reais castrexos.
Todos os que listes existiron: Ebura, Loveio, Rebur...
O libro é unha
invención, algo que eu me imaxinei, pero está escrito sobre esa base real
histórica de como era a vida no século primeiro, e sobre as lendas da raiña
Lupa que veñen escritas no Códice Calixtino. Estou segura de que vos soa ese
libro, o Códice Calixtino, que roubou da catedral de Santiago, Manolo o
electricista, ben pois nel cóntase a historia desta raíña, da chegada do corpo
do Apostolo Santiago a Galicia desde Palestina, os dragón do Pico Sacro, e
outras lendas. Así que tamén iso tiven que revisar, igual que a vida da raiña
Lupa e o Rei de Duio.
3. Canto tempo che
levou o proceso de creación?
Non sabería dicilo,
moito máis dun ano. O problema é que eu traballo, son xornalista, como sabedes.
Cando o escribía presentaba un programa cultural diario na TVG, teño familia,
fillos, así que escribo aos poucos, de noite despois de deitar ao pequeno e
antes de durmir. Intento non quitar tempo á familia para escribir. Por iso esta
novela chegou a obsesionarme moito porque chegou un momento que tiña xa todo o
que quería escribir na cabeza e só o podía escribir aos cachiños.
4. Cal foi o
personaxe que che custou máis crear?
Lupa e a avoa Berta.
Lupa porque quería respectar o que din as lendas pero inventarme un personaxe
que parecera real e tivera unha personalidade que encaixara cunha muller,
forte, rexa, e raíña, implacable cos seus inimigos pero ao tempo cariñosa e
protectora cos seus.
E a avoa porque quería
unha muller actual, unha avoa moderna pero que parecera crible que estivera
metida en semellante lea de ser, ocultamente, a gardesa do Castelo da raiña
Lupa e dos segredos das meigas.
5. Como se che
ocorreu xogar con dous tempos históricos tan diferentes como o século I e o
XXI?
Foi para engancharvos.
Pensei que se contaba a historia de hai dous mil anos igual levábades un susto,
e vos parecía un rollazo, así que pensei en contala desde algo que pasaba na
actualidade creando ese segredo que se mantivo de boca a orella durante vinte
séculos, dunha muller a outra da familia.
6. Sabías desde o
comezo da escrita como sería o final ou saíu sobre a marcha?
Comecei cunha idea xeral
do que quería contar, e pouco a pouco fun tendo clara a personalidade de cada
personaxe, e o que ía pasar. Ao final é como se o libro te levara, e a historia
se fora escribindo soa.
7. Se tiveses que
continuar a historia, como pensas que o farías?
Pois eu creo que o faría
escollendo calquera outra das mulleres que foron no pasado vixías do castelo,
como a avoa Berta. Por exemplo unha da Idade Media.
8. Esta novela vén
acompañada dunha banda sonora, que supuxo para ti esta recreación musical?
Foi, posiblemente, o
máis fermoso que me ten pasado cun libro. Un bo día, un compositor de música de
cine que non coñecía persoalmente, David Alonso Garzón, envioume as cancións,
simplemente dicíndome que lera o libro, que se criara na zona do Pico Sacro
oíndolle á súa avoa esas lendas da Raiña Lupa, e que lle inspirara esa música.
Cando as escoitei, caéronme as bágoas de emoción porque era auténtica música de
cine. Música que recreaba distintos momentos do libro. A chegada dos nenos coa
avoa; os discípulos traendo o corpo; Ebura; o soño da raiña Lupa; ou a loita
das meigas no castelo subterraneo, e cando as escoitas imaxínaste exactamente
iso.
Foi marabilloso inspirar
algo tan fermoso.
E despois aínda naceu o
audiovisual coa participación de 20 actores de Achádego Teatro de Lugo, e unha
exposición. Foi incrible.
9. Que che reportou
esta novela como escritora?
Aportoume moitísimo,
primeiro porque aprendín moito do oficio de escritora escribíndoa, despois pola
boa acollida que tivo cos rapaces que fai que xa leve tres edicións, e logo,por
todo o que vos veño de contar de como medrou coa música, o audiovisual, unha
web e unha exposición que non fixen eu, fixeron eles inspirándose no libro.
10. Cal será a túa
próxima publicación?
Teño tres libros
rematados que sairán proximamente e son moi diferentes. O primeiro é un album
ilustrado mestura entre divulgación e conto que se chama “Teño uns pés
perfectos” e vai diso, dos pés: por que temos unha deda gorda? Por que cheiran
a queixo? etc A divulgación científica mesturada cos contos é algo que me gusta
facer e creo que o vou manter sempre, xa sabedes que son tamén bióloga, será
por iso.
Os outros dous son un
libro infantil moi divertido e fantasioso, e un libro xuvenil para rapaces xa
moi maiores ou adultos e é unha historia que fala sobre todo de amor e
sentimentos. Igual cando saia aínda o ledes no Bacharelato!!!
![]() |
María Solar asinando exemplares da súa novela o curso pasado no noso centro |
Moitas grazas, María, por nos dedicar un tempo para responder as nosas curiosidades. E como gustamos tanto da lectura, imos escoitala na túa voz para convidar a todo o mundo a que a lea.
29/10/14
ATÉ A PRÓXIMA ESTACIÓN... BEGOÑA CAAMAÑO
Foron estes dous últimos días especialmente solleiros, mais a luz solar non foi quen de apagar a tristura nin secar as bágoas de tantas e tantas persoas que xa estrañaban a escritora Begoña Caamaño desde o primeiro segundo en que se coñeceu a súa morte inxustamente temperá.
A autora das novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, foi cualificada desde a AELG como referente renovador da escrita narrativa actual, construtora dun
discurso propio que colocou a voz silenciada das mulleres na historia no
protagonismo principal das palabras e posuidora dunha alta calidade
humana que nos trasladou a todas as persoas que puidemos coñecela
persoalmente ou a través da lectura da súa obra. Foi capaz de
transgredir modelos e tópicos convencionais para poñer as condicións que
permiten avanzar o sistema literario -no que se instalou e ao que contribuíu desde a alta calidade creativa- e, consecuentemente, a sociedade da que fixo parte.
Moitas foron as mostras de cariño e recoñecemento, moitas palabras e lembranzas continuaron a lle dar vida porque sabemos
que as persoas chegamos para partir, mais os seus exemplos, accións,
compromisos e as obras permanecen sempre.
A súa traxectoria como muller comprometida co seu tempo ben mereceu un programa monográfico no programa Diario Cultural da Radio Galega, A luminosa paixón de Begoña Caamaño.
Despedímoste co Alalá das Mariñas, a peza tradicional galega que ti pediches que soase interpretada na voz da cantante Uxía no momento da despedida última.
Acougamos na túa escrita, Begoña. Quedas en nós!
27/10/14
GHEADA E SESEO... QUEN DIXO MEDO?
Imos escoitar atentamente o que din @s protagonistas deste vídeo para despois recompilar os argumentos que elas e eles empregan para a defensa e o ataque a estes dous elementos tan característicos da variedade dialectal do galego occidental.
A tarefa final consistirá en elaborar o voso texto argumentativo persoal a respecto do uso espontáneo das variantes dialectais.
15/10/14
DICIONARIO VIVO / LINGUA VIVA
Unha lingua viva é aquela á que as persoas falantes son quen de lle acrecentar novas acepcións, amplificar o valor da súa fraseoloxía ou importar e adaptar novo vocabulario en función das necesidades de comunicación e interacción que cada tempo histórico demanda.
O dicionario da Real Academia Galega acaba de actualizar a súa base léxica engadindo novos significados contemporáneos a palabras xa incluídas no seu catálogo como etiqueta, cable, conexión ou directorio.
Asemade, incorpora novos vocábulos que andan en boca da sociedade no seu día a día como blog, emoticona, cibercafé, internauta ou desencriptar.
#dicionariovivo/linguaviva... ou non?
14/10/14
ACTUALIDADE SOCIOLINGÜÍSTICA GALEGA
07/10/14
UNHA IMAXE ... MIL PALABRAS?
Que vos parece esta imaxe?
Onde pensades que está representada?
Se cadra témola moito máis perto do que poida parecer...
Quen adiviña?
Mentres, imos comezar a traballar a descrición para pintar con palabras as imaxes e as cores. E por aquí temos algunhas pistas para ter sempre á man.
30/09/14
TRADUCIÓN DO POEMARIO NIMBOS AO INGLÉS
O
30 de setembro de 1906 concluía un longo proceso ilusionante comezado había
algo máis dun ano antes ao se inaugurar oficialmente na Coruña a sede da Real Academia Galega.
Neste
día de celebración acudimos ao seu web para sabermos máis desta institución e
tamén para descubrir unha nova ben interesante: a tradución ao inglés, a cargo
de John Rutherford, de Nimbos, a obra magna de Xosé Mª
Díaz Castro, o autor homenaxeado o pasado Día das Letras Galegas.
Coñezamos a valoración desta obra poética e do proceso de traslación lingüística en palabras do seu tradutor nesta entrevista que difunde a RAG.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
-
Neste tempo en tránsito estacional que andamos, despedimos o verán... ... para recibirmos o outono como merece, cos versos do poeta Ma...
-
Ímonos achegando a Castelao a través do teatro, concretamente á adaptación de Cousas por parte da compañía Os Quinquilláns . Grazas...
-
Tal día coma hoxe, 15 de setembro, mais de 1851, nacía o poeta Manuel Curros Enríquez en Celanova. Que mellor momento para retomar a...