Lagoa de Alcaián

Lagoa de Alcaián
Seavia - Coristanco

29 oct. 2014

ATÉ A PRÓXIMA ESTACIÓN... BEGOÑA CAAMAÑO




Foron estes dous últimos días especialmente solleiros, mais a luz solar non foi quen de apagar a tristura nin secar as bágoas de tantas e tantas persoas que xa estrañaban a escritora Begoña Caamaño desde o primeiro segundo en que se coñeceu a súa morte inxustamente temperá.



A autora das novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, foi cualificada desde a AELG como referente renovador da escrita narrativa actual, construtora dun discurso propio que colocou a voz silenciada das mulleres na historia no protagonismo principal das palabras e posuidora dunha alta calidade humana que nos trasladou a todas as persoas que puidemos coñecela persoalmente ou a través da lectura da súa obra. Foi capaz de transgredir modelos e tópicos convencionais para poñer as condicións que permiten avanzar o sistema literario -no que se instalou e ao que contribuíu desde a alta calidade creativa- e, consecuentemente, a sociedade da que fixo parte.




Moitas foron as mostras de cariño e recoñecemento, moitas palabras e lembranzas continuaron a lle dar vida porque sabemos que as persoas chegamos para partir, mais os seus exemplos, accións, compromisos e as obras permanecen sempre.


A súa traxectoria como muller comprometida co seu tempo ben mereceu un programa monográfico no programa Diario Cultural da Radio Galega, A luminosa paixón de Begoña Caamaño


Despedímoste co Alalá das Mariñas, a peza tradicional galega que ti pediches que soase interpretada na voz da cantante Uxía no momento da despedida última.


Acougamos na túa escrita, Begoña. Quedas en nós!



No hay comentarios:

Publicar un comentario