Lagoa de Alcaián

Lagoa de Alcaián
Seavia - Coristanco

18 dic. 2016

A NOSA CONVERSA CON NAJLA SHAMI

Descubrimos recentemente a música Najla Shami, palestina e galega de adopción, e axiña procuramos a posibilidade de continuarmos coa rolda de entrevistas iniciada este trimestre con Kathleen March.

Samantha, Andrea, Adriana e Marta, compañeiras de 4º A, elaboraron un cuestionario ao que Najla respondeu en detalle.

O noso agradecemento por partillar connosco neste espazo didáctico a súa biografía persoal, profesional e lingüística que nos reconfirma na idea de termos unha lingua e unha cultura de primeira!





1. Onde vives actualmente, Najla?


Actualmente moro na cidade de Vigo. Cheguei hai tres meses despois dun longo periodo de viaxes.  


2. Podes explicarnos a que se debe que te definas na túa autobiografía como filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina?

Son as culturas máis próximas que conforman a miña familia e das que me alimento para crear e estar no mundo, mais non son as únicas no meu sangue. A miña avoa paterna procede do Líbano, o meu bisavó era turco e o apelido da familia provén de Siria, da antiga rexión do Sham. Todos estamos feitos da converxencia de moitas latitudes.

3. Cantos idiomas falas?

Deféndome en castelán, galego, portugués e inglés. Tamén podo expresarme, aínda que dun xeito máis rudimentario en árabe. Comprendo tamén o francés e o italiano. O galego dá moita vantaxe á hora de debullar outras linguas. 

4. Como e quen che aprendeu o galego?

As xentes de Taboada aprendéronme o galego, no fermoso acento da provincia de Lugo, e tamén a miña propia curiosidade por coñecer a beleza da contorna onde me criei e o respecto a un pobo tan fermoso como é o noso.

5. As túas orixes multiculturais e plurilingües influíron dalgunha maneira na túa música?

Inflúen cada día non só na miña música senón no meu xeito de estar no mundo. Nun primeiro momento sentín certa dificultade na hora de conxugar musicalmente todas as orixes nas que tiña medrado mais pouco a pouco todo remata por se conformar dun xeito orgánico. Todos somos a suma de moitos, todos somos multiculturais e multirraciais.

6. Que te impulsou a elixir o galego para a túa carreira musical?

Pareceume algo orgánico usar o galego, como tamén o uso doutras línguas mais quizais foi decisivo mergullarme na música brasileira e lusoafricana, por tanto no portugués, para darme conta da amplitude do galego no mundo e na historia e da fermosura da súa sonoridade.


7. Por que escolles algúns poemas de Rosalía de Castro para gravar o teu último disco?


O meu último traballo até a data está conformado completamente por poemas de Rosalía e inspirado na sua obra e na muller que habitaba ca poeta. O meu encontro con Rosalía supoño estaba escrito e foi un camiño que me transformou persoalmente e que fixo que coñecese aínda máis a nosa cultura e a nosa lingua. 


8. Por que o titulaches "Na lingua que eu falo"


O título é unha chamada a romper coa dualidade que existe nos galegofalantes que escollen o castelán para comunicarse co mundo a pesar de que o galego sexa a súa lingua nai, na que se sinten máis cómodos. Esta esquizofrenia é e foi moi común polo que escollín esa frase rosaliana como un berro a respectarse a un mesmo en termos lingüísticos e persoais.

9. Como te iniciaches no mundo da música? Como incorporaches a ela o galego?


Non podo dicir que houbese unha iniciación, pois a música vén acompañándome desde moi nena. Sempre foi algo que estivo aí e que nun momento da miña vida gañou o peso suficiente como para transformarse nun camiño per se para percorrer. O galego, como dixen anteriormente, chegou a través do meu contacto coa música brasileira e lusoafricana.

10. Que representa para ti o galego?


O galego para min é unha porta ao mundo, unha identidade única que non existe en ningunha outra latitude do planeta. A xente en xeral tenta marcar unha diferenza coa sua forma de vivir e finalmente remata por facer o mesmo cos demais, vestir o mesmo, comer o mesmo, etc. O galego e a nosa cultura é un sinal de identidade único que non se atopa en ningures e que nos fai especiais e distintos ao resto dos pobos. 

11. Como ves a realidade da nosa lingua na actualidade?


Pois a realidade é complexa e non moi sinxela. Precisamos moita concienciación e sobre todo ensinar pensamento histórico para que as novas xeracións valoren a importante herdanza que é nosa língua e a nosa cultura.

5 comentarios:

  1. Najla é unha persoa abraiante e admiro a súa capacidade de falar tantos idiomas, incluída a miña lingua materna, o galego. Encántame a súa música, paréceme unha marabillosa cantante. Un saúdo:).

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  3. Encantoume investigar sobre Najla paréceme una persona abraiante e moi boa cantando.

    ResponderEliminar
  4. Concordo plenamente coas vosas valoracións, Samantha e Marta. Este proxecto está a ser moi gratificante, non si?

    ResponderEliminar
  5. Eu tamén estou de acordo co que veñen a dicir as miñas compañeiras. Despois de leer a entevista e de escoitar unha das súas cancións ("Na lingua que eu falo"), podo dicir que quedei impresionada. E desde aquí mandar un saúdo moi forte a Najla e dicirlle que me encantou o seu traballo
    A verdade é que este proxecto me está gustando moito porque nos permite ver a realidade que nos rodea, as persoas tan grandes que temos preto de nós sen darnos conta. Espero seguir participando en proxectos deste tipo.

    ResponderEliminar