02/02/16

QUE DÍA É HOXE?


Hoxe é simplemente o día 2 de febreiro ou esta data significa moito máis na cultura tradicional galega?

A ver que averiguamos pola prensa galega!!!!

Quen nos agasalla con algún refrán popular propio deste Día da Candeloria?

01/02/16

COUSAS DA VIDA (1926) - CASTELAO

Unha vez analizados algúns dos temas que Castelao debullou sendo moi novo nas Cousas da vida, imos ver cales son os obxectivos da nova edición que agora nos ofrece a editorial Galaxia, a quen acabamos de coñecer en 4º ESO no seu momento fundacional, o ano 1950.

É posíbel que unha obra publicada por primeira vez no comezo do século XX poida interesar á mocidade de hoxe en día? 

Imos ver que nos contan neste vídeo de presentación recentemente emitido no programa cultural Zig Zag da televisión galega.




30/01/16

CASTELAO (1886-1950)

Tal día como hoxe, 30 de xaneiro, nacía Castelao. Desde aquel lonxano 1886 moito mudou o mundo, mais ás veces, relendo as súas obras e revisitando os seus debuxos semella que a evolución non foi tal ou, cando menos, non sempre foi para mellor no noso país.

Andamos a ler nas aulas de 4º ESO o libro de relatos intitulado Cousas e imos achegarnos a partir deste vídeo a uha escolma das Cousas da vida, estampas para entender un tempo e un país.

Da lectura e do visionado tiraremos algunhas conclusións ao redor daquelas temáticas máis recorrentes no pensamento e na obra do noso autor rianxeiro.


30/12/15

FELIZ ANO NOVO






BRINDAMOS POR UN 2016 DE CELEBRACIÓNS PARA A LINGUA E A LITERATURA GALEGAS!

MANUEL MARÍA EN TEMPO DE NADAL


PANXOLIÑA DOS GALEGOS

¡O Neno Deus é un neniño
que namora soio o velo!
¡Os seus ollos son de luz
e de ouro fino o cabelo!

- ¿Non vedes fiar a Virxe
tan caladiña e tristeira?
- ¿Imos levarlle, pastores,
un año branco e manteiga!

San Xosé é carpinteiro
e xa non serra madeira.
¡Anda a facer unha cruz
dun pauíño de oliveira!

¡Camiñade, galeguiños,
camiñade ata Belén...!
¡Xa naceu o Rei do Ceo
e quen lle cante non ten!

13/12/15

EN MARCHA!

Case todo pronto para, unha vez rematados os exames e as correccións, coller camiño de Outeiro de Rei para inaugurar o que será o Ano de Manuel María en 2016 coa celebración do Día das Letras Galegas.

Velaquí un primeiro encontro virtual coa casa museo de Manuel María onde nos agardan moitas sorpresas para este mércores 16 de decembro.

En marcha!


07/12/15

MEMORIA DE XOSÉ NEIRA VILAS

Hai uns días despediamos o escritor Xosé Neira Vilas, un autor referencial e testemuña da literatura galega da segunda metade do século XX e até a actualidade, pois estaba a piques de presentar estes días o que xa será a súa derradeira publicación, a novela Romaría de historias.

Memorias dun neno labrego (1961) é cualificado como un best seller da literatura galega polo continuo número de edicións e traducións, o que a converteu nunha obra clásica da literatura universal.

Podemos lela en soporte impreso mais tamén dixital e imos comezar por aquí, por este último formato, para nos achegar a Balbino, o personaxe central desta novela que o autor quixo dedicar "A todos os nenos e a todas as nenas que falan galego".






DESPEDIDA