Foron estes dous últimos días especialmente solleiros, mais a luz solar non foi quen de apagar a tristura nin secar as bágoas de tantas e tantas persoas que xa estrañaban a escritora Begoña Caamaño desde o primeiro segundo en que se coñeceu a súa morte inxustamente temperá.
A autora das novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, foi cualificada desde a AELG como referente renovador da escrita narrativa actual, construtora dun
discurso propio que colocou a voz silenciada das mulleres na historia no
protagonismo principal das palabras e posuidora dunha alta calidade
humana que nos trasladou a todas as persoas que puidemos coñecela
persoalmente ou a través da lectura da súa obra. Foi capaz de
transgredir modelos e tópicos convencionais para poñer as condicións que
permiten avanzar o sistema literario -no que se instalou e ao que contribuíu desde a alta calidade creativa- e, consecuentemente, a sociedade da que fixo parte.
Moitas foron as mostras de cariño e recoñecemento, moitas palabras e lembranzas continuaron a lle dar vida porque sabemos
que as persoas chegamos para partir, mais os seus exemplos, accións,
compromisos e as obras permanecen sempre.
A súa traxectoria como muller comprometida co seu tempo ben mereceu un programa monográfico no programa Diario Cultural da Radio Galega, A luminosa paixón de Begoña Caamaño.
Despedímoste co Alalá das Mariñas, a peza tradicional galega que ti pediches que soase interpretada na voz da cantante Uxía no momento da despedida última.
Acougamos na túa escrita, Begoña. Quedas en nós!
Ningún comentario:
Publicar un comentario