02/11/14

PALABRA DE ESCRITORA

A escritora María Solar, autora d´As meigas de Lupa, a nosa lectura trimestral en 3º ESO, responde as curiosidades que lle trasladamos vía correo electrónico.

A lectura permitiunos descubrir o Pico Sacro e a raíña Lupa, mais agora soubemos moito máis do proceso de creación desta novela que moito nos sorprendeu porque ... como se pode escribir unha historia en pleno século XXI levándonos de viaxe ao século I?




1. Que te levou a escoller esta temática para escribir As meigas de Lupa?

Quería escribir un libro para nenos como a miña filla, que é máis ou menos da vosa idade, que fose de aventuras, e que recuperara as lendas fermosísimas que temos en Galicia como as meigas ou a historia da raíña Lupa que é marabillosa. Parecíame unha pena que todos os rapaces souberan como é Hogwarts e descoñeceran que existe o Pico Sacro, coas súas covas onde dicían que se movía a raiña Lupa. Así que me pareceu boa idea escribir unha historia actual pero que tamén contara (e mesmo continuara) a lenda da raíña Lupa, ou as lendas das meigas chuchonas, as damas do castro e tantas outras e que de paso, contara como vivían os castrexos, pero todo como unha aventura divertida.

2. Custouche moito traballo escribila? Dedicaches moito tempo á procura de documentación sobre Lupa? Coñecías xa algunhas lendas previamente?

Custoume moito traballo porque son moi meticulosa. Creo que cando escribes para rapaces tes que extremar os coidados de facelo ben. Por iso estiven en contacto cun gran especialista en castros, Xurxo Ayán, que revisou todo o libro para ver que todo o que se contaba de como vivían os castrexos se axusta a realidade. Con outro investigadora, experta en romanización, conseguín saber nomes reais castrexos. Todos os que listes existiron: Ebura, Loveio, Rebur...

O libro é unha invención, algo que eu me imaxinei, pero está escrito sobre esa base real histórica de como era a vida no século primeiro, e sobre as lendas da raiña Lupa que veñen escritas no Códice Calixtino. Estou segura de que vos soa ese libro, o Códice Calixtino, que roubou da catedral de Santiago, Manolo o electricista, ben pois nel cóntase a historia desta raíña, da chegada do corpo do Apostolo Santiago a Galicia desde Palestina, os dragón do Pico Sacro, e outras lendas. Así que tamén iso tiven que revisar, igual que a vida da raiña Lupa e o Rei de Duio.

3. Canto tempo che levou o proceso de creación?

Non sabería dicilo, moito máis dun ano. O problema é que eu traballo, son xornalista, como sabedes. Cando o escribía presentaba un programa cultural diario na TVG, teño familia, fillos, así que escribo aos poucos, de noite despois de deitar ao pequeno e antes de durmir. Intento non quitar tempo á familia para escribir. Por iso esta novela chegou a obsesionarme moito porque chegou un momento que tiña xa todo o que quería escribir na cabeza e só o podía escribir aos cachiños.

4. Cal foi o personaxe que che custou máis crear?

Lupa e a avoa Berta. Lupa porque quería respectar o que din as lendas pero inventarme un personaxe que parecera real e tivera unha personalidade que encaixara cunha muller, forte, rexa, e raíña, implacable cos seus inimigos pero ao tempo cariñosa e protectora cos seus.

E a avoa porque quería unha muller actual, unha avoa moderna pero que parecera crible que estivera metida en semellante lea de ser, ocultamente, a gardesa do Castelo da raiña Lupa e dos segredos das meigas.

5. Como se che ocorreu xogar con dous tempos históricos tan diferentes como o século I e o XXI?

Foi para engancharvos. Pensei que se contaba a historia de hai dous mil anos igual levábades un susto, e vos parecía un rollazo, así que pensei en contala desde algo que pasaba na actualidade creando ese segredo que se mantivo de boca a orella durante vinte séculos, dunha muller a outra da familia.

6. Sabías desde o comezo da escrita como sería o final ou saíu sobre a marcha?

Comecei cunha idea xeral do que quería contar, e pouco a pouco fun tendo clara a personalidade de cada personaxe, e o que ía pasar. Ao final é como se o libro te levara, e a historia se fora escribindo soa.

7. Se tiveses que continuar a historia, como pensas que o farías?

Pois eu creo que o faría escollendo calquera outra das mulleres que foron no pasado vixías do castelo, como a avoa Berta. Por exemplo unha da Idade Media.

8. Esta novela vén acompañada dunha banda sonora, que supuxo para ti esta recreación musical?

Foi, posiblemente, o máis fermoso que me ten pasado cun libro. Un bo día, un compositor de música de cine que non coñecía persoalmente, David Alonso Garzón, envioume as cancións, simplemente dicíndome que lera o libro, que se criara na zona do Pico Sacro oíndolle á súa avoa esas lendas da Raiña Lupa, e que lle inspirara esa música. Cando as escoitei, caéronme as bágoas de emoción porque era auténtica música de cine. Música que recreaba distintos momentos do libro. A chegada dos nenos coa avoa; os discípulos traendo o corpo; Ebura; o soño da raiña Lupa; ou a loita das meigas no castelo subterraneo, e cando as escoitas imaxínaste exactamente iso.
Foi marabilloso inspirar algo tan fermoso.
E despois aínda naceu o audiovisual coa participación de 20 actores de Achádego Teatro de Lugo, e unha exposición. Foi incrible.

9. Que che reportou esta novela como escritora?

Aportoume moitísimo, primeiro porque aprendín moito do oficio de escritora escribíndoa, despois pola boa acollida que tivo cos rapaces que fai que xa leve tres edicións, e logo,por todo o que vos veño de contar de como medrou coa música, o audiovisual, unha web e unha exposición que non fixen eu, fixeron eles inspirándose no libro.

10. Cal será a túa próxima publicación?

Teño tres libros rematados que sairán proximamente e son moi diferentes. O primeiro é un album ilustrado mestura entre divulgación e conto que se chama “Teño uns pés perfectos” e vai diso, dos pés: por que temos unha deda gorda? Por que cheiran a queixo? etc A divulgación científica mesturada cos contos é algo que me gusta facer e creo que o vou manter sempre, xa sabedes que son tamén bióloga, será por iso.

Os outros dous son un libro infantil moi divertido e fantasioso, e un libro xuvenil para rapaces xa moi maiores ou adultos e é unha historia que fala sobre todo de amor e sentimentos. Igual cando saia aínda o ledes no Bacharelato!!!

María Solar asinando exemplares da súa novela o curso pasado no noso centro


Moitas grazas, María, por nos dedicar un tempo para responder as nosas curiosidades. E como gustamos tanto da lectura, imos escoitala na túa voz para convidar a todo o mundo a que a lea.

 

2 comentarios:

  1. maría perdoa por non felicitar o traballo de responder as nosas preguntas durante o teu fin de semana.
    Aora aqui eu agradezoche que me responderas as dubidas que tiña planteadas no teu libro
    perdoa pola atraso do comentario . Grazas.

    ResponderEliminar
  2. Ana Rodríguez23/11/14, 13:00

    Grazas María, por roubarlle ao teu tempo un anaquiño e respondernos tan rápido as dúbidas que se nos ocorreron sobre a novela. Igual que dixo o meu compañeiro, perdoa que este agradecemento tardase tanto, e unha vez máis, grazas. Esperamos con ansia a publicación dun novo traballo.

    ResponderEliminar

DESPEDIDA