Amosando publicacións coa etiqueta 4º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 4º ESO. Amosar todas as publicacións

23/01/19

A LEXICOGRAFÍA DOS APELIDOS


Se cadra non reparastes no que contan ou encobren os vosos apelidos. Pode ser que pensedes que, ao igual ca vós, son únicos e irrepetíbeis. Ao mellor decatástesvos de que non é así e que o seu nivel de recorrencia é moi alto.

Que segredos gardarán os nosos apelidos? Poderán estar algúns en extinción? Terán algunha relación co propio territorio xeográfico galego? Haberá un mapa dos nosos apelidos?

LINGUAXE INCLUSIVA



As palabras non son neutrais, contan moito máis do que di a súa aparencia gramatical, a súa fonética, a súa morfoloxía ou a súa definición semántica no dicionario.

Ás veces, no canto de contar, poden distorsionar, confundir ou mesmo negar algunha realidade.

Canto isto acontece, a linguaxe pode volverse discriminatoria. 

Mais na nosa man está evitarmos que isto aconteza, poñendo atención no coidado dunha linguaxe inclusiva nos nosos discursos, conversas, exposicións escritas...

E como adoita acontecer con calquera proceso de aprendizaxe, precisamos ferramentas que nos axuden a mellorar a nosa calidade de lingua.

Estes días coñecemos a publicación dunha Guía de linguaxe inclusiva que recolle recomendacións para combater o emprego de linguaxes discriminatorias e prácticas para o tratamento informativo de distintos colectivos e situacións que poidan xerar riscos de exclusión.

Que vos parece se comezamos a autoavaliar o uso que facemos da linguaxe, e polo tanto da comunicación, desde unha perspectiva inclusiva? Imos aló?

23/12/18

COÑECENDO A CASTELAO

E para pechar o primeiro trimestre de curso nada mellor que unha intensa sesión didáctica fóra das aulas do centro, non si?

As visitas á exposición "Castelao maxistral" na Cidade da Cultura e "Alba de Gloria" no Panteón de Galegos Ilustres axudáronnos a fixar os coñecementos aprendidos en 4º ESO ao redor do pensamento e da obra de Castelao.

E a visita ao Museo de Historia Natural descubriunos a importancia de protexermos a biodiversidade ambiental.

Velaquí unha pequena síntese da saída extraescolar en imaxes que seguramente vós completaredes coas vosas palabras de lembranza na sección de comentarios.


09/12/18

NO RONSEL DE CASTELAO


Estamos a piques de pechar o primeiro trimestre escolar onde descubrimos en 4º ESO un dos autores referenciais da lingua, da literatura e da cultura galega: Castelao.


Para alén das sesións teóricas de aula, o vindeiro xoves 20 de decembro participaremos nunha saída didáctica extraescolar que nos levará a coñecer moito máis e mellor o pensamento e a obra do noso autor.






 En primeiro lugar, visitaremos na Cidade da Cultura a exposición "Castelao Maxistral", para posteriormente dirixirnos ao Panteón da Galegos Ilustres para ver a exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia", organizada polo Consello da Cultura Galega.


Para irmos contextualizando esta actividade, deixamos por aquí dúas cuestións introdutorias. Agardamos as vosas rápidas respostas:

1. Que é a Alba de Gloria?
2. Que significa o cadro de Castelao coñecido como "A derradeira leición do mestre"

27/10/18

DESCUBRINDO A POESÍA

A actividade programada desde o noso concello, dentro do programa "Ler conta moito", permitiu que nos achegásemos á poesía galega máis contemporánea e renovadora a través dunha das súas representantes máis recoñecidas e internacionais: Yolanda Castaño.



Contan as malas linguas que a poesía non é cousa da rapazada adolescente, mais que dirán as boas linguas???



14/01/18

PERGAMIÑO VINDEL

Este martes 16 de xaneiro mudaremos o espazo didáctico habitual nas aulas de 3º e 4º do instituto por outros espazos ben diferentes.



O primeiro será a Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón e o segundo será no Museo do Mar de Vigo, onde está ubicada a exposición "O Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas".



Unha xornada ben diferente para nos achegar ao tempo fundacional da literatura galega na Idade Media, neste caso da man do trobador Martín Códax, e continuar co esplendoroso Rexurdimento decimonónico protagonizado por Rosalía de Castro.

Agardamos por aquí os vosos comentarios e impresións á volta desta viaxe didáctica.

08/12/17

ENCONTRO COA ESCRITORA EVA MEJUTO


Rematada a lectura da primera novela de Eva Mejuto, 22 segundos, chegou o momento de nos encontrar os grupos de 4º ESO con ela para partillar as nosas impresións como lectoras dunha novela diferente, valente e moi necesaria.

A súa visita permitiunos coñecer o proceso de creación e de investigación profunda sobre un tema que segue a ser socialmente un gran descoñecido e por iso un gran tabú: a transexualidade.

Moitísimas grazas, Eva, polo esforzo que fixeches para vir compartir connosco un anaquiño de tarde.



22/11/17

DE CAMIÑO CARA AO 25N

Cada 25 de novembro volve colocarse o foco de atención mediática nunha realidade diaria, que non desaparece nunca no día a día ou que mesmo semella reforzarse e ampararse socialmente: a violencia contra as mulleres.

Para reflexionarmos sobre esta data e a realidade social que representa imos escoitar a canción gañadora do II Certame de Música Infantil e Xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña, interpretada por un grupo de mozas que se fan chamar "Máis boas cás patacas".


23/10/17

ENCONTRO CON JORDI SIERRA I FABRA



Este martes 24 de outubro celebraremos o encontro con Jordi Sierra i Fabra, o autor das nosas primeiras lecturas deste curso en 3º e 4º ESO.



As palabras feridas e Chamando ás portas do ceo ocuparon o noso tempo lector nestes primeiros meses de curso e agora temos a oportunidade de nos encontrar co autor na coruñesa Libraría Moito Conto.

Imos comezar as presentacións achegándonos a este entrevista publicada no xornal La Opinión no día de onte.

17/09/17

BENVIDA AO NOVO CURSO ESCOLAR BLOGUEIRO

Chegou a hora de lle abrirmos a porta ao novo curso escolar 2017-2018 e aquí estamos con todas as expectativas, curiosidades e interrogantes abertos para descubrirmos o mundo desde a materia de Lingua e Literatura Galega.

Preparad@s?

Primeira tarefa programada: cantas linguas acompañan o galego neste mapamundi lingüístico?
 




08/06/17

21 DÍAS CO GALEGO

Despois de nos achegar hai uns meses á actividade dos "21 Días co Galego" do IES da Pobra do Caramiñal, agora toma o relevo o Fogar de Santa Margarida da Coruña.

Imos ver que significa e que representa para estes mozos e mozas dun contorno castelanfalante intentar instalarse no galego como lingua de comunicación habitual.



17/04/17

O ESTADO DA LINGUA


Comezamos o último trimestre de curso afondando na temática sociolingüística nas aulas de 3º e 4º ESO.

O Consello da Cultura Galega acaba de facer público un informe do estado en que se encontran as relacións entre a mocidade galega e o noso idioma, titulado Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia.

O xornal Praza Pública ofreceu nos últimos días unha síntese informativa que cómpre lermos e traballarmos en detalle.

1. Como valora o galego a mocidade? Ten prexuízos a respecto do seu uso?
2. Que papel cumpre a escola na trasmisión do galego?


20/03/17

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (XVIII)

Lucía Canosa recunca neste proxecto de compartir pensamentos, emocións e imaxes...


Un fiel amigo
sempre estará intentando
facerte feliz
 
 
 
 

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (XVII)

Nova achega de Alejandro Varela ...


Noites bonitas,
mirando esta paisaxe,
noites pensando.
 
 

FOTOHAIKU DE PRIMAVERA (XVI)

Unha nova cara da primavera no obxectivo de Juan Varela...

Veñen as nubes,
cheas de lágrimas,
que triste día.
 
 

FOTOHAIKU DE PRIMAVERA (XV)

E con todas nós... David Amado!!!


Isto comeza
adeus inverno
chega bo tempo

DESPEDIDA