Este mércores 4 de decembro vivimos unha xornada escolar diferente en Outeiro de Rei (Lugo) na terra do escritor Manuel María.
Despois de nos aproximarmos á súa figura e obra a través da exposición que previamente visitamos no centro, desprazámonos ao cemiterio desta localidade para homenaxear o poeta cunha ofrenda poético-floral.
Deseguido, dirixímonos cara á que foi a súa casa natal, A Casa de Hortas, agora convertida en casa museo que recolle todo o legado persoal e literario do escritor en galego máis prolífico de todo o século XX.
A primeira parada foi na antiga palleira da casa, hoxe en día adaptado e acondicionado o seu uso como auditorio, onde nos recibiu o noso guía Fran Rei, ou o que é o mesmo, Fran de Xaviña!
Percorremos as diferentes estancias desta casa labrega observando o conxunto da obra literaria de Manuel María, as mostras da súa faceta dinamizadora cultural e de compromiso político, as coleccións de navallas ou de plumas estilográficas, os seus premios e recoñecementos...
... e a inmensa e completísima biblioteca de máis de 12.000 volumes.
E despedímonos deixando a nosa lembranza agradecida impresa no Libro de Visitas da casa.
Vémonos na próxima saída?
Ningún comentario:
Publicar un comentario