09/12/13

ENTREVISTA A ROSA ANEIROS



Hai uns días, a partir da recompilación de preguntas que preparou a compañeira Judith, enviamos por email este cuestionario que agora reproducimos coas respostas de Rosa Aneiros, autora da nosa primeira lectura trimestral en 4º, Ás de bolboreta.

Moitas grazas a Judith e a Rosa por nos permitiren acceder a este diálogo.



1. O bar O Luzada é real? Se é así, onde se atopa e que te levou a tomalo como modelo espacial?
Non é real..., de todo. Hai un espazo que se lle parece moito, moito pero non coincide exactamente coa descrición que eu fago do Luzada. Escollín un lugar nunha cidade meca de peregrinos, xusto no límite dunha zona peonil e preto dun colexio porque necesitaba todos eses elementos narrativamente. Eses compoñentes axudábanme a tecer o relato e a contar os sucesos que acontecen... O bar é un magnífico lugar de reunión de persoas descoñecidas con culturas, valores, ideoloxías, condicións sociolaborais e idades diferentes.


2. Cales foron as razóns que che levaron a escribir as distintas historias que forman Ás de Bolboreta?
As historias naceron por separado e, cando xa tiña varias, decateime de que había un fío condutor que podía unilas para construír un único universo literario. Ese fío non era outro que o bar Luzada, ese espazo que fai que conflúan os personaxes e os seus tempos. Cando fun consciente disto todo foi moito máis sinxelo de narrar.

3. Por que os capítulos están numerados e non teñen un título fixo?
Ahhhh... Os capítulos teñen o seu aquel! Responden a unha lóxica que non é a correlativa habitual e por iso sorprenden. Pero asegúrovos que teñen un, ou varios sentidos. Pensade nos tempos. Pensade nos espazos. Nos números positivos. Nos números negativos. Nos correlativos. Nos saltos. Isto é moito máis divertido que poñer título fixo! Gústame moitísimo xogar con quen le e esta é unha maneira de presentarvos un crebacabezas para que vós sexades parte activa da lectura..

4. Inspirácheste nalguén real para definir a cada un dos personaxes? E para definir a súa historia?
Non hai ningún personaxe que case exactamente con alguén que coñeza pero, por desgraza, moitas historias acabaron sendo reais. Lembrades os rapaces do monte Gurugú? O outro día produciuse un suceso terrible na aba dese monte cos inmigrantes que intentaban entrar en Europa. Lembrades a rapaza kurda e a súa acción suicida? As chamadas -mal chamadas- primaveras árabes tiveron o seu detonante na queima ao bonzo dun rapaz que rexentaba un posto de froitas e verduras en Tunisia... E así podería seguir... A realidade sempre supera a ficción, particularmente cando falamos de historias que teñen a súa orixe na actualidade inmediata.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

DESPEDIDA