Lembrades o exercicio de memoria que fixemos a comezos do pasado novembro sobre o décimo aniversario da catástrofe ecolóxica, ambiental, industrial e económica que provocou o afundimento do petroleiro Prestige?
O obxectivo último procuraba a redacción dun texto expositivo que recompilase a información traballada a partir dos audiovisuais e novas xornalísticas incorporadas ao blog.
Partillamos desde aquí a reflexión de Marina de la Iglesia Costa, de 3ºB. Parabéns por este magnifico exercicio de expresión escrita!
Prestige
Un trece de novembro de 2002 un barco cargado con miles de litros de
petróleo viuse inmerso nun temporal. Días máis tarde, para ser exactos, o 19 do
mesmo mes ás oito da mañá, tras intentar alonxalo da costa, este partiuse en
dous, afundíndose a unha inimaxinable profundidade. Desta forma as costas
galegas, onde o Prestige quedou submerxido, empezaron a tintarse de negro. As
Rías Baixas enchéronse de petróleo, e toda Galicia comezou a estremecer.
Pouco a pouco, as consecuencias desta catástrofe natural fóronse
facendo máis e máis visibles. A nosa terra non volvería ser a mesma. Cada
segundo que pasaba era un segundo en contra das nosas fermosas praias.
Miles de animais catapultados baixo unha enorme mancha negra. Pero todo
isto tiña unha causa: a avaricia humana e, sobre todo, a deses que gobernan o
mundo. Os mesmos que intentaron tapar con cartos ese desastre que non pasaría
desapercibido por ninguén. Ante este feito a xente comezou a reaccionar e miles
de galegos e galegas protestaron para axudar á súa terra co lema de “Nunca
Máis”.
Pouco a pouco a xente foise sumando a limpar as praias de petróleo e a
salvar eses animais que non podían despegar as súas ás manchadas de negro.
Todo o que a avaricia e a torpeza humana destruíra, agora estábase volvendo a construír grazas á solidariedade e
o amor á nosa terra. Agora había un novo lema “Non nos afundiremos nunca máis”.
De todo isto hai xusto dez anos, dez longos anos cheos de cruces negras
colocadas sobre area galega. Neste tempo todo mellorou e agora parece unha
simple mancha do pasado, pero, moi no fondo, todos sabemos que as costas
galegas non volveron nin volverán a brillar coma antes. Por iso despois dunha
década volvemos a berrar ben forte “Nunca Máis”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario