19/12/12

FIN DE TRIMESTRE

Os últimos días desta semana estamos a celebrar no centro actividades formativas complementarias que nos axudan a formarnos fóra da aula.

Onte, martes, a visita da escritora María Solar axudounos a descubrir o Códice Calixtino como fonte de información para a súa novela As meigas de Lupa, xunto a todo o pasado lendario próximo ao seu barrio de Santiago onde naceu, que ela coñeceu grazas ás conversas coa súa nai.

Hoxe, mércores, a musicóloga polaca, especialista en literatura galega medieval, Paulina Ceremuzynska, volveu reiterar o alto valor da nosa lírica medieval, a importancia de coñecérmola e divulgala desde o orgullo por un patrimonio inmaterial único que por historia nos pertence como pobo. As cantigas medievais galegas son un herdo que estimar de maneira especial. Se non conservamos e queremos o patrimonio material e o inmaterial, seremos un pobo sen alma e, polo tanto, sen futuro, lembrounos Paulina.

Mais, non todas as persoas galegas concordan con esta idea. Hoxe mesmo, coñecemos unha triste nova, unha triste conversa que se produciu estes días no programa nocturno da Radio Galega, "Pensando en ti".
Independentemente da opinión que cadaquén teña, coido que cómpre escoitala e tirarmos conclusións, pois aquí se visualizan boa parte dos contidos de sociolingüística que traballamos en 3º e en 4º de ESO.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

DESPEDIDA