Os topónimos sempre se orixinan a partir do léxico da fala, aínda que logo poidan perder a súa transparencia semántica e xa non ser tan
evidente o seu significado.
A orixe dos topónimos galegos é diversa e cronoloxicamente moi anterga: prelatinos (Bergantiños, Noia), latinos (Compostela, Vigo), xermánicos (Zas, Castriz), árabe (Alfoz, A Mezquita), etc.
Non sempre é doado clasificar os topónimos segundo o seu significado, pois co paso do tempo moitos resultan hoxe de complexa explicación. Con todo, de moitos deles si podemos aínda identificar a súa natureza semántica.
Temática
Os topónimos poden clasificarse tematicamente:
- Fitotopónimos ou nomes de lugar referidos ao mundo vexetal, natural ou cultivado: Cerdedo, Fraga, Castañeda, Soutelo, Teixido, Xardoal, Xestelas.
- Zootopónimos, topónimos relacionados coa fauna, salvaxe ou doméstica: Abelleira, Aguiar, Cebreiro, Golpellás, Lobeira, Sardiñeira, Vacariza.
- Antropotopónimos: nomes de lugar referidos a nomes persoais ou familiares (antropónimos): Chamín, Allariz, Cazurraque, Ceide (do árabe SAYID), Os Gómez, Morquintián, Paiosaco, As Pontes de García Rodríguez, Negueira de Muñiz.
- Haxiotopónimos ou nomes de lugar referidos a algún santo ou advocación sagrada: O Corpiño, Santalla, Santa Cubicia, Santo Estevo, Sanxés e Sanxenxo.
- Etnotopónimos, derivados de xentilicios ou etnónimos: Astureses, Cambeses, Cumbraos, Faramontaos, Francos, Lemos, Toldaos, Trives.
- Hodónimos ou nomes de lugar referidos a vías de comunicación: Carral, Catrocamiños, A Estrada, Estación, A Pontenova, Rodeiro, O Vao, Vieiro.
- Límites e referencias espaciais, ás veces resumidas nun adverbio: Alén, Lence, Limideiro, Pedrafita, Suso ou Susao.
- Construcións:
- Edificios e construcións: Antas, Arcos, Cabanas, Casanova, Castelo, Pacios, Orro, Valadás, Venda Nova, Torre, Tuñas.
- Edificacións relixiosas: O Convento, Cruceiro, Eirexa, Ermidón, Mosteirón, Sinoga.
- Explotacións agropecuarias: Abertal, Agrasar, Curros, Eirelas, A Graña, Granxiña, Rozadal.
- Explotacións industriais e comerciais: Concheiros, Escourido, A Fábrica, Ferreirúa, Muíños, Porto do Son, Tenda, O Vinteún (referencia á data do mes no que se celebraba a feira, cfr. Feira do Trece máis revelador), Viveiro.
- Condicións meteorolóxicas: Bufarda (na acepción de "lugar ventoso"), Corisco, Escuriscada, Invernal, Ventosela.
- Institucións (políticas, económicas, sociais ou outras): Alfándega, Bailía, O Condado , Couto, Encomenda, Estanco, O Foro, Temple.
- Topónimos derivados doutros, por razóns diversas (moitas veces como etnotopónimos): Callao, Laciana, Mondego, Rozabales, Santiago, Sarreaus.
- Anecdóticos ou creacións expresivas diversas ou que lembran unha circunstancia especial actualmente non fácil de explicar (aínda que cómpre confirmar estas explicacións para non caer na etimoloxía popular): Mexadeiro, Mollafariña, Boimorto, Salsipodes, Cuspedriños (procede da forma latina CURROS PETRINEOS, "curros de pedra").
A toponimia galega é moi ampla, e polo que se ve, as formas para clasificala tamén. jose 4º
ResponderEliminarClaro que o é, Jose, e axúdanos a identificar o contorno que nomea de maneira singular. Agora teremos que ver como se aplica isto ao noso concello, que imos comezar a estudar en breve, desde a toponimia e a microtoponimia. Preparado?
ResponderEliminarMercedes, por favor, sería interesante que indicases que a información está tomada da galipedia :)
ResponderEliminarPor suposto, así foi feito na información entregada e traballada na aula, para alén de acceder á propia fonte documental dixital que citas.
ResponderEliminarMoitas grazas polo teu oportuno comentario.
Saúdos!