12/02/15

PARABÉNS PARA TI!

Hai por aí alguén de aniversario hoxe? E mañá? E pasadomañá?

Xa non hai desculpa para non lle cantar como é debido ao tempo que lle tiramos das orellas a quen estea de festa de aniversario.

Por que? A saber...que pasou onte na biblioteca de Carballo...



VISITAS PARA NON ESQUECER



As horas centrais deste martes foron ben excepcionais fóra das aulas. A aula de lingua e literatura mudou de espazo, cedéndolle o protagonismo á Casa-Museo de Asunción Antelo, veciña da parroquia de Seavia.



Desta volta, tiñamos lido previamente algúns dos seus poemas e relatos e quixemos homenaxeala cunha lectura colectiva da súa propia obra, escrita con moitas dificultadas, sen apenas acceso á educación, ao longo dos seus 95 anos de vida.


A descuberta da nosa escritora e artesá máis ilustre, Asunción Antelo, e do seu impresionante museo, deixou unha fonda pegada en todas nós.





Grazas, Asunción, por tan bo exemplo humano, por tanta xenerosidade e por tanta lección de vida a contrafío!

Grazas tamén a Isabel Rey por nos facilitar este encontro e continuar dando vida ao legado de Asunción!

01/02/15

NON ME CONTROLES!


Imos comezar observando atentamente esta viñeta de Luís Davila e describindo a nosa interpretación. 



Deseguido, leremos esta información de actualidade sobre o control de parella que unha parte importante da mocidade non só recoñece que existe e practica, senón que a xustifica dentro da normalidade dunha relación de parella.


Finalmente, elaboraremos un texto argumentativo sobre esta nova atendendo á estrutura que o debe guiar.

28/01/15

DE DESCUBERTA POR COMPOSTELA

Esta xornada de mércores foi ben diferente ás habituais. 


Primeiro, iniciamos unha mañá ben teatreira onde rimos moito a conta dos prexuízos lingüísticos existentes na sociedade galega e que tan ben escenificaron os actores e a actriz da compañía ceense, Talía Teatro.

Nós, falamos sen 
             
              Pelos na lingua


E logo, no Museo da Historia Natural percorremos hábitas, ecosistemas e coleccións de minerais e rochas próximos e alleos, que moito nos sorprenderon pola súa riqueza e variedade.



Agardamos polas vosas impresións na sección de comentarios.

Quen se anima a comezar?

05/01/15

CANTOS DE REIS

Imos botar ben alto algún cantar de Reis, non vaia ser que non acorden parar nas nosas casas.

Convosco... 

Os Cempés!


04/01/15

FELIZ DÍA DE REIS


Na véspera do Día de Reis, deséxovos un día grande de sorpresas que chegan de quen máis vos quere.

E por se alguén quere saber o que pensan e falan os Reis Magos, podedes pasearvos polos múltiples relatos breves do seu gran libro. 

Con certeza, temos alguén ao redor a quen lle gustaría que o agasallásamos con palabras máxicas reais... ou non?


01/01/15

A DAMA DA NOITE



A dama da noite, da autoría de Xavier Seoane e publicada por Edicións Laiovento, é a nosa lectura trimestral.

Unha novela sorprendente e arriscada xa que converte Rosalía de Castro nun personaxe de ficcción narrativa. 

Por iso a trama argumental cabalga sempre entre a imaxinación narrativa e a propia biografía da escritora fundacional da literatura galega no século XIX.

A web da Fundación Rosalía de Castro pode ser un bo camiño inicial para irmos descubrindo que realidade histórica se agocha nestas páxinas da man da súa protagonista.

DESPEDIDA