27/12/16

DESPEDIDA DO ANO MANUEL MARÍA

Chega á fin este Ano Manuel María que despedimos por todo o alto.

Puxémoslle o ramo á lectura da súa obra compartida ao longo destes doce meses con actividades singulares que nos achegaron aínda máis ao autor que seguirá connosco sempre vivo na lectura da súa obra e dando nome á nosa biblioteca.

Manuel María foi o sorprendente eixo vertebrador do espectáculo de maxia de Martín Camiña, acompañado polo músico Álvaro Muras.



A Casa Museo Manuel María recibiunos en Outeiro de Rei para nos achegar aínda máis o legado do noso poeta.



A poesía foi a protagonista na ofrenda poético-floral que un grupo de compañeir@s realizou no cemiterio.



E como é tempo de nadal, de aninovo e Reis, velaquí nos despedimos cun poema de Manuel María moi propio destas datas.

Boas vacacións e feliz aninovo!

Romance dos Reis Magos 
 
-Onde camiñas, pastor,
con esa branca ovelliña?
-¡Voulle levar ao Deus Neno
a miña ofrenda cativa ... !
-Xa viñeron os Reis Magos
a ofrendarlle ouro e mirra
e a incensalo cun incenso
que moi bo recendo tiña.
-Eu non teño que lle dar
máis que esa ovella cativa
que o Neno Deus agradece
co lirio dunha sorrisa ... !
-Viñeron os Reises Magos
tripando moitos camiños
e por onde eles pasaban
ata a noite relucía.
Eran mouros os criados
que de paxes os servían,
moi briosos os cabalos
e lucida a comitiva.
En grandes arcós de prata
ricos presentes traguían.
Aló, no alto do ceo,
unha estrela estrelecida
ás folerpiñas de neve
co seu brillo derretía!
San Xosé estaba ledo.
Moito máis leda María.
O Neno Deus, no barrelo,
como un sol novo sorría.
-Eu non teño que lle dar
máis que esta ovella cativa
que o Neno Deus agradece
co lirio dunha sorrisa . ..!
Entre a neve e o corisco
o pastorciño camiña.
E no fondo dos seus ollos
unha estrela brilla, brilla:
aquela que aos Reises Magos 
servira de norte e guía...!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

DESPEDIDA