29/11/15

DESCUBRINDO A BRAIS MORÁN

Continuamos coa nosa serie de descubertas no campo da música galega e agora chega a quenda do músico da semana do noso blog: Brais Morán.

Nesta ocasión, foi Ezequiel Corporán (3ºB) o encargado de elaborar a entrevista ao músico destacado neste blog ao longo da semana pasada.

É hora de compartirmos publicamente as súas palabras para coñecelo moito mellor a nivel persoal e musical.




1- Como empezaches na música?
Veño dunha familia de músicos, co cal nacín cun pandeiro nas mans e escoitando guitarras desde moi pequeno. Sempre escoitei moita música variada e o meu oído estivo relacionado co ritmo mentres medraba. Aos 9 anos comecei a tocar a guitarra e comecei a estudar, até que hoxe en día me dedico a compoñer cancións.


2- A que anos empezaches a tocar profesionalmente?
Podería dicir que profesionalmente foi aos 19 anos cando comecei a traballar disto. Aos 13 xa tocaba con xente facendo grupos e participando en espectáculos de teatro.


3- Que instrumentos tocas?
O meu instrumento é a guitarra e, como me gusta cantar, sempre vai unido á voz, que é outro instrumento que hai que coidar moito.
Tamén toco algo o piano, pero simplemente para acompañar alguna canción sinxela.


4- O teu primeiro tema como compositor, cal foi, como o creaches, que te inspirou?
Mmm...qué difícil!!jejejePenso que non o lembro, pero pode que fose unha canción que non volvín tocar. A primeira canción en galego creo que se chamaba Porque ti choras e toqueina algún tempo con Loretta Martin. Aí seguro que me inspiraron os Beatles, Bob Dylan e as praias da Costa da Morte. Xa non me lembro como a creei, pero sería así como descubrín que sabía compoñer e deixeime levar.


5-Ademais de cantar (e tocar algún intrumento) dedícaste a algo máis?
Si. Son profesor de guitarra en escolas e traballo no mundo das artes escénicas: cine,teatro... Estudei a carreira de Historia da arte porque para min todo está na creación.


5- O artista co que máis te identificas, cal é?
Supoño que serán moitos... George Harrison, Mick Jagger, Jay Kay, Chris Cornell... Actualmente o artista galego co que máis me podo identificar é Fran Pérez Narf.


6- Poderíasnos contar algunha anécdota da túa carreira musical?
Cada ano vivo cousas diferentes, pero se teño que dicir unha moi especial foi cando me recibiron os nenos e nenas do CEIP de Arteixo e cantamos xuntos a canción En paz. Regaláronme un álbum con debuxos firmados por cada alumno. Foi increíble e emocionante.


7- Fálanos do teu estilo musical en particular,como chegaches a el?
Non teño estilo musical definido, pero son amante do funk,do soul e do rock.


8- Como definirías o teu novo traballo discográfico que comezas a presentar agora, Cruzando o eclipse?
Cruzando o eclipse é un disco onde teñen cabida todos estes estilos. A base de escoitar moita música saen as cancións e o seu son. Quizais poida dicir que é un repaso de toda a miña vida musical. É un disco con moita forza, moita melodía e moitas ganas de loitar polas cousas que queremos.



9- Con que artista che gustaría compoñer unha canción?
Xa o fixen con Fran Pérez e pódese dicir que foi un soño cumprido. Tiven a sorte de estar acompañado por Susana Seivane nun concerto e espero que co próximo artista co que compoña unha canción haxa a mesma química que houbo con eles.


10- No teu día normal, que fas? 
Traballo dando clase e preparando actividades, ademais de ensaiar e traballar na miña propia música. Gústame saír a pasear e verme coa xente que quero.Teño a boa sorte de poder organizarme para poder facelo todo.


11- Rematamos falando de futuro, como o imaxinas?

Somos dunha tribu que acredita no futuro e todo de nós depende no presente. Con iso defino que temos que loitar por mellorar e ser positivos ante a vida en calquera momento que amamos. O futuro dependerá do que aprendamos día a día.



Moitas Grazas por todo!

Cruzemos o eclipse xuntos!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

DESPEDIDA