20/10/15

DESCUBRINDO A GUADI GALEGO

Nerea, Carmen e Patri, compañeiras de 3º B, comparten connosco esta entrevista realizada á cantante Guadi Galego para nos achegar a quen presidiu nestas dúas semanas o espazo musical deste blog de aula.

Moitas grazas polo voso traballo! 

E moitas grazas a Guadi Galego pola súa atención, por acoller tan cariñosamente estas preguntas e por respondelas tan axiña!



1. A que anos empezaches a cantar? Quen te animou?
Pois realmente creo que canto dende que teño uso de razón, mais profesionalmente comecei relativamente tarde aos 23 anos.
Ninguén me animou,creo que me vin forzada pola situación.Tiña que dicir si ou non a cantar para entrar en Berrogüetto.
2. Estiveches en contacto coa música e o canto xa no teu ambiente familiar?
Si,na miña casa había afeccionados, sobre todo o meu pai, e lembro que miña avoa cantaba moito e ben.

3. Pensabas en dedicarte profesionalmente á música?
Non,nunca pensei en dedicarme profesionalmente a nada…iso ocorreu, sen máis.

4. Desenvolves algunha outra profesión?
Son mestra de primaria,iso faime feliz.

5. Tocas algún instrumento? De ser así, que prefires: cantar ou tocar?
Toco algo o piano, algo a gaita e un pouco a percusión. Mnnn... creo que cada cousa ten a súa función.Tocar permíteme compoñer de xeito máis divertido.

6. Participaches en varias formacións musicais e agora gravas en solitario: que opción che satisfai máis?
Ambas, creo que tocar nunha banda permíteche ver moito máis mundo que o teu propio; por outra banda, ser solista é correr coa responsabilidade, tamén é un reto.

7. Onde encontras a inspiración para as túas letras?
Heheheh….na vida vivida e na non vivida, nos soños que fican nas gaiolas e nos que arrincaron os feches!!!

8. Toda a túa música se expresa en galego; pensaches algunha vez en mudar o idioma para ser máis coñecida como artista?
Nunca pensei en mudar a lingua para ser máis coñecida, mais pensei en cantar noutra lingua porque as circunstancias o requerían…sen mais.

9. Que se sente cantando a túa música, na túa lingua, polo mundo e ser recoñecida con premios?
É algo que non se paga con cartos. O mellor do mundo é ver como a xente canta as túas cancións…na túa grande pequena lingua ,purrando e purrando.

10. Estás preparando algún novo proxecto despois do último que coñecemos, Lúas de outubro e agosto?
Estou compoñendo mais non sei para que…deixándome levar!!!Nunca se sabe.

2 comentarios:

  1. Paula Pose Pose24/11/15, 06:13

    Bo tema!
    https://www.youtube.com/watch?v=VSuS_pdCvSE

    ResponderEliminar
  2. Temazo! Efectivamente, Paula! Redescubriuno novamente o alumnado. Grazas pola recomendación e por nos visitares e acompañares, aínda que xa o teu camiño o esteas a construír mais aló do Pichel. Queremos visita!!!!!! Apertas!

    ResponderEliminar

DESPEDIDA