28/11/13

ENCONTRO COA ESCRITORA MARÍA SOLAR



Hoxe comezamos a mañá dun xeito ben diferente ao habitual. Mudamos a aula convencional de 3ºA e 3ºB pola Sala de Usos Múltiples para recibir a María Solar, a creadora da novela As meigas de Lupa, publicada por Edicións Xerais, que nos fixo cabalgar entre o século I e XXI coa rexa e valente Raíña Lupa como compañeira de viaxe.



Unha conversa con María Solar que tamén resultou diferente, pois descubrimos como a experiencia da escrita se foi achegando a ela desde a adolescencia até esta última publicación que tantas alegrías máxicas lle leva dado. Como senón se pode explicar que alguén a quen non coñecía a autora, como David Alonso Garzón, decida crear unha banda sonora de auténtico cine para o teu libro?










Aínda que continuaremos a escoitar esta banda sonora tan fermosísima e acaída á evolución da novela, imos deixar por aquí o enlace ao tema principal desta bada sonora que se titula "O soño de Lupa".

Moitas grazas, María, por nos acompañares hoxe para partillares conosco o pracer da lectura, da procura de historias máxicas que agardan por nós na casa, na familia e no contorno máis próximo, e da escrita!

22/11/13

PARA ESE ALUMNADO FUTBOLEIRO...

... que vive a procura do gol a flor de pel a todas as horas do día... vai dedicada esta entrada hoxe ( e sen que sirva de precedente...).



Quen vai empezar a compoñer este álbum de cromos futboleiro da Costa da Morte????


21/11/13

DA MUIÑEIRA DE RAZO ÁS PERÍFRASES VERBAIS

Hai uns días esta Lingua de Alcaián descubriunos nas aulas de 3º ESO a Muiñeira de Razo nos sons de Xabier Díaz. As coplas da muiñeira leváronnos ao estudo das perífrases verbais. Quen o diría, non si?

Como vimos a urxente necesidade de refrescar esta cuestión, velaquí un enlace directiño á identificación e clasificación do sistema perifrástico verbal galego. 

E como non hai mellor teoría que unha boa práctica, velaquí unhas actividades para se pór ao día.
 
A partir de agora non hai escusas que vallan...

20/11/13

DESTINO COÑECIDO

Desta volta a descuberta viaxeira si que foi fugaz!!!

Judith Martínez e Vanesa Varela decatáronse de que esta nova paradiña faciámola Nas Torres de Mens, mais foi Vanesa quen nos contou algo sobre este lugar bergantiñán tan particular.


A imaxe do blog pertence ás ''Torres de Mens'' que se encontran en Malpica de Bergantiños.

No pasado foi a fortificación dos antigos condes de Altamira; contruíuse entre os séculos (XI-XII) e, despois de ser destruída durante as Guerras Irmandiñas, en 1467 reconstruíuse no século XV. 
 
Consta de vivenda, patio e tres torres cunha muralla case circular.
 
Actualmente, non se pode acceder ao seu interior, permitíndose soamente o acceso polo exterior ata a torre da entrada.
 
O proxecto de restauración e rehabilitación do castelo ''Torres de Mens'', recibiu un diploma de ''Europa Nostra'' en 1993 pois supuxo a recuperación de patrimonio abandonado.

18/11/13

NOVA DESCUBERTA VIAXEIRA

Até tres pretendentas tivo hoxe o noso novo destino viaxeiro: Adriana Lista, Cintia Riveiro e Verónica Viqueira.

Que vos parece?

De entre as tres respostas atinadas, imos escoller a que, ademais, nos achegou información sobre este lugar: o Faro de Punta Nariga.



Deixámosvos coas palabras da guía de 4º Verónica Viqueira:

A foto do blog corresponde ao Faro de Punta Nariga. 
 
Este faro atópase en Malpica e é o último faro construído en España (1998).
 
O cilindro da torre está construído con granito do Porriño conforme o deseño do arquitecto César Portela.
 
Orientado ao oeste, preséntase como a proa dun barco que suca as augas, coroada por unha escultura de bronce. Esta trátase dunha particular estatua do artista Manolo Coia, tallada en 1994, cuxa figura se debate entre o humano e a forma dunha gaivota como se fose unha ave a piques de voar.

QUEN DIXO QUE RAZO SÓ ERA PARA O VERÁN?

Neste tempo de outono, de arrecendo a castañas asadas ou bañadas en auga de fiúncho, podémoslle botar unha cántiga ou unha bailadela a ritmo desta Muiñeira de Razo da Costa interpretada por Xabier Díaz, acompañado por Pedro Lamas (saxo soprano) e Suso Iglesias (acordeón).




15/11/13

VERBAS PARA COMPARTIR

Imos ollar as verbas que reproduce esta curtametraxe, recoñecer aquelas cuxo significado descoñecemos para adoptalas para o noso uso. Finalmente, deixaremos máis abaixo en comentario unha palabra nova, da nosa especial preferencia, coa que nos agasallaremos.

Quen empeza?


DESPEDIDA