10/10/13

A POESÍA GALEGA ESTÁ DE NORABOA...



.. e nós canda ela, porque grazas ao poemario de Manuel Álvarez Torneiro, Os ángulos da brasa, hoxe a poesía galega gaña aínda máis en proxección exterior.

Por que? Pois porque este autor con este obra acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte español.



Imos ler a nova para coñecer o alcance deste recoñecemento.

E agora imos descubrir máis a fondo quen é o poeta Manuel Álvarez Torneiro e coñecer como empezou a escribir na súa propia voz.


08/10/13

DE CASTELAO A NATALIA SOUTO

Logo de rematarmos en 3º ESO a lectura das Cousas de Castelao, a compañeira de 3º B bríndanos a súa valoración persoal desta lectura.

Graciñas por compartírela connosco, Natalia!

Ilustración do relato O pai de Migueliño


Neste libro, a través de 45 relatos breves, Castelao reflexa a Galicia nunha época de pobreza e dificultades na que a xente se vía obrigada a emigrar ás Américas.

A través destes relatos Castelao acércanos á vida deses momentos históricos.

Cabe destacar a súa forma de escribir, sen dúbida inconfundible pola maneira de expresarse.

Ademais, cada relato vai acompañado dun debuxo feito polo propio autor, no que se recolle a idea principal.

Dalgún xeito, esta lectura lembroume que a realidade que se recolle en moitos destes relatos parece que está volvendo a aparecer.

06/10/13

HOXE CUMPRIRÍA 84 ANOS MANUEL MARÍA

Ao longo desta avaliación imos achegarnos, en colaboración co equipo de biblioteca e mais o de normalización lingüística á personalidade e á obra de Manuel María, o autor que dá nome á sala de lectura de secundaria.

Imos ir descubrindo o legado da súa escrita e hoxe, en lembranza do seu aniversario de nacemento, comezamos por este poema.

Que vos suxire? Con que efeméride celebrada en días pasados o relacionariades?
 

A palabra é a única chave que abre
a nosa soedade e pon, a luz
do sol e do luar,
a choída intimidade máis escura.
A palabra nomea e crea as cousas,
pon orde no mundo
e harmoniza toda a creación.
Cando prostituímos a palabra
estamos invocando o demoníaco.
E se deixamos morrer unha palabra
o universo enteiro
dóese de orfandade e desamparo.

04/10/13

DESCUBRINDO BERGANTIÑOS NAS SÚAS XENTES


As compañeiras de 3ºB Valeria Mato, Sara Costa e Natalia Souto achégannos esta breve reseña biográfica do persoeiro bergantiñán que andou estas semanas pola Lingua de Alcaián, Xurxo Borrazás.

Cedémoslle a palabra a estas mozas investigadoras:

Xurxo Borrazás naceu un 6 de agosto de 1963 en Carballo, aínda que dende 1990 vive en Vigo. É licenciado en Filoloxía inglesa e é coñecido, fundamentalmente, como narrador, aínda que tamén ten publicado ensaios e tradución de literatura inglesa para o galego.

As pezas narrativas publicadas ata a actualidade son:

- Cabeza de chorlito (1991)
- Criminal (1994): Premio da Crítica Española e Premio San Clemente
- Eu é (1996)
- Contos mavados (1998)
 - Na maleta (2000): Premio Antón Losada Diéguez
- Pensamentos impuros (2002)
- Ser ou non (2004)
- Costa Norte/ZFK (2008)
- Covalladas. Prosa vertical (2010)

Algunhas das súas obras son citadas como referentes da narrativa posmoderna. Os seus relatos breves están espallados en moitas obras colectivas.

En moitos dos seus textos pódese recoñecer a súa identidade carballesa, mais sorprende a ambientación da súa novela Costa Norte/ZFK en Razo

Moitas grazas Valeria, Sara e Natalia por partillardes o voso traballo connosco!

Quen será o róximo persoeiro bergantiñán que descubriremos?

01/10/13

MÚSICAS ROSALIANAS

 
O último traballo discográfico a partir dos poemas de Rosalía de Castro foi musicado polo sexteto Tempo Catro e editado en días pasados pola Asociación Socio Pedagóxica Galega.
O disco titúlase Os ollos que falan e podemos gorentar aquí o anticipo do tema inspirado no poema "Cantan os galos pra o día".
Que vos pareceu esta revisión musical rosaliana actual?

30/09/13

VERSOS DE OUTONO

 
É  OUTONO NO COUREL
(Uxío Novoneyra)
 
 Veu o tempo morno do Outono.
Os días son tardes longas...
O aire é unha cousa...
 
Caen as follas...
Sinto unha cousa
que se pousa en min e non me toca...

 Anda o vento ceibe polos eidos
con todas as ás soltas,
empreña os castiñeiros,
ripa as lousas dos teitos
e escachafoula nas portas.

Chove no monte e nas viñas.
 Chove pausiño prás sombras,
chove prá baixo e prá riba.
O aire de soño en soño,
a auga pinga que pinga...

DESPEDIDA