01/11/13

NOVO PREMIO PARA A LITERATURA GALEGA




Ardalén, o cómic de Miguelanxo Prado, acaba de gañar o Premio Nacional de Cómic. 







Despois da alegría que nos deu recentemente a poesía co libro de Manuel Ávarez Torneiro, Os ángulos da brasa, agora o cómic volve ao primeiro plano da actualidade.

Parabéns para o autor!!!



Mais que é realmente Ardalén, esta historia ambientada nos Ancares galegos que foi creando ao longo de tres anos!!!!

28/10/13

DESDE ALCAIÁN ATÉ LOU REED

Onte faleceu unha das voces xa clásicas do rock americano, pai do rock alternativo e escritor: LOU REED

A nosa lembranza para a súa xenialidade musical desexándovos que teñades, como di a canción, un PERFECT DAY!



Logo de gozar deste tema, repararemos na lingua do subtitulado e analizaremos as semellanzas e diferenzas entre a representación gráfica do galego e do portugués.

27/10/13

FÚTBOL PARA COMEZAR A SEMANA



O luns é xornada de resaca deportiva ou, mellor dito, futboleira, así que vos deixo por aquí un vídeo para traballármolo na aula. 

A primeira pregunta que vos fará esta profesora "inculta" en termos futboleiros será esta: como se chaman os xogadores deste equipo e cal é a súa orixe?

22/10/13

NOVA MIRADA CRÍTICA PARA "UNHA IMAXE VALE MÁIS"

Hai uns días podiamos ler por aquí o comentario crítico de Luciano Fernández e agora tócalle o turno ao texto expositivo de Luís Bermúdez.

Dúas versións completas, mais, como veredes, con algunha perspectiva contextualizadora diferente.



Este texto pertence ao libro Made in Galiza de Sechu Sende publicado en maio do 2007. Recibiu o premio Ánxel Casal da AGE dese ano e está traducido a varias linguas como o curdo e o turco.

No libro, Sechu Sende acércanos realidades de Galiza a través dos seus ollos; neste relato, co pretexto dunhas fotos, acércanos a realidade cotiá dos últimos cen anos en Galiza. 

A través dun álbum familiar váisenos contando a vida desas persoas e do lugar onde viviron. Os tataravós deixaron unha foto do día da súa voda; a bisavoa deixou cinco fotos deles e do lugar onde vivían; a súa avoa tamén engadiu as súas fotos. 

Con motivo das fotos acércasenos á realidade desta familia e mesmo de Galiza no último século: os tataravós dos que se ten un recordo, o bisavó que encargou as fotos antes de emigrar para a Arxentina, o avó que marchou fuxido da guerra para México e a súa muller envioulle fotos, o mesmo que fixo súa nai cando seu pai marchou emigrado para Suíza.

As fotos son unha memoria para as persoas que marcharon e co tempo son un recordo para os descendentes, para a familia e tamén para o mundo no que se vivía e que vai cambiando e, ás veces, se non se impide, incluso desaparece.

Podemos dividir o texto en varias partes; a primeira coincide co parágrafo inicial, onde a narradora nos presenta o álbum de fotos familiar. Na segunda parte, que comprende os nove seguintes parágrafos, as mulleres das distintas xeracións da familia van completando o álbum; podo intuír que se pode tratar dunha narradora, pois son as mulleres da familia as que completan o álbum. A terceira parte é un desexo do futuro do narrador ou narradora. Na cuarta e última parte,os tres últimos parágrafos, a nai no leito de morte cóntalle unha historia e despois entrégalle o álbum dicíndolle que nunca foi dela, senón que é da xeración futura como comprobará cando llo entregue á súa propia filla.

Neste texto a voz narradora cóntanos a historia da súa familia e do seu lugar onde os personaxes principais son as mulleres, as que quedan na casa coidando da familia e do entorno, pois os homes tiveron que marchar de Galiza por diferentes motivos.

A narración está en primeira persoa, pois cóntase mediante un personaxe protagonista. Este personaxe é omnisciente, coñece a realidade da historia e o que senten os personaxes.

O texto é unha descrición do álbum de fotos e as fotos que aparecen nel. As frases empregadas son curtas como tamén o son os parágrafos. As descricións son concisas e ao mesmo tempo expresan todo o necesario para darnos a coñecer a realidade física e a realidade emocional. O autor fai un uso da adxectivación precisa coa intención de transmitirnos ideas e emocións; por exemplo para transmitirnos a antigüidade, di que as fotos dos tataravós teñen un fondo gris, as da bisavoa nun fondo branco e negro e as da súa nai xa en cor. 
 
Para describir a paisaxe utiliza adverbios de cantidade; nun primeiro momento a montaña estaba inzada de castiñeiros, despois xa hai menos vacas e menos castiñeiros e xa aparecen algúns piñeiros e eucaliptos.

Neste texto Sechu Sende fai unha semblanza no cambio do rural galego, o cambio da paisaxe provocada polas persoas e como estas defenden o seu no momento en que está en perigo a súa terra. Neste momento en Coristanco pasa algo parecido, pero, en vez dunha canteira queren poñer unha mina de ouro que vai dar moita riqueza durante dez anos. Eu creo que “non é ouro todo o que reloce”, a mina é moi contaminante porque para separar o ouro usan o cianuro e, ademais, vai ser a ceo aberto, polo que afectará aos campos de cultivo e as explotacións gandeiras. Tampouco creo que dea moito traballo, pois a maioría dos empregados serán técnicos cualificados de fora. Explico isto porque nós, como a protagonista, tamén estamos intentando botalos.

Tamén descubrimos ao longo de toda a narración que no transcorrer das décadas en Galiza tívose que emigrar, esta era unha emigración forzosa porque aquí había moita miseria.

Agora mesmo, como non hai traballo, a xente comeza a emigrar novamente, en moitos casos como no relato só vai o home, pero tamén marchan as familias enteiras.

21/10/13

REPASAMOS A CANTIGA DE AMIGO

Imos rematando coa análise da cantiga de amigo, así que é bo momento para repasarmos os seus trazos identificativos neste texto de Martín Códax.

 Ay Deus, se sab' ora meu amigo
com' eu senneira estou en Vigo!
E vou namorada.

Ay Deus, se sab' ora meu amado
com' eu en Vigo senneira manno!
E vou namorada.

Com' eu senneira estou en Vigo,
e nullas gardas non ei comigo!
E vou namorada.

Com' eu senneira en Vigo manno,
e nullas gardas migo non trago!
E vou namorada.

E nullas gardas non ei comigo,
ergas meus ollos que choran migo!
E vou namorada.

E nullas gardas migo non trago,
ergas meus ollos que choran ambos!
E vou namorada.


Acompañádevos da delicada interpretación musical de Paulina Ceremuzynska...




AI FLORES DO VERDE PINO, D. DINÍS


13/10/13

"UNHA IMAXE VALE MÁIS"

Seguramente a lectura deste relato de Sechu Sende nos axudou a reflexionar sobre a evolución das xeracións familiares e mais a mudanza do medio natural e non só debido ao paso do tempo.

Superada a primeira proba iniciática para nos adentrarmos no mundo do comentario de texto, imos deixar constancia daquel que nos pareceu o máis completo e reflexivo.

Os parabéns a todo o alumnado de 4º que participou nesta tarefa traballando o proceso a partir de múltiples rascuños que finalmente, tras sucesivas correccións, deron o seu froito nun texto persoal definitivo.

Parabéns para Luciano Fernández polo seu traballo e grazas por nos permitir partillalo publicamente aquí.

Quedamos coas palabras de Luciano tiradas á luz da lectura de "Unha imaxe vale máis", relato pertencente ao libro Made in Galiza de Sechu Sende. Non perdades fío...




 “Unha imaxe vale máis”

 Esta curta narración pertence ao libro Made in Galiza escrito por Sechu Sende (Padrón, 1972) e publicado pola editorial Galaxia en 2007. Ese mesmo ano, as editoriais galegas déronlle o premio “Ánxel Casal” ao mellor libro do ano. Graváronse vídeos basados en fragmentos deste libro, publicáronse cómics e ata guías de lectura.
           
 Neste relato cóntase a historia dun álbum  familiar, que foi pasando de xeración en xeración e no que hai fotos moi antigas e outras recentes. Na maioría das fotos aparecen os donos do álbum no momento no que se tirou a foto, mais hai fotos nas que aparece unha paisaxe. En teoría as fotos retratan o mesmo lugar, mais, certamente, ese lugar non parece o mesmo debido aos cambios feitos nel polos humanos. Ao final do relato cóntase unha pequena historia dunha muller e o seu álbum, que creo que quere lembrar a importancia dos recordos sobre os bens materiais. Tamén destaca a importancia da muller como transmisora do legado familiar, xa que o álbum pasa sempre de nai a filla.

Creo que o tema principal desta narración é ese, a importancia dos recordos. Isto demóstrase en feitos como que todas as xeracións desa familia foron deixando o álbum aos seus descendentes, o que nos di que non queren olvidar os seus antepasados e, moito menos, os seus recordos. O tema tamén se manifesta de forma clara no relato final.

 A estrutura narrativa deste relato é uniforme (lineal), xa que creo que todas as partes teñen o mesmo nivel de interese, como ocorre en moitas historias deste tipo. Este texto divídese en tres partes:
  
Ao meu parecer,  a introdución recollería soamente o primeiro parágrafo, xa que nel nos introduce no que se vai falar no resto do relato.
 
O nó serían os dez seguintes parágrafos, ata que empeza a historia que a nai lle contou un día á narradora. Penso isto porque nestes dez parágrafos coméntase todo o relacionado co álbum, como as fotos que posúe, como son esas fotos, etc.

Por último, o desenlace serían os catro últimos parágrafos, onde se conta a historia da muller que preferiu gardar o álbum cos seus recordos antes que os seus bens materiais e cando a nai lle deu o álbum á súa filla, neste caso, a narradora.
  
En canto aos personaxes, opino que o protagonista é o álbum, xa que todos os feitos xiran en torno a el e fálase continuamente del ou das fotos que contén. A personaxe secundaria nesta historia creo que é a  muller que actualmente ten o álbum, é dicir, a narradora. Tamén aparecen outros personaxes, como os antepasados da familia. O papel dos antepasados é un papel moi parecido ao que cumpriron os antepasados de moitas familias na realidade: os homes tiñan que emigrar para buscar traballo ou eran destinados a ir á guerra, e as mulleres quedaban coidando da casa e dos fillos. Os tataravós tamén teñen un papel máis concreto que o resto de antepasados non teñen, xa que  foron eles os que tiveron a idea do álbum e os que o comezaron.
  
A voz narradora asígnalle ás mulleres a función de transmitir de xeración en xeración o legado familiar, neste caso o álbum. Deste xeito, tamén transmiten os recordos e lembranzas da familia.
  
En canto ao espazo, eu diría case con total seguridade que é Galiza. Baséome principalmente na paisaxe, xa que me parece a galega, debido a que fala de prados, muíños, vacas, castiñeiros e algunha montaña, o que me recorda a moitas aldeas galegas. Tamén hai outros aspectos totalmente diferentes que me axudaron, como o da emigración, xa que os homes das distintas xeracións da familia da que se fala na historia emigraron a Bos Aires, México ou Suíza, que eran destinos onde emigraban galegos moi frecuentemente. 

En canto ao tempo externo, eu diría que é moi actual, pola paisaxe que hai nas últimas fotos que tiraron, xa que xa hai eucaliptos e hai menos castiñeiros e menos vacas, e tamén di que xa viñeron escavadoras e intentaron abrir unha canteira; pola contra o tempo interno presenta unha evolución clara e prolongada, xa que comeza na xeración dos tataravós, hai cen anos máis ou menos e remata na época actual.
  

Prodúcese unha evolución en paralelo do espazo e do tempo, xa que os cambios que se observan desde a primeira imaxe ata a última son froito da man do home. Estes cambios ocorreron de forma moi similar na realidade, polo que se podería datar, de forma moi aproximada, a época na que viviu cada xeración.
  
Eu creo que os tataravós comezaron o álbum con vinte ou trinta anos, no ano 1900 máis ou menos. Os bisavós empezarían a colar as fotos no álbum no ano 1925. Os avós, entre dez e quince anos despois, máis ou menos no 1935 ou no 1940. Os pais no ano 1960 aproximadamente, ata que a nai morreu e lle deixou o álbum á súa filla, quen o posúe actualmente. Estas datas son aproximadas, aínda que se poden  intuir por algún acontecemento real histórico, como a Guerra Civil Española, do 1936 ao 1939, que fixo que moitos homes tivesen que fuxir a outros países para non ter que loitar. Este é o caso do avó da narradora, que fuxiu a México, polo que podemos aproximar a data dunha forma bastante precisa. Tamén podemos intuír a data na que viviu a xeración dos tataravós porque a principios do século XX foi cando máis se emigrou a países de  América, sobre todo a Buenos Aires, en Arxentina, ou a lugares cercanos a ese, como fixo o bisavó da narradora. Por outra banda, o pai da narradora emigra a Suíza, e cando máis xente emigrou a Suiza foi entre os anos 1950 e 1970 máis ou menos, o que tamén nos permite coñecer esta data. 

A voz narradora está en primeira persoa, e creo, como xa dixen, que é a muller da familia que posúe actualmente o álbum. Creo que hai un exemplo no relato co que se demostra que é a narradora e máis quen posúe o álbum: “Cando miña nai acabou de contarme a historia, deume o álbum”.
  
A narradora trata o tema desde un punto de vista subxectivo, debido a que está totalmente involucrada no contido do relato. Isto obsérvase en exemplos como: “É un álbum especial”, xa que utiliza un adxectivo valorativo; “seguramente”, xa que utiliza ou adverbio que indica certeza; e a que creo que é a máis clara: “Gustaríame pensar”.
  
Analizando o aspecto formal, atópanse moitas descricións, xa que se describen as persoas que saen nas fotos do álbum e sobre todo as paisaxes e os cambios que sufriron debido á man do home co paso do tempo. Aparecen tamén algúns adxectivos, que a narradora utiliza para describir algunha imaxe: “son alegres nun branco e negro algo triste”. Hai un caso no que tamén utiliza o adxectivo para manifestar a súa opinión: “é un álbum especial”. Aparecen tamén algunhas comparacións, xa que a narradora compara rasgos físicos dela con rasgos dalgunha das súas antepasadas. Tamén se compara a paisaxe co paso dos anos.
  
O escritor deste relato emprega unha linguaxe sinxela, que non é difícil de entender. Aparecen poucas palabras de significado complexo, polo que creo que o autor escribiu este relato para que todos o puidesen ler e entender. Hai conectores temporais, como por exemplo “e despois”, que son moi frecuentes en textos narrativos. Tamén aparece a anáfora na palabra “foto”, que se repite moito ao longo de todo o texto. Creo que se repite tanto para recalcar esa palabra e darlle importancia, e penso que tamén lle dá máis fluidez e rapidez ao texto.
  
O ritmo narrativo é fluído, xa que non se detén demasiado en ningunha parte nin en ningún feito concreto, polo que pode narrar un amplo período de tempo en poucas liñas.
  
Na miña opinión, nesta narración búscase manifestar a importancia dos recordos, como se observa en varias partes do texto. Creo que tamén se busca, aínda que nun papel máis secundario, criticar os cambios, moitas veces excesivos, que fai o ser humano no medio natural.

DESPEDIDA