Hai uns días podiamos ler por aquí o comentario crítico de Luciano Fernández e agora tócalle o turno ao texto expositivo de Luís Bermúdez.
Dúas versións completas, mais, como veredes, con algunha perspectiva contextualizadora diferente.
Este texto pertence
ao libro Made in
Galiza de Sechu
Sende publicado en maio do 2007. Recibiu o premio Ánxel Casal da AGE
dese ano e está traducido a varias linguas como o curdo e o turco.
No
libro, Sechu Sende acércanos realidades de Galiza a través dos seus
ollos; neste relato, co pretexto dunhas fotos, acércanos a realidade
cotiá dos últimos cen anos en Galiza.
A través dun álbum familiar
váisenos contando a vida desas persoas e do lugar onde viviron. Os
tataravós deixaron unha foto do día da súa voda; a bisavoa deixou
cinco fotos deles e do lugar onde vivían; a súa avoa tamén
engadiu as súas fotos.
Con motivo das fotos acércasenos á realidade
desta familia e mesmo de Galiza no último século: os tataravós dos
que se ten un recordo, o bisavó que encargou as fotos antes de
emigrar para a Arxentina, o avó que marchou fuxido da guerra para
México e a súa muller envioulle fotos, o mesmo que fixo súa nai
cando seu pai marchou emigrado para Suíza.
As
fotos son unha memoria para as persoas que marcharon e co tempo son
un recordo para os descendentes, para a familia e tamén para o mundo
no que se vivía e que vai cambiando e, ás veces, se non se impide,
incluso desaparece.
Podemos
dividir o texto en varias partes; a primeira coincide co
parágrafo inicial, onde a narradora nos presenta o álbum de fotos familiar.
Na segunda parte, que comprende os nove seguintes parágrafos, as
mulleres das distintas xeracións da familia van completando o álbum;
podo intuír que se pode tratar dunha narradora, pois son as mulleres
da familia as que completan o álbum. A terceira parte é un desexo
do futuro do narrador ou narradora. Na cuarta e última parte,os tres
últimos parágrafos, a nai no leito de morte cóntalle unha historia
e despois entrégalle o álbum dicíndolle que nunca foi dela, senón
que é da xeración futura como comprobará cando llo entregue á
súa propia filla.
Neste
texto a voz narradora cóntanos a historia da súa familia e do seu
lugar onde os personaxes principais son as mulleres, as que quedan na
casa coidando da familia e do entorno, pois os homes tiveron que
marchar de Galiza por diferentes motivos.
A
narración está en primeira persoa, pois cóntase mediante un
personaxe protagonista. Este personaxe é omnisciente, coñece a
realidade da historia e o que senten os personaxes.
O texto
é unha descrición do álbum de fotos e as fotos que aparecen
nel. As frases empregadas son curtas como tamén o son os parágrafos.
As descricións son concisas e ao mesmo tempo expresan todo o
necesario para darnos a coñecer a realidade física e a realidade
emocional. O autor fai un uso da adxectivación precisa coa intención
de transmitirnos ideas e emocións; por exemplo para transmitirnos a
antigüidade, di que as fotos dos tataravós teñen un fondo gris, as
da bisavoa nun fondo branco e negro e as da súa nai xa en cor.
Para
describir a paisaxe utiliza adverbios de cantidade; nun primeiro
momento a montaña estaba inzada de castiñeiros, despois xa hai
menos vacas e menos castiñeiros e xa aparecen algúns piñeiros e
eucaliptos.
Neste
texto Sechu Sende fai unha semblanza no cambio do rural galego, o
cambio da paisaxe provocada polas persoas e como estas defenden o seu
no momento en que está en perigo a súa terra. Neste momento en
Coristanco pasa algo parecido, pero, en vez dunha canteira queren
poñer unha mina de ouro que vai dar moita riqueza durante dez anos.
Eu creo que “non é ouro todo o que reloce”, a mina é moi
contaminante porque para separar o ouro usan o cianuro e, ademais,
vai ser a ceo aberto, polo que afectará aos campos de cultivo e as
explotacións gandeiras. Tampouco creo que dea moito traballo, pois a
maioría dos empregados serán técnicos cualificados de fora.
Explico isto porque nós, como a protagonista, tamén estamos
intentando botalos.
Tamén
descubrimos ao longo de toda a narración que no transcorrer das
décadas en Galiza tívose que emigrar, esta era unha emigración
forzosa porque aquí había moita miseria.
Agora
mesmo, como non hai traballo, a xente comeza a emigrar novamente, en
moitos casos como no relato só vai o home, pero tamén marchan as
familias enteiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario