15/12/14

VALORACIÓNS SOBRE OS DATOS DO USO DO GALEGO POR IDADES



A interpretación obxectiva da gráfica da entrada anterior permitiunos confirmar que ao redor dun 25% das persoas comprendidas entre os 5 os 14 anos usan o galego sempre ou maioritariamente, mentres que case o 75% non o fan nunca ou case nunca.

Asemade, interpretamos que este feito imposibilita albiscar un futuro resistente e maioritario para o galego no seo da súa sociedade, pois cando se rompe a cadea da transmisión de lingua entre as xeracións (entre pais/nais e fillos/fillas) as dificultades para un idioma sobrevivir acrecéntanse perigosamente.

A análise exhaustiva dos datos deste inquérito do Instituto Galego de Estatística foi exposta en sucesivas entradas do xornal Praza, así que será este o primeiro punto informativo para esta tarefa.

Imos ler, despois, algunhas declaracións oficiais que pretenden xustificar estes datos por parte dos máximos responsábeis en materia de planificación lingüística, como son o Presidente da Xunta e mais o Conselleiro de Educación.

Tamén imos coñecer o parecer do escritor Xabier P. Docampo e deseguido cederemos a palabra a un alumno e unha alumna do IES Félix Muriel de Rianxo que tamén puxeron voz impresa ao seu pensamento reflexivo sobre esta cuestión.

Unha vez rematadas as lecturas atentas dos diferentes textos, chegará o momento de vos remangar e poñer mans á obra. Para facer que? Un texto expositivo-argumentativo en que, seguindo a estrutura propia deste modelo textual, expoñades a vosa impresión sobre a realidade lingüística que os datos deste inquérito están a fotografar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

DESPEDIDA