19/12/14
15/12/14
VALORACIÓNS SOBRE OS DATOS DO USO DO GALEGO POR IDADES
A interpretación obxectiva da gráfica da entrada anterior permitiunos confirmar que ao redor dun 25% das persoas comprendidas entre os 5 os 14 anos usan o galego sempre ou maioritariamente, mentres que case o 75% non o fan nunca ou case nunca.
Asemade, interpretamos que este feito imposibilita albiscar un futuro resistente e maioritario para o galego no seo da súa sociedade, pois cando se rompe a cadea da transmisión de lingua entre as xeracións (entre pais/nais e fillos/fillas) as dificultades para un idioma sobrevivir acrecéntanse perigosamente.
A análise exhaustiva dos datos deste inquérito do Instituto Galego de Estatística foi exposta en sucesivas entradas do xornal Praza, así que será este o primeiro punto informativo para esta tarefa.
Imos ler, despois, algunhas declaracións oficiais que pretenden xustificar estes datos por parte dos máximos responsábeis en materia de planificación lingüística, como son o Presidente da Xunta e mais o Conselleiro de Educación.
Tamén imos coñecer o parecer do escritor Xabier P. Docampo e deseguido cederemos a palabra a un alumno e unha alumna do IES Félix Muriel de Rianxo que tamén puxeron voz impresa ao seu pensamento reflexivo sobre esta cuestión.
Unha vez rematadas as lecturas atentas dos diferentes textos, chegará o momento de vos remangar e poñer mans á obra. Para facer que? Un texto expositivo-argumentativo en que, seguindo a estrutura propia deste modelo textual, expoñades a vosa impresión sobre a realidade lingüística que os datos deste inquérito están a fotografar.
NOVO DICIONARIO DE SINÓNIMOS
A Universidade de Vigo ofrecécenos unha nova ferramenta dixital para enriquecer a lingua galega desde calquera lugar.
Unha App lingüística coa que ampliaremos o noso campo lexicosemántico galego e á que lle daremos un posto destacado neste blog de aula.
Benvida!
14/12/14
NOVOS DATOS SOBRE O USO DO GALEGO
Estes días pasados coñecemos os datos do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego segundo a idade recollidos na Enquisa de condicións de vida 2013.
O técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, Nel Vidal, recolleu os resultados do inquérito nesta gráfica que vós deberedes interpretar e comentar por escrito nas sesións do luns e martes desta última semana de trimestre escolar.
Deseguido iremos publicando en sucesivas entradas algunhas valoracións e opinións de diferentes persoas e colectivos que nesta semana pasada se foi facendo pública.
09/12/14
MATRIARCAS
Neste día en que contabilizamos tres mulleres máis asasinadas por quen confunde o termo compañeiro, mozo ou marido, lembramos a homenaxe ás mulleres que a cantante Guadi Galego converte en protagonistas do seu novo traballo discográfico, Lúas de outubro e agosto.
Queremos as nosas Matriarcas canda nós, sempre!
Basta xa de terrorismo machista!
PESCUDANDO SOBRE MANUEL MARÍA
Iniciamos a nosa andaina investigadora ao redor da obra de Manuel María, o autor que dá nome á nosa biblioteca de secundaria.
Nesta primeira fase acompañounos a exposición de 30 paneis que nos foi introducindo nas ideas principais sobre a súa biobibliografía.
Tomando notas chegaremos ao vindeiro trimestre onde nos agardan varias sorpresas para completar o noso coñecemento deste escritor referencial ao longo da segunda metade do século XX.
E desde aquí compartillamos convosco as palabras do propio Manuel María nunha entrevista concedida hai uns anos ao programa "Amigos" na Galega.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
-
Neste tempo en tránsito estacional que andamos, despedimos o verán... ... para recibirmos o outono como merece, cos versos do poeta Ma...
-
En setembro de 2011 abriamos esta casa de comunicación e encontro pedagóxico extraescolar, complementaria das aulas de lingua e literatura ...
-
Ímonos achegando a Castelao a través do teatro, concretamente á adaptación de Cousas por parte da compañía Os Quinquilláns . Grazas...