01/07/18

DESPEDIDA DE XABIER P. DOCAMPO

Despedimos o curso cunha triste nova: a perda do escritor Xabier P. Docampo que ben presente estivo no noso centro grazas á súa visita, ao encontro connosco na exposición conxunta co ilustrador Xosé Cobas e mais nas lecturas deste curso: O misterio das badaladas e O país adormecido.



A nosa homenaxe activarase en cada lectura nova e en cada lembranza vivida nos momentos compartidos.



14/01/18

PERGAMIÑO VINDEL

Este martes 16 de xaneiro mudaremos o espazo didáctico habitual nas aulas de 3º e 4º do instituto por outros espazos ben diferentes.



O primeiro será a Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón e o segundo será no Museo do Mar de Vigo, onde está ubicada a exposición "O Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas".



Unha xornada ben diferente para nos achegar ao tempo fundacional da literatura galega na Idade Media, neste caso da man do trobador Martín Códax, e continuar co esplendoroso Rexurdimento decimonónico protagonizado por Rosalía de Castro.

Agardamos por aquí os vosos comentarios e impresións á volta desta viaxe didáctica.

08/01/18

O VALOR DA AFOUTEZA



Se cadra non estamos moi afeitas a pensar que as palabras tamén andan á moda, mais, rematado o 2017, soubemos que este ano pasado houbo unha palabra que brillou por riba das demais.

Imaxinades cal sería a Palabra do Ano para as persoas que participaron na elección promovida polo Portal das Palabras da Real Academia Galega?

Antes de entrar no enlace, poñede en común na aula cales serían as vosas palabras representativas do 2017 e logo cotexade coa selección finalista anterior.

08/12/17

ENCONTRO COA ESCRITORA EVA MEJUTO


Rematada a lectura da primera novela de Eva Mejuto, 22 segundos, chegou o momento de nos encontrar os grupos de 4º ESO con ela para partillar as nosas impresións como lectoras dunha novela diferente, valente e moi necesaria.

A súa visita permitiunos coñecer o proceso de creación e de investigación profunda sobre un tema que segue a ser socialmente un gran descoñecido e por iso un gran tabú: a transexualidade.

Moitísimas grazas, Eva, polo esforzo que fixeches para vir compartir connosco un anaquiño de tarde.



22/11/17

DE CAMIÑO CARA AO 25N

Cada 25 de novembro volve colocarse o foco de atención mediática nunha realidade diaria, que non desaparece nunca no día a día ou que mesmo semella reforzarse e ampararse socialmente: a violencia contra as mulleres.

Para reflexionarmos sobre esta data e a realidade social que representa imos escoitar a canción gañadora do II Certame de Música Infantil e Xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña, interpretada por un grupo de mozas que se fan chamar "Máis boas cás patacas".


12/11/17

IRMANDADES DA FALA, CEN ANOS DESPOIS

Cen anos despois as Irmandades da Fala volveron ser noticia e iso só pode explicarse por se soster no tempo o seu traballo e, sobre todo, o seu legado.



Mais imos volver a ollada polo retrovisor para coñecer exactamente o porqué desa vixencia atemporal e os logros do proxecto das Irmandades da Fala aínda na actualidade.


DESPEDIDA