23/09/15

BENVIDO OUTONO



Se en setembro empeza a chover, outono seguro é

A horta en outono mantén o seu dono
  
Outono chuvioso ano copioso

Outono quente trae o demo no ventre

Moita flor na primavera bon outono nos espera

San Migueliño das uvas maduras, moito me tardan e pouco me duran

Polo San Martiño vai ver o teu soutiño



Oficialmente xa temos connosco o outono e canda el vén o ciclo da vida da terra a dar os seus froitos de temporada, tal e como testemuñan os refráns populares.

Algúns deses froitos están agochados nas adiviñas. Imos ver quen dá cun froito ben común deste tempo agochado nesta...

Alto vivo,
mírame a xente
e se me río
quedo sen dente

Esta entrada ficaría incompleta sen a vosa colaboración, así que imos aló!

Quen nos agasalla refráns e adiviñas relativas ao tempo de outono?

O tempo comeza xa! 

 


18/09/15

FESTA DA PATACA



Esta fin de semana non vai haber outro falar que non sexa a XXV Festa da Pataca de Coristanco que, como todo grande evento, ten un pregoeiro de excepción que de certo non vos ha ser alleo ao alumnado que procede do colexio da Agualada: o profesor Evaristo Domínguez, gran coñecedor e incansábel investigador da comarca de Bergantiños.




Na Lingua de Alcaián agardamos pola vosa información de primeira man sobre a actualidade das súas palabras e da estupenda fin de semana festeira que agarda por estes lares.



17/09/15

QUE FALA A WIKIPEDIA?


Algunha vez detivéstesvos a pasear pola columna da esquerda dunha páxina da wikipedia? 

Cantas linguas existen no mundo real e tamén no virtual, non si? 

Cantas persoas temos acceso á información máis próxima a nós ou lonxana no noso idioma propio!

Hoxe soubemos que o galego ocupa en presenza na wikipedia o posto 45 con 125.000 artigos.

Imos saber máis do alcance desta nova tan importante que nos ofrece o xornal dixital Praza.

15/09/15

COMEZAMOS CON EFEMÉREDE LITERARIA



Tal día coma hoxe, 15 de setembro, mais de 1851, nacía o poeta Manuel Curros Enríquez en Celanova.

Que mellor momento para retomar a nosa capacidade investigadora e procurar respostas a estas preguntas?

Olliño! Que o alumnado de 4º ESO levades moita vantaxe!

CUESTIONARIO:

1. A que provincia pertence Celanova?
2. En que cidade comezou a súa carreira xornalística?
3. En que cidade galega gañou o primeiro certame poético?
4. Con que textos?
5. Que poemario publicou en 1880?
6. Por que poemas foi xulgado e absolto? Cal era a razón?
7. A que etapa da literatura galega pertence?
8. Foi Curros Enríquez emigrante?
9. Por que aparece o seu nome vinculado á fundación da Real Academia Galega?
10. Onde faleceu? Onde está soterrado?
11. Identifica lugares, espazos e edificios públicos galegos que leven o nome do poeta.
12. Por que viviu unha triste realidade recentemente unha virxe de cristal que dá nome a un poema seu?

Para acompañar o traballo, deixémonos levar pola musicalidade da voz de Uxía para este poema tan coñecido de Manuel Curros Enríquez.

Sorte coa investigación! Agardamos respostas aquí no blog até o 23 de setembro.


14/09/15

BENVIDA AO NOVO CURSO ESCOLAR 2015-2016




  "Cinco minutos bastan para soñar toda unha vida, así de relativo é o tempo"




Que tal se intentamos soñar conxuntamente todo un curso?

23/06/15

MÚSICA PARA A DESPEDIDA

Non hai mellor xeito de nos despedir deste curso que xa remata, nesta véspera do día de San Xoan, dono da noite máis curta e do día máis longo do ano, que con esta peza musical interpretada pola banda de Roi Casal, titulada precisamente Noite de San Xoan.

Volvede en setembro ben vacacionad@s!!!

Bos ventos para a xente magnífica de 4º que xa non virá máis que de cando en vez de visita. Non deixedes nunca de nos contardes como seguides o voso rumbo!!!

Bo verán!!!

25/05/15

A VOLTA A CURROS EN NOVE ETAPAS




Imos concluíndo o estudo do Rexurdimento galego coa lectura da obra poética de Manuel Curros Enríquez. Mais é preciso percorrer, canda os seus versos, un tempo de luz para a literatura, a lingua e a conciencia galega.

E xa sabemos que para aprender máis e mellor, non hai nada como un bo traballo de investigación cooperativo, man a man con cada membro dun bo equipo.

Esta é a metodoloxía que presegue a unidade didáctica A volta a Curros en nove etapas que agora iniciamos.

Mais, antes de comezarmos, imos facer unha proba inicial de coñecementos desde aquí.

Preparadas? Aló imos!

DESPEDIDA