12/02/14

3º DÍA CON ROSALÍA

Vanesa Varela (3ºA) escolleu este poema de Rosalía de Castro para a entrada deste 3º Día con Rosalía. Cal é a razón da súa escolla? Velaquí:

Escollín este poema porque me encantou a forma de expresar esas ganas de vivir e de facer o que ti penses sen atender a opinión doutras persoas que expresa Rosalía de Castro neste poema :)


Din que non falan as plantas, nin as fontes, nin os paxaros,
nin a onda cos seus rumores, nin co seu brillo os astros,
dino, pero non é certo, pois sempre cando eu paso,
de min murmuran e exclaman:


-Aí vai a tola soñando
coa eterna primavera da vida e dos campos,
e xa ben pronto, ben pronto, terá os cabelos canos,
e ve tremendo, atericida, que cobre a xeada o prado


-Hai canas na miña cabeza, hai nos prados xeada,
mais eu prosigo soñando, pobre, incurable somnámbula,
coa eterna primavera da vida que se apaga
e a perenne frescura dos campos e as almas,
aínda que os uns esgótanse e aínda que as outras se abrasan.

Astros e fontes e flores, non murmuredes dos meus soños,
sen eles, como admirarvos nin como vivir sen eles?

11/02/14

2º DÍA CON ROSALÍA

Hoxe toma a iniciativa Julia Vila (3ºA) para nos presentar Rosalía de Castro de xeito musical e en formato rapeiro.

O rapeiro monfortino "Kadi Galician Bully" presenta o seu tema "Rosalía de Castro" extraído do próximo disco "Galician Bullys" e grazas a el imos tirar algúns datos da súa biografía e pensamento, ademais de escoitar algún dos seus poemas.

Como era o seu ideario vital? A que poemas nos referimos? Quen responderá primeiro?


10/02/14

1º DÍA CON ROSALÍA

Hoxe iniciamos un camiño novo na nosa comunicación didáctica nas aulas de lingua e literatura galega de 3º e 4º ESO.

Sorprendid@s as persoas que non nos coñezan? Seguro que si, mais imos explicarnos.

Hoxe, 10 de febreiro, iniciamos unha viaxe á descuberta da escritora fundacional da literatura galega, Rosalía de Castro, que rematará o 24 de febreiro, o Día de Rosalía, coincidindo coa data do seu nacemento.

Cada xornada unha alumna ou alumno dos niveis antes mencionados achegaranos algún dato para descubrir esta escritora dun xeito poliédrico e desde diferentes enfoques e formatos. Elas e eles tomarán a palabra para partillaren colectivamente a Rosalía de Castro á que se van achegando.

Con certeza, habemos levar gratas sorpresas da súa capacidade investigadora!

Eu andaría ben atent@ cada día...



E para comezar, Sara Costa (3ºB) lánzanos a pregunta que se fixeron nesta escola de educación infantil de Lañas (A Baña): Viches a Rosalía de Castro?



07/02/14

FORMIGAS... INOCENTES?



Formigas foi a novela negra de Tucho Calvo que nos puxo a pensar sobre o mundo das formigas, especialmente sobre a súa capacidade de traballo e de organización colectiva, pois son ben conscientes (quen o diría con ese tamaño tan minúsculo e inocente que presentan!!!) de que o mellor xeito de conseguir un propósito beneficioso para a comunidade é arrimando o ombreiro cada un dos membros desa comunidade.


Agradecemos a Tucho Calvo a súa visita que moi ben acompañada viña dunha exposición fotográfica de formigas (como non!!!) e mais dos debuxos a lapis orixinais que realizou o ilustrador Abraldes para o libro.

A partir de agora andaremos moito máis atent@s ás formigas...

Aprendendo das formigas...

Lectoras de Formigas e presentadoras de Tucho Calvo
Descubrir a persoa que dá vida á nosa lectura

Aleixandre agardando feliz a dedicatoria do autor










03/02/14

MAPA DIALECTAL GALEGO



Unha lingua e moitas falas ou falares que axudan a responder esa pregunta tan galega: E ti de quen vés sendo?

Reparade neste audio libro que nos ofrece unha mostra representativa das variedades dialectais galegas. A continuación, realizade a tarefa explicada na aula e consistente en:

* Seleccionar unha gravación de cada bloque dialectal e localizar cinco trazos dialectais que a definan.



Lembrade que esta tarefa de aula será partillada e revisada na aula do vindeiro xoves 6 de febreiro.

24/01/14

UN POEMA INÉDITO DE MANUEL MARÍA


Despois da aproximación que fixemos á obra de Manuel María, coñecemos pola prensa que un novo poema até o de agora descoñecido, e non incorporporado á edición da súa obra poética completa en dous volumes publicada en Espiral Maior, acaba de ser descuberto.


Imos achegarnos ao escaparate de prensa para averiguar todos os datos desta descuberta.

23/01/14

EXPOSICIÓN MANUEL MARÍA

Velaquí a lembranza da exposición sobre a vida e a obra do poeta Manuel María que nos acompañou na última parte do trimetre pasado como preámbulo á estupenda visita á súa Casa-Museo en Outeiro de Rei.








Estupenda síntese que recolle o importante legado que herdamos deste escritor e que fomos descubrindo nas respostas a aquelas preguntas do cuestionario que tan afanosamente procurastes como testemuñan as imaxes.











Este ano 2014 é unha boa oportunidade para seguírmolo lendo, xa que se celebra o cincuentenario da publicación dun dos seus poemarios máis significativos: Terra Chá, do que iremos dando conta desde aquí.

Como primeiro avance podedes escoitar a versión musical de Uxía para o poema intitulado "Terra Chá" que o poeta nos deixou manuscrito na súa visita ao centro no ano 2000.



DESPEDIDA